Publicado por: MontePituco | 30/07/2018

DESBROCES DA COMUNIDADE DE MONTES EN PINAL DE CAEIRO

A primeiros de xullo descubrimos, nas nosas andainas polo Monte Pornedo (Pituco), que se realizaran traballos de desbroce na contorna da Variante de Marín, á altura dos lugares de A Pena e O Caeiro; que esas tarefas de limpeza da vexetación abranguían as marxes da pista de servizo da Variante pola parte do rego das Presas, a contorna dos depósitos de auga que abastecen a poboación do Caeiro, e a explanada da Pena, xunto co terraplén a carón do túnel da Variante.

Desbroce dunha das pistas de servizo, na parte esquerda da Variante

Desbroce na pista á esquerda da Variante

Nestas imaxes apréciase que a pista no lado dereito da Variante permanecía sen desbrozar

Xa daquela nos asaltou o temor e a preocupación de que, no caso de que o desbroce continuase na outra pista paralela, pola parte de Pinal de Caeiro, as máquinas puideran danar o xacemento arqueolóxico catalogado nese punto, coñecido como ‘O Ciclista’ pola súa peculiar fisonomía semellante á dunha bicicleta. 

Pero despois dos danos que se produciron a finais de 2016 no grupo nº5 do conxunto rupestre da Carrasca por uns traballos de desbroce con maquinaria pesada encargados pola Comunidade de Montes de San Xián, que se saldaron coa denuncia de catro colectivos de defensa do patrimonio, a apertura dun expediente sancionador por parte da Xunta e unha multa de 1.785€ -rebaixados a 1.071€ por aboalos no periodo voluntario de pagamento- pola comisión dunha agresión tipificada como “grave”, o lóxico era pensar que a Comunidade de Montes de San Xián tomara nota da neglixencia e aprendera do erro.

Pasaron os días e a finais de xullo a maquinaria pasou desbrozando as marxes da segunda pista. Daquela comprobamos que a superficie na que se actuara afortundamente non alcanzara o gravado rupestre. A situación na que se atopaba este petroglifo tampouco era a máis idónea, rodeada de vexetación -fentos, toxos, silvas, xestas, piñeiros- que non favorecía en absoluto a posibilidade de salvar o xacemento en caso de resultar ameazado por un incendio forestal. De feito, todo o patrimonio arqueolóxico situado nos montes de San Xián se atopa no mesmo estado de abandono…

Estado do xacemento de Pinal de Caeiro a finais de xullo

Petroglifo de Pinal de Caeiro, 'O ciclista'

As alarmas saltaron neste penúltimo día de xullo cando sentimos o ruído das máquinas desbrozadoras a primeira hora da mañá. Dirixímonos ata Pinal de Caeiro, onde atopamos un grupo de operarios ao longo da pista, un dos cales nos indica quen é o encargado, a quen lle preguntamos: “Estás informado de que nesta zona hai un xacemento arqueolóxico catalogado?”. A súa resposta é: “Non”. Accede daquela a acompañarnos ata o lugar onde se sitúan os bens inventariados para tomar coñecemento da súa existencia e evitar que as máquinas acaben provocando unha nova agresión ao patrimonio e, o que é peor, un dano irreparable. Comprobamos que o petróglifo de Pinal de Caeiro carece de cinta ou marca balizando o seu perímetro, e que tampouco hai ningún técnico na materia supervisando os traballos.

Ao pouco preséntase o responsable de obras da Comunidade de Montes, que está participando nos traballos de desbroce, alegando que el está ao tanto da localización do xacemento. Coa axuda dun dispositivo móbil, amósanlles a ambos o calco do gravado rupestre de Pinal de Caeiro e unha fotografía do mesmo.

O encontro remata co ofrecemento reiterado da Asociación Monte Pituco para informar a Comunidade de Montes de San Xián sobre a ubicación dos elementos do patrimonio prehistórico catalogados na parroquia e compartir coa directiva todos os datos dos que dispoñemos en aras de evitar que se produzan máis afeccións aos xacementos, ben por descoñecemento, ben por contar con documentos erróneos sobre a súa localización.

