Publicado por: MontePituco | 20/08/2019

NOVO VERQUIDO DE LIXO NA PISTA DO PITUCO

DSC_1804

Unha vez máis, e superado xa con creces o límite do inadmisible, o Monte Pituco volveu ser o miserable destino dun verquido de lixo: restos de desbroce do que semella ser herba da Pampa (co risco que conleva de que a semente desta planta invasora arraigue neste espazo natural), pólas secas de salgueiro, plásticos, bolsas de lixo de contido descoñecido, pedazos de algo semellante a moqueta, botes vellos de aerosol, entullos de obra, fragmentos de fibra de vidro contaminante, cartóns, perigosos cristais rotos… ata a mochila dunha mutua sanitaria. 

Sabemos cando se produciu: entre o sábado e o domingo pola tarde. 24 horas de diferenza entre un camiño limpo e unha estampa deplorable; por riba, xusto fronte ao sendeiro que conduce ao conxunto rupestre do Pornedo, ofrecendo unha lamebrable imaxe que se suma ao propio abandono no que se atopa este fermoso xacemento…

Polo traballo que custa chegar ata ben arriba da pista forestal do Pituco, non compensa dirixirse a un punto limpo? Ou triturar a biomasa que resulte dunha poda? Ou solicitar a recollida ao Concello a través do servizo de limpeza? 

En que cabeza podre, irresponsable e despreciable cabe semellante acción? Alguén da parroquia, quizais? Non atisban esas persoas -porque posiblemente para desfacerse de semellante volume de desperdicios non abondan unicamente dúas mans- a posibilidade de seren descubertas se a Policía Local ou o Seprona son requeridas para investigar a procedencia do lixo? Non lles cae a cara de vergoña se algún veciño ou veciña verificase que houbo zafarrancho de limpeza e que os restos coinciden cos depositados no monte? Tan ousada, desaprensiva e porca é a xente da contorna?

Nin o Pituco nin ningún outro monte son lugar para sufrir unha agresión destas características, que atenta contra a natureza, que pode supoñer un grave problema para a seguridade de calquera persoa que transite polo monte practicando deporte ou para calquera animal ceibe que pastorea pola zona, que contamina a auga e a terra polos compostos químicos que conteñen os materiais ciscados… 

O Pituco ten quen o defenda. E como en todos e cada un dos casos documentados anteriormente, a existencia deste verquido será posta en coñecemento das autoridades. Ogallá non quede impune e, como xa ten sucedido a raíz das denuncias, se lles poña nome e apelidos aos autores desta navallada contra o monte veciñal para que sexan multados de forma exemplar. 

Ogallá a Comunidade de Montes de San Xián se digne en repoñer a sinalización que, no principio da pista forestal, advertía meses atrás contra os verquidos de residuos e alertaba das sancións ás que se expoñía quen vulnerase a Lei de Montes. Unha sinalización que abofé non impediría o paso de calquera condutor cun vehículo cargado de inmundicia, pero que cumpriría cando menos unha función informativa e disuasoria. 

Secuestrada a sinaléctica do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, e erradicados os carteis prohibindo tanto a circulación de vehículos a motor non autorizados como os depósitos de lixo, o Pituco caeu en desgraza para a directiva da Comunidade de Montes. Non por iso se priva de arramplar con toda a madeira -os beneficios económicos que reporta foron sustanciosos- nunha corta a matarrasa brutal. Mais ningunha mellora a cambio: nin para devolverlle a dignidade e a identidade coa cartelería dos xacementos arqueolóxicos que atesoura, nin para exercer un mínimo de autoridade fronte a quen ouse violentar o fráxil equilibrio do ‘balcón da ría’.

STOP verquidos!!!

DSC_1808


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: