Potas vellas, calzado, botellas rotas, restos de pratos e tazas de cerámica, anacos de bolsas, toalliñas… foron algúns dos residuos que se xuntaron na derradeira xornada da 19ª campaña de limpeza do Gafos, organizada por Vaipolorío. Sempre é un gusto colaborar nas actividades desta organización ecoloxista, tanto se son de carácter divulgativo como se implican unha participación máis activa cunha finalidade tan necesaria e encomiable como mellorar a calidade ambiental desta contorna fluvial, que xa conta coa catalogación de Espazo Natural de Interese Local.
É tamén unha oportunidade estupenda para aprezar o auténtico significado do traballo en equipo; un equipo, ademais, interxeracional, onde coinciden voluntarios mozos e maiores. Mentres uns vadean o río recollendo o que hai depositado no leito, outros traballan na beira, nos arredores do sendeiro ou introducen nas bolsas e nas gabetas o que se extrae da auga. Todo, ademais, perfectamente clasificado para o seu correcto tratamento: plásticos por un lado, vidro por outro.
Pero alén dos voluntarios, outros colectivos implícanse estreitamente na campaña de limpeza, como a Asociación Juan XXIII de persoas con discapacidade, ou a Asociación Arela que atende a rapaces e rapazas en situación vulnerable, ou a Ludoteca Tékere animando as nenas e os nenos a mollarse polo río nas súas vacacións estivais. Toda achega é benvida!
Vaipolorío vai enfilando xa dúas décadas dándolle lustre ao Gafos, dende a súa desembocadura ata practicamente o seu nacemento. Precisamente, neste último domingo de agosto, unha das zonas onde se actuou foi Ponte Rebón, na parroquia de Tomeza.
Moitos peregrinos que fan a ruta do Camiño Portugués a Santiago foron testemuñas do traballo realizado: preguntaban, solidarizábanse, lamentaban a presenza de tantos desperdicios nun espazo natural tan fermoso e cheo de vida.
Porque valorar a biodiversidade é outro dos alicientes desta actividade: a flora e a fauna da ribeira foron abondo analizados e promocionados por Vaipolorío a través das súas publicacións impresas. Así, nun pequeno treito é posible atopar carballos e freixos, maceiras e ameneiros, hedras e fentos, ras e insectos, aves que se fan notar a través do seu canto entre a arboreda, algunha que outra troita que se deixou ver en anteriores xornadas de limpeza… Todos estes elementos evidencia que a calidade da auga vai a mellor.
…Agás polos verquidos que puntualmente estragan o equilibrio, ou pola presenza de plantas invasoras como a irreduntible tradescantia.
Outra exitosa campaña, en cifras: 690 kilos de lixo retirados en seis xornadas de traballo, 100 voluntarios. E moita ilusión depositada na campaña do ano vindeiro, con varias reivindicacións sobre a mesa: que se destape o Gafos ao seu paso por Campolongo; que se poña en valor a Ponte do Couto; que as Administracións actúen canto antes para realoxar o asentamento chabolista situado a carón da estación de autobuses, facilitando a recuperación ecolóxica desa zona, cos seus elementos patrimoniais.
Mostras de feísmo no Camiño, con aparatosa cartelería comercial
En 2020 cumprirán 20 anos traballando arreo polo estudo, protección e divulgación do río en toda a súa extensión e nomenclaturas: Cocho-Toxal-Tomeza-Gafos. Unha longa traxectoria que se reflicte non só nos premios recibidos e nunha rigorosa bibliografía, senón nunha interesante galería de obxectos recuperados ao longo do tempo durante tantas horas de limpeza altruista. Porque entre o lixo foron xurdindo obxectos sorprendentes e mesmo fermosos; pequenas antigüidades que merecen ser rescatadas e preservadas do esquecemento.
O local de Vaipolorío en Cabanas (Salcedo) acolle un pequeno gran museo de curiosidades: botellas de viños e licores, frascos de perfumes e menciñas, pezas de vaixela e menaxe antigas, mesmo rudimentarios ordenadores e teléfonos móbiles.
…Un paseo pola memoria e a proba palpable de que o río ten fieis valedores e valedoras que o defenden.
Noraboa!
Deixar unha resposta