Tarefas de desbroce o 30 de xullo de 2018

Tarefas de desbroce o 30 de xullo de 2018

O patrimonio arqueolóxico é unha riqueza, unha oportunidade de progreso e desenvolvemento para a parroquia e para o municipio, un recurso máis que cunha xestión óptima proporciona prestixio, visitas de especialistas, interese educativo, cultural e turístico, ou atención mediática, entre outros beneficios. O patrimonio arqueolóxico non é un problema, nin un estorbo e haino que protexer igual que se coida do arborado ou que se fai mantemento da pistas forestais. Facelo porque “non queda máis remedio” (sic) resignándose ao imperativo legal é unha desafortunada maneira de abordar unha responsabilidade de tod@s: propietarios dos terreos, Administracións e veciñanza en xeral.

Alegar que hai xente que “non pensa coma nós” (sic) é unha evidencia de perogrullo. Tampouco pensan coma nós os partidarios de esnaquizar o Monte Pituco propiciando a construcción dun polígono industrial, e sen embargo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deulle a razón a esta Asociación en dúas sentenzas firmes e irrevocables contra os promotores -Concello de Marín e Xunta- dese proxecto. Pódese estar en desacordo, pero a razón é para quen ten argumentos sólidos, irrebatibles e conformes á lexislación: “Se afecta al perímetro de protección ambiental de varios yacimientos arqueológicos”, xustificaba o dictame do TSXG na demanda contra o Concello de Marín e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; “Reconociéndose en la memoria ambiental del Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariales de Galicia la posibilidad de nuevas afecciones ambientales, paisajísticas y al  patrimonio cultural”, alegaba o TSXG no fallo contra o Consello da Xunta. 

 

Nunha cousa estamos de acordo a Asociación Monte Pituco e a Comunidade de Montes de San Xián: as Administracións son co-responsables na conservación dos xacementos arqueolóxicos. Por iso a Asociación Monte Pituco vén de solicitar unha REUNIÓN URXENTE á Concellería de Cultura do Concello de Marín -que se celebrará este martes 31- para expoñer que o acontecido en relación ás tarefas de desbroce arredor do petróglifo de Pinal de Caeiro é froito das eivas que presenta o proceso de elaboración do PLAN DE PROTECCIÓN DO PATRIMONIO aprobado no Pleno da Corporación de febreiro de 2017. Non foi ata xaneiro deste 2018 cando comezaron as primeiras xuntanzas coas comunidades de montes e as medidas iniciais anunciáronse para o mes de febreiro. 

Pasaron cinco meses máis e se non fose pola rápida actuación desta Asociación, arestora posiblemente habería que lamentar a perda dun xacemento no inventario do patrimonio arqueolóxico marinense; un xacemento -que pola súa singularidade morfolóxica- nada lle ten que envexar, por certo, aos petróglifos de Mogor, que son os únicos aos que o Goberno local lles presta atención.

Por iso a Asociación Monte Pituco volve cuestionar a ausencia -ou mesmo o veto- dos colectivos en defensa do patrimonio e dos expertos no coñecemento dos xacementos a nivel local e comarcal, que non foron consultados nin tidos en conta durante a posta en marcha do Plan de Protección do Patrimonio a pesar de que podían ter achegado moita información útil sobre a ubicación dos elementos catalogados, e mesmo doutros recursos de recente descubrimento que aínda non forman parte do Planeamento urbanístico pero que xa foron recoñecidos no inventario oficial da Dirección Xeral de Patrimonio. 

Claro que estamos capacitados e lexitimados para opinar e facer “xuízos de valor” baseados nos feitos que aconteceron, ou máis ben, nas DESFEITAS QUE SE EVITARON. E a conclusión é rotunda: o Plan de Protección do Patrimonio NON protexe TODO o patrimonio, partindo da base de que non hai patrimonio de primeira nin de segunda división; que todos os recursos son valiosos en igual medida. Os colectivos, os expertos, temos moito que aportar e non fomos escoitados a pesar dos reiterados ofrecementos para que Marín se puidera dotar dun Plan de Protección do Patrimonio eficaz, ambicioso e modélico.


Respostas

  1. […] desbrozadoras na contorna dos xacementos arqueolóxicos catalogados; a proba máis recente está no conxunto rupestre de Pinal de Caeiro, onde toda a ladeira foi rozada, a excepción da tupida toxeira que rodea os petróglifos, que […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: