Publicado por: MontePituco | 25/04/2017

PLENO DE ABRIL: DEBATE DA MOCIÓN SOBRE O PLAN DE PROTECCIÓN DO PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO

Dossier entregado na Comisión de Cultura e sinaturas de apoio de profesionais e expertos

PERDÓN.

Non podemos comezar doutra maneira que non sexa pedindo desculpas ás persoas que, en sinal de apoio, asinaron o texto co que a Asociación Monte Pituco compareceu na Comisión Informativa de Cultura previa ao pleno da Corporación de Marín neste mes de abril. Petición de excusas que non responde a un acto propio do que haxa que arrepentirse, senón pola VERGOÑA ALLEA que nos produciu o desenlace da sesión do pasado mércores día 12.

Porque as propostas que -con tanto afán construtivo- se lle trasladaran dende o ámbito profesional e dos colectivos defensores do patrimonio ao Goberno local de Marín e ao resto da Corporación -a través dunha moción da Marea Veciñal- para que se ampliase aquel Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico aprobado en febreiro sen prazos nin medidas concretas de actuación, caeron en saco roto.

Ou non tan roto, xa que -malia votar en contra da moción- as iniciativas defendidas na Comisión de Cultura foron aproveitadas polo equipo de Goberno como se fosen de colleita propia.

E non por máis previsible deixa de ser menos decepcionante a actitude dun sector do Bng, que manipulou a intervención da Asociación Monte Pituco na Comisión de Cultura e os pronunciamentos públicos previos deste colectivo, para convertelos na diana dun bombardeo unilateral e en sede plenaria, plagado de mentiras que bordean a calumnia. Si, calumnia: “acusación falsa feita contra alguén para danar de maneira intencionada a súa reputación”, en definición da Real Academia Galega.

Perdón.

Porque a maioría desta Corporación non estivo á altura dunha causa xusta e razoable: os que ostentan a maioría absoluta, emitindo un voto negativo malia anunciar que van traballar xustamente na liña que se lles propoñía; outros que se abstiveron, porque votar en contra tería sido unha decisión ‘contra natura’ nunha organización que teoricamente está a prol da conservación do patrimonio.

Na parte positiva, ao voto favorable da Marea -como propoñente da moción- sumouse tamén o respaldo do grupo municipal do Psoe. É a primeira vez en sete anos que a Asociación Monte Pituco pode aplaudir e agradecer o posicionamento dos edís socialistas que, pola súa traxectoria a prol do proxecto de instalación dun polígono industrial neste emprazamento -afectando xacementos arqueolóxicos, recursos naturais e paisaxísticos- foron duramente cuestionados dende esta plataforma veciñal.

A diferenza do Psoe, que cinguiu o seu voto á necesidade de solucionar a precaria situación na que se atopa o patrimonio cultural da vila, quen se abrazou ao comodín da abstención -cando o corpo seguramente lle pedía votar en contra- actuou por vinganza contra quen leva dende 2010 criticando un Bng marinense que neste tempo non só non fixo nada pola inmensa maioría dos xacementos que se atopan ‘a monte no monte’, senón que por riba foi responsable directo da clasificación como solo industrial dun territorio de enorme valor cultural, ameazou con desafectalo da figura de protección ambiental que o ampara, e tampouco apoiou neste mesmo ámbito xeográfico a posta en marcha do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

E ao afán de revancha que hai detrás desa abstención, probablemente tamén se sume a pretensión de facer méritos diante da dirección nacional do partido por parte deste sector do Bng marinense que está enfrontado á dirección local. A maiores, a hipotética consigna ‘á Marea, nin auga’ pode ser outra das razóns da falta de apoio a unha moción que este reducto do grupo municipal do Bng nunca viu con bos ollos.

Por que? Porque simplemente era mellor, máis audaz e máis comprometida que o mero texto de ‘trámite’ exposto pola concelleira do Bloque, que dende o principio deixou dúas cousas claras: que a súa moción era “pechada” e que renunciaba a introducir “matices” que fixesen perigar a súa aprobación por parte do PP; é dicir, a moción do Bloque estaba feita á medida do PP.

Unha vez que se fan públicas as denuncias impulsadas dende varios colectivos a raíz dunha agresión no conxunto rupestre catalogado da Carrasca, que foi o detonante que deu lugar á moción do Bng propoñendo un Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico, a actitude deste partido con respecto da Marea foi moi distinta: mentres que o Bng optou por presentar unha moción sen máis cláusulas que “a sinalización coa delimitación do perímetro (dos conxuntos arqueolóxicos), a adecuación dos espazos que faciliten a observación dos mesmos, paneis explicativos, e que se realicen actuacións explicativas de concienciación veciñal sobre a importancia do patrimonio arqueolóxico”, a Marea Veciñal de Marín púxose en contacto con colectivos e profesionais que coñecían de primeira man o sucedido na Carrasca. Colectivos e profesionais que propuxeron enriquecer a moción imprimindo urxencia á posta en marcha dese plan, e abrindo a súa elaboración á participación dos expertos, dos colectivos vencellados á defensa do patrimonio, e implicando nese proceso as comunidades de montes en cuxos terreos se atopa a inmensa maioría desta riqueza patrimonial.

O Bng non quixo saber nada desas enmendas que propoñía a Marea a través das entidades e dos profesionais na materia, atendendo ao carácter “pechado” da súa moción e emprazando a Marea a canalizar esas propostas a través dunha moción independente da deles.

Daquelas poeiras, estas lameiras.

 

No debate da moción, a primeira intervención foi a da voceira da Marea, Sandra Pesqueira, que explicou que ademais de “darlle voz aos colectivos”, esta iniciativa “simplemente, simplemente” – repetiu en dúas ocasións- pretende “enriquecer un texto con boas intencións mais sen ningunha concreción específica”, en alusión á moción do Bng que fora a aprobada en febreiro.

Tamén se referiu á “preocupación” da Marea polo “proceder” do grupo de Goberno do PP, especialista en “aprobar textos e textos que van formar parte da xa moi nutrida gabeta da alcaldesa, aprobados por unanimidade pero que non chegan a executarse”, como a retransmisión dos plenos vía streaming, o plan de mobilidade integral ou a petición para que haxa servizo de ambulancia durante as 24 horas.

“Nesta moción recollemos especificamente as peticións dos colectivos e particulares máis implicados coa protección do patrimonio” que, avanzou a edil da Marea, “con humildade e escasos medios dan a coñecer a gran variedade e valor do patrimonio, facendo o labor das Administracións”. Unhas Administracións que como a local, “invisten cartos nos mesmos bens para xustificar o seu labor, evidenciando o seu desleixo co resto do patrimonio”, precisou, criticando que o Concello de Marín só lle presta atención aos petroglifos de Mogor e ao castro da Subidá, pero négase a actuar noutros xacementos.

Sandra Pesqueira emprazou a Corporación a “chegar a acordos razoables e imprescindibles” enfocados á “protección e posta en valor do patrimonio, e non fogos de artificio de cara á galería pola presión da opinión pública”. En canto aos puntos da moción, citou:

  • a participación das asociacións e das comunidades de montes no Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico
  • contar con profesionais cualificados na súa redacción e co asesoramento de institucións públicas
  • enmarcar o Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico nun Plan de Conservación Global do Patrimonio Cultural
  • convocar a comisión redactora do Plan nun prazo de 90 días
  • que o Plan sexa exposto publicamente para que a veciñanza faga enmendas ou achegas

Augurando que o PP ía manter o voto negativo que xa formulara na Comisión Informativa, Sandra Pesqueira acusou a Concellaría de Cultura e o PP de que “non escoita os colectivos nin os profesionais que ofrecen desinteresadamente a súa experiencia e coñecemento”, como o marinense Álvaro Arizaga, que ofrecera os medios técnicos e humanos da Escola de Restauración e Conservación dos Bens Culturais de Galicia, onde é profesor.

Tamén lamentou que nos orzamentos para este ano non hai “nada para cultura”, como síntoma do “nulo interese” do PP polo patrimonio.

