A Irmandade Illa de Tambo vén de anunciar a interposición dunha denuncia ante o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil, polos danos causados no grupo nº5 do conxunto rupestre da Carrasca como consecuencia dunhas tarefas de desbroce encargadas pola Comunidade de Montes de San Xulián de Marín, sen a debida sinalización previa e sen o control arqueolóxico preceptivo. Esta asociación -á que se lle sumou o colectivo de defensa do patrimonio A Forneiriña- tamén tramitou un escrito por igual motivo na delegación provincial da Dirección Xeral de Patrimonio, da Xunta de Galicia.
A entidade, que ten como obxectivo a defensa e a promoción da Illa de Tambo e da súa contorna na ría de Pontevedra, faise eco así dos feitos expostos nesta bitácora. A Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo tamén teñen elaborado un documento co mesmo obxectivo, que se presentará igualmente na sucursal pontevedresa da Dirección Xeral de Patrimonio e mais no Concello de Marín.
Como ten explicado o presidente da Irmandade, Antonio Costa, “non se pode consentir que un petróglifo co mesmo grao de protección que a catedral de Santiago, estea exposto á incuria e á iñorancia dos que deberían velar pola súa conservación”. Partidario de “mollarse se queremos facer algo pola defensa do noso Patrimonio”, Antonio Costa decidiu tomar a iniciativa e pasar á acción, logo de criticar o sucedido nas redes sociais.
Costa ten manifestado o seu malestar pola “falta de coidado e a desidia no mantemento dos xacementos arqueolóxicos presentes” no monte de San Xulián, malia que unha parte do seu patrimonio foi recentemente incorporado ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Coa denuncia presentada pretende “evitar que poida ocurrir algo similar no resto dos petróglifos que están nas propiedades” da Comunidade de Montes, que “deberían ser obxecto de protección por parte dos propietarios”, insistiu.
Antonio Costa é un coñecido activista social e político. Oriundo de Moaña e afincado en Pontevedra, foi un dos integrantes da sección arqueolóxica do Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento. Na década dos 70 prospectou a bisbarra do Morrazo na procura de xacementos arqueolóxicos, dando conta dun bo número de elementos catalogados, e tamén colaborou co Museo de Pontevedra. Entre as súas ocupacións actuais destaca a reconstrucción dixital en 3D dos petroglifos máis importantes que se atopan nesta zona das Rías Baixas.
Precisamente, o gravado rupestre recentemente agredido en San Xulián foi un dos elixidos, pola súa singularidade: non só pola fisonomía dos trazos prehistóricos, que se remontan á Idade do Bronce, senón porque é un dos poucos nos que tamén ‘coexiste’ a pegada de José Meijón, que gravou co seu punzón numerosas laxes dos montes e do litoral marinense.
Reconstrución dixital do grupo nº5 do conxunto rupestre da Carrasca, que resultou agredido pola máquina desbrozadora. En amarelo figura a área afectada (Foto: Antonio Costa).
[…] despois dos danos que se produciron a finais de 2016 no grupo nº5 do conxunto rupestre da Carrasca por uns traballos de desbroce con maquinaria pesada encargados pola Comunidade de Montes de San […]
By: DESBROCES DA COMUNIDADE DE MONTES EN PINAL DE CAEIRO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 31/07/2018
at 02:14