O pasado 3 de setembro un incendio que comezaba ás 11 da noite -xa hai que ser miserable para prender a mecha a esas horas da noite- queimaba tres hectáreas de monte na parroquia de San Tomé despois de que ata sete brigadas e cinco motobombas traballasen arreo na extinción.
Nesta tarde de domingo, pasadas as 7 e media, ata tres helicópteros sobrevoaban o Pornedo dirixíndose á Pardavila, nas proximidades do novo depósito de auga construído por Acuaes. Os condutores que se dirixían cara a Marín polo viaducto da Variante puideron ser testemuñas de como o fume medraba e se extendía en pleno eucaliptal, non moi lonxe dun grupo de vivendas asentadas na ladeira.
Afortunadamente, a rápida actuación dos medios aéreos e dos equipos de extinción en terra puideron controlar as lapas en aproximadamente unha hora, polo que este lume semella non ter afectado a unha extensión de terreo abondo grande como para que -a falta de datos oficiais- a Consellería do Medio Rural o inclúa na súa listaxe de incidencias; de feito, non hai rastro de cobertura informativa nos diarios dixitais.
Como no caso de San Tomé, este incendio probablemente fose tamén provocado. Os pirómanos da contorna toman mal exemplo dos criminais que, nos últimos días, a nivel galego, aproveitan os refachos de vento do nordés propios deste incipiente outono para facer todo o dano que non deron feito dende que comezou un verán de temperaturas suaves e chuvias escasas. Son pateticamente previsibles, mais non por iso deixan de ser macabros delincuentes!
No Monte Pornedo levamos xa máis dunha década librándonos desta lacra que cada ano deixa un rastro carbonizado no Morrazo, agredindo a natureza e o patrimonio que atesouran os montes da bisbarra, insultando a dignidade dunha parte maioritaria da cidadanía que rexeita esta forma de violencia contra o planeta e contra a propia sociedade.
A solución non é construír máis depósitos de auga ‘improvisados’ por aquí e por acolá, que só benefician puntualmente a quen participa directa ou indirectamente nas obras; a solución non é esquilmar a auga de pequenos e humildes mananciais e regatos (o rego das Presas NON se toca, señores da Comunidade de Montes de San Xulián, esa batalla tamén a imos dar!) que abondo teñen con seguir existindo nun contexto adverso de cambio climático e seca prolongada, que leva ata o límite da supervivencia á flora e á fauna que habita no seu curso e sobrevive a duras penas grazas a ese modesto fluído vital, do que tamén depende que sigan dando froitos as leiras da Pena, da Curxeira, Vilafíns… que se nutren desa auga tan escasa.
A solución está nunha xestión forestal intelixente dos montes, tendo a valentía de mudar o actual modelo produtivo para apostar polas especies autóctonas -resistentes ao lume- en detrimento do monocultivo de eucalipto que só serve para seguir engordando o monstro neoliberal de Ence, que non ten nada de ‘biofábrica’. É unha vergoña que, precisamente, no traxecto da propia Variante de Marín, a presenza desa especie invasora se extenda sen solución de continuidade, perfectamente aliñado en novas plantacións que son o combustible de futuros lumes como o que vén de producirse na Pardavila.
A isto súmase que apenas se move un dedo para limpar onde verdadeiramente é prioritario, nas parcelas onde o eucalipto converte o monte nunha selva impracticable (se predominasen as carballeiras e os soutos o panorama sería totalmente diferente), senón que as desbrozadoras veñen actuando en zonas de cuestionable eficacia que fan ‘chorar’ un gasoil que sería máis útil aplicado noutros espazos susceptibles de ser o branco dos pirómanos.
Por riba, nin unha gota dese gasoil se aplica en menear as desbrozadoras na contorna dos xacementos arqueolóxicos catalogados; a proba máis recente está no conxunto rupestre de Pinal de Caeiro, onde toda a ladeira foi rozada, a excepción da tupida toxeira que rodea os petróglifos, que acumulan arredor toda a vexetación seca -silvas, fento, pico de piñeiro- que foi medrando ao longo dos anos.
Por iso ver o fume e presentir a presenza das lapas non só preto das vivendas na Pardavila, tamén nos fai temer polo patrimonio natural e cultural do Castelo de Barbudo, tan abandonado como os petróglifos do Pornedo, da Carrasca, de Champás e da inmensa maioría dos xacementos dos que podería presumir a parroquia de San Xulián, pero que se desprezan de forma flagrante e irresponsable.
Deixar unha resposta