Xa na última parte da súa intervención, a voceira da Marea tildou de “esperpento valleinclaniano” o acontecido trala Comisión de Cultura cando, logo de votar en contra das propostas formuladas pola Asociación Monte Pituco sobre a necesidade de actuar con urxencia e de darlle facilidades ás comunidades de montes propietarias de terreos onde se localizan xacementos para que se garanta a súa conservación, unha das concelleiras -María José de Pazo- anunciaba na prensa -así se publicou ao día seguinte- que o Goberno local aplicaría medidas urxentes de protección do patrimonio e negociaría un convenio coa Comunidade de Montes de San Xulián.

La Voz, 6 abril 2017

“Diante do intento de apropiación das iniciativas dos colectivos só podemos sorrirnos”, afirmou Sandra Pesqueira, emprazando á edil a que “goce da súa iniciativa, que é a dos colectivos, e que vaia abrillantando as medallas e os galóns para expoñelos na foto de turno á que están acostumados cos seus carteis, vampizando as asociacións”.

Xa que logo, dende a Marea amosáronse “expectantes” co anuncio da Concellaría, aínda que escépticos ante a posibilidade de que se faga efectivo, a conta da “traxectoria” de incumprimentos que caracteriza o Goberno local.

 

Na réplica do PP tomou a palabra a edil Beatriz Rodríguez. Estraña decisión; ou máis ben outro exemplo de revanchismo. Porque durante a intervención da Asociación Monte Pituco na Comisión de Cultura que presidía María José de Pazo, a concelleira Beatriz Rodríguez dedicou parte do tempo a distraerse co seu teléfono móbil, ata o punto de que lle chamamos a atención para que depuxese a súa actitude, que molestaba a quen interviña, e tivese a ben atender a exposición que se estaba facendo. Como consecuencia desta amonestación, Beatriz Rodríguez contestou -cousa totalmente fóra de lugar e unha mostra máis do seu desprezo e da súa falta de educación- que podía facer “dúas cousas á vez”. E aínda que deu a impresión de persistir na súa intención de seguir trasteando na pantalla do aparello, acabou apartándoo ao instante.

Antes de tratar de xustificar o voto en contra do PP, a concelleira afirmou que dende o seu partido agradecen e escoitan os profesionais e os representantes dos colectivos, en alusión ás intervencións do arqueólogo Álvaro Arizaga na Comisión de Cultura do mes de marzo e da Asociación Monte Pituco na de abril, mais lembrou que a moción da Marea era un engadido “para mellorar a parte dispositiva” da moción do Bng que fora aprobada por unanimidade en febreiro. Con todo, para Beatriz Rodríguez a moción da Marea “non amplía nin favorece”a moción do Bng, cuxa voceira “non aceptou a enmenda”, insistiu.

“Co Plan estaría de acordo calquera que valore o patrimonio”, admitiu a edil de cultura, que afirmou que “ningún concello galego fixo un plan xeral de todo o seu patrimonio”, polo que o de Marín aspira “a ser o primeiro, co consenso de todos”.

Esta afirmación é inexacta. Os concellos que contan cun Plan Xeral de Ordenación Municipal dispoñen nese documento dun catálogo que abrangue todo o patrimonio susceptible de ser protexido. A peculiaridade do PXOM de Marín é que dende a súa aprobación adolece de tantas eivas e de tantos erros flagrantes, que precisamente a intervención de Álvaro Arizaga na Comisión de Cultura centrouse na necesidade de corrixir antes de nada os problemas que presenta o Planeamento, criticado por todo o sector da arqueoloxía en Galicia; e así o fixo constar tamén nas alegacións á modificación puntual do PXOM que o arqueólogo marinense presentou o pasado mes de marzo.

De modo que o Concello de Marín non pode aspirar a descubrir a pólvora, senón máis ben a empezar por corrixir o catálogo de bens arqueolóxicos do PXOM, que leva anos facendo ‘dano á vista’ dos expertos na materia.

