“Hai que coñecer as prioridades e, tal vez, deixar de escavar en castros xa escavados cando hai máis castros que están abandonados ou, incluso, en perigo de ser destruídos por plantacións de eucalipto. Parece que o que está catalogado, pero sen coñecer, non interesa”.
Martina Viéitez, do colectivo de defensa do patrimonio A Forneiriña, nunha entrevista en La Voz de Galicia
As palabras de Martina Viéitez son o marco de reflexión -necesario e oportuno- que propoñemos para valorar a actual ampliación das excavacións no castro da Subidá. Certo que deste asentamento prehistórico só se coñece unha pequena parte; claro que afondar no coñecemento das nosas orixes é positivo porque actúa no reforzo identitario e aporta beneficios nos planos cultural e turístico; concordamos con que só se protexe o que deixa de permanecer oculto aos ollos da veciñanza…
…Pero o Concello de Marín ten moito máis patrimonio que os petróglifos de Mogor e o castro da Subidá, que parecen ser os únicos elementos que ‘existen’ para este Goberno local. Hai unha gran cantidade de xacementos -mámoas e maiormente gravados rupestres- que están nunha situación de absoluto abandono, expostos a seren destruídos en tarefas de desbroce por carecer de sinalización ou pola súa errónea ubicación no Planeamento urbanístico municipal; vulnerables e indefensos ante o risco de incendios por atoparse en zonas de monte comunal ou privado rodeados de vexetación e de especies pirófitas sen que haxa o máis mínimo interese nin preocupación ao respecto por parte dos responsables políticos e dos propietarios dos terreos.
É unha boa nova que se descubran novas estruturas no castro da Subidá, como o celeiro que saíu á luz na anterior campaña de prospección. É favorable que se dispoñan medidas para atallar o deterioro dos achados, como a retirada de raíces de árbores que medraron enriba das pedras…
…Pero cando menos é cuestionable que se dispoñan ‘tantos’ recursos para a parte ínfima do patrimonio histórico local que representan os petroglifos de Mogor e o castro da Subidá, e que non haxa nin un céntimo para sinalizar ou adecentar os numerosos xacementos que resultan discriminados neste desigual e inxusto reparto de fondos públicos; ou cando menos para facer unha análise de conxunto e priorizar outras actuacións en función do nivel de gravidade da situación na que se atopan os demais elementos.
Cada vez que visitamos o castro da Subidá reparamos sempre na conexión visual entre este antigo poboado e o Monte Pornedo. Paradoxicamente, a retirada de árbores que se está efectuando para evitar que as súas raíces afecten a conservación das estruturas que se están excavando, contrasta de xeito chamativo co feito de que -dun tempo a esta parte- se está deixando medrar o arborado que tapa a visión do Pornedo dende a Subidá; como se a alguén lle amolase esta referencia xeográfica directa entre dous puntos de interese arqueolóxico e houbese algún tipo de ‘orde’ para favorecer que as pólas actúen como ‘cortina’ vexetal.
Por desgraza, quen visita o castro pola súa conta, queda só coa existencia das cabanas circulares e -agás que alguén lle informe- non repara nos gravados rupestres prehistóricos que hai preto da croa, nunha pedra deitada no medio do camiño; como tampouco soe caer na conta de que hai outros gravados modernos do pasado século XX -obra do carismático José Meijón- nos restos dunha antiga canteira.
Malia todo, dende a Asociación Monte Pituco non deixamos de recomendar a visita a este enclave e seguimos con interese a evolución dos traballos arqueolóxicos. Dende o ‘balcón da ría’ seguimos mirando para a Subidá, confiando en que máis pronto que tarde muden as políticas e se actúe con máis equidade para salvagardar o patrimonio do Concello.
Deixar unha resposta