A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo retomou o seu programa de roteiros. Se a última andaina do pasado verán foi percorrendo o monte de San Xulián ata o Pornedo (Pituco), a primeira ruta deste outono discorreu tamén pola parroquia marinense de San Xulián, mais para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural dos lugares de Castelo de Barbudo e Os Pedrouzos, lindando con Santo Tomé de Piñeiro, dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais.
Dende o punto de encontro, a pouca distancia do novo depósito de auga que se acaba de construír en Pardavila, en terreos da Comunidade de Montes de San Xulián, o grupo de sendeiristas dirixiuse a unha zona elevada coñecida como Castelo de Barbudo ou Outeiro dos Mouros que, cos seus 300 metros de altitude sobre o nivel do mar, está dentro de solo rústico de especial protección de patrimonio cultural.
Trátase dun enclave con fortificación natural pola penedía que abunda e posúe vestixios dun xacemento castrexo prerromano -o topónimo Castelo deriva de castro-, onde se atoparon restos de cerámica e tella cunha adscrición medieval, produto dunha reocupación humana posterior.
Desplumadeiro feito por un gavián ou un azor, cunha pomba como posible presa.
A nivel da cultura inmaterial, tamén hai asociadas algunhas lendas sobre encantamentos atribuídos a mouras, así como estraños ruídos vencellados aos traballos de canteiría tradicional que se practicaban na zona.
Actualmente está ocupado con plantacións de piñeiro e carballeira e, entre o arborado, posúe un amplo dominio visual sobre a contorna: cara ao oeste vese o monte das Penizas e, nos seus extremos, os castros da Subidá e das Pidreiras, cos que comparte conexión na paisaxe, da que forma parte a orixe oronímica que Barbudo ten sobre o lugar.
Nun seguinte punto de interese do roteiro atópase Os Pedrouzos, un topónimo que procede da palabra Pedrousos, outro claro exemplo de orónimo con referencia á xeografía, pola abudante presenza da pedra e de rocha na zona.
Situado a uns 400 metros de altitude, en áreas de monte aberto a matogueira e entre a penedía, posúe unha gran panorámica do Morrazo: os cumes do espazo natural dos Montes do Morrazo -Coto Redondo, Coto do Home, Faro de Domaio, Formigoso, Outeiro da Carballosa e Agudelo- ademais de Outeiro de Campolongo e o Monte Cernello.
Tamén se divisa todo o val que conforman os regos de Maceiras, do Neibó, de Cachadiñas e de Cardadeiro, que á súa vez son afluentes do río Loira, cos seus respectivos núcleos rurais de poboación. O conxunto conforma un mosaico agropecuario de veigas de cultivo e bosques de ribeira entre as parroquias de San Xulián, Santo Tomé de Piñeiro e Santa María do Campo.
En canto ao litoral, a vista abrangue a ría de Pontevedra con Cabo Udra, Monte Sobareiro e Monte da Cova, Punta Festiñanzo e Punta Cabicastro no Salnés, ademais das Illas Ons delimitando o horizonte.
Nos Pedrouzos atópanse tres estacións de gravados rupestres e vestixios dun asentamento, datados no seu conxunto na Idade do Bronce. Con gravados de distinta tipoloxía -círculos concéntricos, apéndices, coviñas e armas- representan os petróglifos catalogados a maior altitude do municipio -dous deles superan os 400 metros de altitude- e dos máis altos atopados na comarca.
Petroglifo de Os Pedrouzos nº2:
Petroglifo de Os Pedrouzos nº1 (Pedra da Pereira):
Laxe do petroglifo de Os Pedrouzos nº3:
Na contorna tamén existen varios gravados rupestres de datación moderna realizados durante o pasado século XX polo veciño marinense José Meijón.
Nas proximidades atópase o conxunto patrimonial megalítico das mámoas de Pedralonga e de Chan de Castiñeiras, nos arredores da lagoa de Castiñeiras, co que este territorio cumpre unha función de corredor ambiental e cultural.
Tollemerendas nas cercanías de Pedrouzos
A zona das Regueiras, destaca pola plantación forestal con frondosas autóctonas -na súa maioría souto de castiñeiros- dentro do monte comunal da parroquia de San Xulián. Nas cercanías, facendo referencia á orixe hidronímica do lugar, tamén se atopan bidueiros e salgueiros, no ámbito da conca do nacemento do regueiro de Cardadeiro do río Lameira, pola outra parte.
Ademais, atópanse restos doutro asentamento da Idade do Bronce que se suman aos existentes nos Pedrouzos, o que reflicte a intensa actividade humana que, por eses montes, existía xa ao redor de hai 4.000 anos.
As principais afeccións que nas últimas décadas afectaron a esta conforna foron a instalación de torres e cableado aéreo eléctrico, os monocultivos forestais, a eucaliptización, o abandono das actividades silvícolas e os incendios forestais, xunto coa falla de interese pola protección e conservación do patrimonio cultural e arqueolóxico.
Na ruta previa de recoñecemento do itinerario, puidemos comprobar o estado de deixadez no que se atopaban os camiños, malia que algún dos sendeiros forman parte dunha ruta BTT: excesiva vexetación, entre a que abundaban as xestas e as silvas, o firme dos camiños deteriorado polo paso de vehículos, e algún vertido incontrolado foron algunhas das estampas que se puideron observar.
As ameazas que comprometen a integridade destas paraxes son a localización alternativa de tres aeroxeradores dentro da Area de Desenvolvemento Eólica do Morrazo e, na súa proximidade, o proxecto de investigación mineira -denominado como “Miñán”- para a extracción de granito ornamental.
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo considera que a protección actual de solo rústico de espazos naturais é insuficiente para esta área, argumentando que se trata de espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico. Neste senso, en marzo de 2012 a Plataforma solicitoulle á Xunta a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que, co nome de “Montes e Carballeiras do Morrazo”, acollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo –onde están integrados Castelo de Barbudo e Os Pedrouzos- e o Carballal de Coiro, ampliable a outros espazos próximos.
P.D.
Con anterioridade á ruta pola protección do Castelo de Pedrouzos, responsables e colaboradores da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo desprazáronse ata o Castelo de Barbudo e Os Pedrouzos para realizar algunha tarefa de limpeza de vexetación que permitira unha maior comodidade no acceso dos asistentes a estes espazos.
Castelo de Barbudo, ANTES
Castelo de Barbudo, DESPOIS
A recompensa a este esforzo foi un fermoso solpor dende o Castelo de Barbudo
Mapa do itinerario, realizado por P. Troitiño:
[…] mediados de setembro demos conta de que se estaban realizando traballos de desbroce na pista forestal do Monte Pituco, dende o seu acceso, no cruce da estrada de Figueirido coa pista do Regueiriño. Advertiamos entón […]
By: COMPLETAN O DESBROCE DA PISTA DO PITUCO (I) | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 12/10/2016
at 22:09
[…] suma de despropósitos segue co Castelo de Ardán, co Castro das Pedreiras, co Castelo de Barbudo en San Xulián, do que nin sequera se protexe a croa, criticou Arizaga, facendo fincapé no carácter […]
By: CHARLA DE ÁLVARO ARIZAGA (I): A SITUACIÓN DE ‘URXENCIA’ DO PATRIMONIO CULTURAL | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 27/02/2017
at 10:38
[…] non só preto das vivendas na Pardavila, tamén nos fai temer polo patrimonio natural e cultural do Castelo de Barbudo, tan abandonado como petróglifos do Pornedo, da Carrasca, de Champás e da inmensa maioría dos […]
By: LUME EN PARDAVILA | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 08/09/2019
at 22:24
[…] Pedra da Pereira (Pedrouzos) Pedra da Pereira (Pedrouzos) en 2016 Pedra da Pereira (Pedrouzos) en 2016 […]
By: REPRESENTACIÓNS DE ARMAS NOS PETRÓGLIFOS DO PORNEDO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 22/09/2019
at 14:55