Asegurou Beatriz Rodríguez que tralo pleno de febreiro o grupo de Goberno pediu “orzamentos a empresas e profesionais para darlle forma” ao Plan de Protección do Patrimonio e que as cousas que propón a Marea na súa moción “danse por asumidas na elaboración do proxecto”. É dicir, non votan a favor da moción pero están de acordo coas peticións e así é que van ter en conta o seu contido nas medidas que supostamente se van tomar.

Segundo Beatriz Rodríguez:

– “As asociacións e comunidadesde de montes son sen dúbida unha cuestión principal porque case todo o patrimonio está en propiedades privadas, incluído o monte común”, e posto que só unha parte dos terreos onde están os petroglifos de Mogor e o castro da Subidá son de titularidade municipal, “é obvio contar con particulares, asociacións e comunidades de montes”.

– O concello de Marín contará con “profesionais cualificados e coa asesoría de institucións públicas, como facemos sempre que hai que encargar un proxecto a técnicos, coas reglas de contratación que contempla a vía administrativa”.

– O concello de Marín vai integrar o patrimonio arqueolóxico ao patrimonio cultural, “como vimos facendo dende sempre”, afirmou, e como exemplo puxo a organización das Xornadas Blanco Freijeiro. “Como dividen o patrimonio cultural? Deixan fóra o arqueolóxico? Non entendo esas divisións que fan vostedes”, engadiu Beatriz Rodríguez.

…O que non se entende é semellante sucesión de frases inconexas e sen sentido; máis parece que no afán da edil do PP está falar por falar con tal de confundir, aínda que as súas palabras e argumentos non signifiquen nada, ou, no peor dos casos, que non sexa capaz de explicarse nin facerse entender coherentemente.

– Tamén se amosou de acordo con expoñer o plan “para que calquera interesado poida facer achegas”.

– En canto ao prazo de 90 días, sinalou que “ogallá sexa menos tempo, ou algo máis”, tendo en conta que “estamos falando dos prazos da Administración”.

Para rematar, Beatriz Rodríguez insistiu en que “a preparación para levar a cabo o Plan xa estamos traballando nela” e puxo o colofón cunhas palabras de Álvaro Arizaga que a Asociación Monte Pituco citou na súa intervención do pasado 5 de maio sobre a necesidade de que o Concello de Marín se dote dun Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico “de calidade, que sirva para a protección, conservación e xestión eficiente do patrimonio cultural e arqueolóxico de Marín”.

Pois se con esta réplica o grupo municipal do PP pretendía xustificar o seu voto negativo á moción da Marea, máis lle valía ter votado a favor. Se non o fixo foi porque, sinxelamente, é o PP, porque ao PP non lle dá a gana de apoiar a moción da Marea e porque no cerne desa moción está a participación da Asociación Monte Pituco. O caso era non dar o brazo a torcer; o non polo non.

 

Por parte do PSOE, o concelleiro Iván Pastoriza comezou comentando que se ben non sabía se ao contido da moción da Marea era imprescindible, “sí” lle parecía “razoable” e, en canto á “urxencia” das medidas a tomar, apuntou que “todos temos que estar de acordo”.

Ante o voto en contra do PP, comentou que na moción da Marea pídense cousas que “todos queremos” pero que quizais o PP atendía a que “primeiro hai que cumprir coa moción do Bng”. En todo caso, deu por feito que o Plan de Protección do Patrimonio “vaise desenvolver, está claro”.

Pastoriza xustificou o voto a favor do grupo municipal do PSOE á moción da Marea porque “trata de como levar a cabo a moción do Bng da mellor forma posible”. En canto aos puntos concretos da proposta:

– “As comunidades de montes deberían ser as principais interesadas”, en aspectos como o control do vandalismo. Sobre a participación dos colectivos, precisou que “non habería problema” no caso das “asociacións con coñecemento que poidan aportar de forma desinteresada, imparcial e obxectiva”.

– “É de sentido común” que na elaboración do Plan se vaia contar con “profesionais cualificados”.

– Sobre a proposta de englobar o Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico nun Plan de Conservación do Patrimonio Cultural, “non me parece mal, pero necesitaría máis desenvolvemento”, dixo Pastoriza neste punto.

