Entre o final do verán e o preludio do outono, no val do Pornedo van comezando a percibirse os primeiros síntomas desa transición: o máis evidente, que se acurtaron os días e anoitece antes; tamén a temperatura contra o final da tarde avisa do cambio de estación; e a flora silvestre é outro indicador desta mudanza, coa aparición da Scilla autumnalis, a Erica ciliaris, os ourizos dos castiñeiros cada vez máis vizosos… En breve irán agromando tamén os Crocus serotinus e a Merendera montana ou tollemerendas…
Calquera momento é idóneo para aproveitar o paseo pola natureza para apreciar tamén o patrimonio histórico-cultural que atesoura esta contorna, porta de entrada do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. A mámoa e os petróglifos de Sete Camiños, en San Xián, danlle nome a esta iniciativa social de posta en valor dun territorio cunhas cualidades extraordinarias. Dende o Monte Pituco nunca deixaremos de erguer a voz contra a desidia da Comunidade de Montes de San Xián, que ten os xacementos nunhas condicións de absoluto abandono malia corresponderlle a obriga de mantelos e coidalos, como propietarios dos terreos.
Do lugar no que se atopan os petróglifos de Sete Camiños, onde hai representadas figuras zoomorfas e un círculo con cazoleta central, destaca tamén a vista panorámica da ría.
E no descenso cara ao miradoiro outra parada ineludible son os petróglifos do Pornedo, que sobresaen pola diversidade de elementos representados: círculos concéntricos con cazoletas e armas, que permitiron a súa datación na Idade do Bronce. Por desgraza, o xacemento tampouco se atopa nas condicións máis idóneas para garantir a protección deste sobranceiro xacemento arqueolóxico.
E dende o xacemento do Pornedo, dous puntos de vista opostos: cara ao interior, o Alto da Encavada, o punto máis elevado do termo municipal marinense, a 434 metros de altitude; cara á ría, o penedo dunha antiga canteira, dos moitos aproveitamentos tradicionais que houbo antano nesta zona de gran riqueza granítica.
Dende este miradoiro, o ‘balcón da ría’, invitámoste a gozar das últimas raiolas de sol do verán na ANDAINA POLO MONTE PITUCO AO SOLPOR programada para o 21 de setembro, con saída ás 17:30h dende a arboreda situada na Estrada Provincial Marín-Figueirido PO-0019, no cruce do Regueiriño.
Deixar unha resposta