– En canto ao prazo, “non sei se 60, 30 ou 120 días”, comentou, pero “unha materia urxente coma esta non é descabellado”, apuntou sobre os 90 días que propoñía a moción.

– Por último, sobre a exposición pública do Plan, considerou que “é bo, porque incluír achegas de interés non resta, senón que aporta”.

En conclusión, o edil socialista sinalou que entendía que o voto en contra do PP “non é polos puntos da moción en sí, senón polo posterior desenvolvemento de todo isto e a análise subxectiva das posteriores consecuencias” (¿?) pero que, dende o seu propio punto de vista obxectivo, a moción da Marea “está ben e ten cousas coas que todos deberiamos estar de acordo”.

 

Chegou o momento da edil Lucía Santos, do Bng, cunha intervención que, máis que unha réplica, foi un comunicado en toda regra -probablemente escrito a varias mans- que non tiña como obxectivo explicar se estaba a favor ou en contra da moción da Marea que a propia concelleira soberanista -como lles gusta denominarse neste sector do grupo municipal do Bng- dera en propiciar ao rexeitar as enmendas á súa moción do mes de xaneiro. O propósito era facer un axuste de contas, un correctivo no que os artífices do texto lido invertiron na súa lectura máis dos 7 minutos preceptivos do primeiro turno; con esa intención o fixeron, de acaparar todo o tempo posible no seu pretendido bombardeo de reproches, convertendo a acta dunha concelleira nunha plataforma para o desquite partidista e mesmo persoal.

 

Lucía Santos comezou o seu discurso manifestando o seu “malestar profundo coa Marea veciñal e algunhas persoas simpatizantes trala presentación, debate e aprobación por unanimidade do Plan de Protección do Patrimonio”.

Claramente, a edil soberanista estábase referindo a quen representa a Asociación Monte Pituco, polas críticas que formulamos dende esta organización o día da celebración do pleno de xaneiro, cando se presentou por primeira vez a moción do Bng instando á elaboración dun Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico. Daquela escribimos o seguinte: “Despois do que temos sufrido, aturado e padecido durante sete longos anos, turrando diante do anterior goberno bipartito e mais dos actuais gobernantes do PP para que se limpase, sinalizase e promocionase o patrimonio abandonado de San Xulián en particular e do rural marinense en xeral. Despois de que o Bng e o Psoe teñan condenado o patrimonio arqueolóxico do Pornedo a quedar afectado en solo industrial, que agora veñan erixirse nos defensores de petróglifos, mámoas e demais vestixios, en fin! sen palabras! Non sabe un se dicir que benvidos sexan ao rego ou se mandalos ao mesmísimo c*”.

Trala publicación neste blogue do artigo no que figura este fragmento, fomos instados por un militante do Bng vencellado a esta edil a retirar o artigo, rectificar, retractarnos e pouco menos que flaxelarnos por exercer o que levamos facendo dende que se creou esta asociación de defensa do Monte Pituco: o dereito á liberdade de expresión.

Como por suposto mantivemos o artigo porque todo o que consta nese parágrafo -a afección do solo clasificado como industrial na área de cautela dos petroglifos, os reiterados escritos ao Concello demandando melloras nos xacementos, a negativa da ex-concelleira do Bng de Marín durante o bipartito a apoiar o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños- é VERDADE, este sector do Bng utilizou as redes sociais para queixarse das críticas recibidas, como se eles gozaran dalgún tipo de privilexio para librarse das apreciacións, opinións desfavorables ou reprobacións ás que está exposta calquera organización política e calquera dos seus cargos no exercicio das súas funcións.

No caso do Bng de Marín, insistimos, a Asociación Monte Pituco levaba dende 2010 impulsando peticións a prol da limpeza, sinalización e promoción dos conxuntos rupestres desta contorna da parroquia de San Xulián sen recibir resposta favorable nin explicación pola falta de colaboración; e por riba, sendo o único grupo municipal nacionalista dos concellos da contorna -a diferenza do Bng de Pontevedra e do Bng de Vilaboa, cuxos edís foron receptivos- que rexeitou apoiar a posta en marcha do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños baixo o argumento de que a parte marinense do proxecto estaba clasificada como solo industrial. Ten concelleiras de Cultura da parroquia de San Xulián para isto!

Esa é a realidade subxacente. Pero a edil Lucía Santos, que é unha recén chegada á Corporación Municipal, non ten ‘memoria’ directa destes acontecementos e prefire afiar a punta da súa susceptibilidade facéndose a ofendida, proclamando aos catro ventos o seu “malestar profundo”, e tildando de “simpatizantes” da Marea a quen simplemente atendeu a chamada desa organización, que contactou coa Asociación Monte Pituco para pedir asesoramento, ideas e propostas enfocadas a enriquecer a pouco menos que sacrosanta e intocable moción do Bng.

E que fixo a Asociación Monte Pituco? Contactar con especialistas, profesionais e colectivos cos que leva tempo colaborando para recoller entre todos ideas e propostas que fosen canalizadas á Corporación a través da Marea Veciñal. Cousa que non fixo o Bng, nin o Psoe, nin moito menos o PP. Pero ben que se tería colaborado con calquera grupo municipal, independentemente da súa cor política, con tal de contribuír a sentar as bases dun Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico áxil, ambicioso e comprometido coas acuciantes necesidades que presentan estes bens culturais no noso concello.

Cómpre precisar que, ao remate do pleno de xaneiro na que a moción do Bng quedou sobre a mesa para o seu tratamento máis a fondo na sesión do mes seguinte, dirixímonos á concelleira que presentara a moción para presentarnos, interesarnos pola iniciativa presentada e ofrecer a colaboración da Asociación Monte Pituco. Era a primeira vez, dende que esta Corporación comezou a traballar hai xa dous anos, que -por iniciativa nosa- se producía este contacto informal entre a Asociación Monte Pituco e unha edil do Bng; edil que nos desvelou a súa nula relación cos demais concelleiros do grupo municipal (un extremo que descoñeciamos por completo pero que polo que fomos comprobando tempo despois é vox populi), a existencia de trabas para o exercicio do seu labor como concelleira, e o seu desmarque particular e político dos criterios e das formas que practicaba o outro sector do Bng, en especial o seu desacordo coa clasificación do Pornedo como solo industrial.

Malia reiterarlle a colaboración da Asociación Monte Pituco en materia cultural e aclararlle que este colectivo veciñal ía seguir mantendo a súa liña crítica e belixerante co Bng de Marín polos seus criterios e xestión contrarios á defensa do Pituco, a actitude da concelleira e do seu entorno mudou radicalmente ao darse por aludida no artigo que cuestionaba a moción do seu partido, ou máis ben a ‘súa’ moción, sobre o Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico. Como diciamos naquel texto, entre darlle a benvida ao rego do entendemento ou mandalos ao c*, parecía que chegara o momento de darlle unha oportunidade á primeira opción, pero tal ponte quedou dinamitada en tanto a Asociación Monte Pituco non aceptou a ‘chantaxe’ de retirar, rectificar ou retractarse daquel artigo. Unha vez máis, daquelas poeiras, estas lameiras.

 

“O que debería ser un motivo de celebración e alegría rematou converténdose nun delirante episodio no que os reproches e o acoso contra o noso grupo foron o fío argumental”, continuou Lucía Santos na súa vingativa disertación.

Igual este sector do Bng pretende que, despois de sete anos aturando o desprezo do grupo municipal ao que pertence, as mentiras e a intoxicación dos concelleiros que a precederon tratando de enfrontar a Asociación Monte Pituco con outros colectivos veciñais que -coma o noso- se defendían da errática e errada política industrial do seu partido neste concello, por presentar unha moción feita pouco menos que a golpe de titular cando varias entidades denunciamos unha grave agresión no conxunto rupestre da Carrasca, iamos aplaudirlle coas orellas. En todo caso, o que se lle criticou non foi nin moito menos que presentase unha moción, nin que a presentase antes que ningún otro partido, nin que a presentase sen pedir consello, opinión nin asesoramento a ningunha das organizacións que denunciaron a agresión que deu pé a esta moción; iso é o que este sector do Bng pretende transmitir dun xeito capcioso e de mala fe.

O que se lle reprocha é que fose totalmente impermeable ás enmendas que varios colectivos, profesionais e especialistas vencellados ao patrimonio arqueolóxico do Concello lle trasladaron á Corporación a través da moción da Marea, representados na figura do arqueólogo Álvaro Arizaga ao que, lembremos, se lle impediu intervir no pleno do mes de febreiro porque se rexeitou a urxencia da moción coa que a Marea pretendía ampliar e mellorar a moción previa do Bng que, efectivamente, foi aprobada por unanimidade.

…Porque igual o que lle tería gustado a este sector do Bng de Marín é que a Marea non apoiara a súa moción absténdose, como si fixo o Bng á inversa coa moción da Marea. Como a Marea non só non se abstivo senón que votou a favor, a moción do Bng aprobouse por unanimidade; circunstancia da que agora presume a edil Lucía Santos.

Así que xa saben, veciños e veciñas, colectivos veciñais, sociais e culturais desta vila: se están comprometidos con algunha causa e, polo que sexa, chocan con este sector do Bng na forma ou no fondo sobre como abordar esa cuestión pola que levan tanto tempo loitando, non se lles ocurra discrepar, criticar, disentir ou queixarse, porque inmediatamente serán acusados de “acosar” a estes malpocados servidores -e salvadores- da patria. Ten bemoles.

 

“Resulta chamativo o talante democrático amosado por algúns e algunhas durante e tras o pleno de febreiro. No Bng tomamos nota da maxistral lección democrática. Nunha moción do Bng, as enmendas da Marea teñen que ser aceptadas necesariamente, do contrario porase en marcha a maquinaria democrática para o acoso e derribo”.

Coa Marea ‘hemos topado, amigo Sancho’, que diría don Quixote na súa -esa si que é delirante- loita contra os xigantes imaxinarios que en realidade son muíños de vento. Ao final vai resultar que esta pataleta do sector disidente do Bng de Marín redúcese claramente a unha cuestión de ciumes con respecto da Marea. E que toda esta perorata cargada de palabras ‘grosas’ como “talante democrático”, “maquinaria democrátrica”, “lección democrática”, “acoso”, “derribo”, “insulto” e outros ‘palabros’ contundentes non é máis que puro artificio para encher de aire un globo que non vai a ningures, que carece de peso real e de xustificación posible, cando do que se trata é de magnificar un berrinche infantil, victimizarse e lucrarse politicamente dun gran de area elevado á categoría de montaña. Non hai caso, señoría, pero por intentar amolar, desprestixiar e desacreditar, que non quede.

 

“Agora din que vamos con boas intencións pero con falta de concreción. O Bng foi acusado de pretender ter ido de abandeirado da causa do patrimonio arqueolóxico, de manifestar no pasado unha despreocupación cara ao mesmo, de oportunismo, de empregar malas formas, de facerlle o xogo ao PP e de pretender que a moción quedara gardada nun caixón do concello, entre outras lindezas”, continuou a edil do Bng co seu ventilador de sandeces in crescendo.

Sentímolo, pero na opinión desta asociación é así: a moción do Bng era simple, por iso esta asociación e outros colectivos, profesionais e expertos de constrastada solvencia e renome se prestaron a completala con achegas que a ampliasen e mellorasen. Se iso foi o que lle amolou a este sector do Bng, problema seu.

A moción do Bng só implicaba ao Concello na elaboración dun Plan de Protección dos Conxuntos Arqueolóxicos que unicamente tiña en conta a “sinalización, delimitación, adecuación de espazos, paneis informativos e actuacións de concienciación veciñal”. A enmenda que rexeitaron admitir contemplaba prazos concretos para iniciar a elaboración do plan, a participación de entidades e especialistas, a participación das comunidades de montes e da sociedade en xeral durante un periodo de exposición pública… vaia se melloraba a moción e lle marcaba ao Goberno local un camiño rigoroso e necesario para comezar a traballar nunha dirección.

Lonxe diso, este sector do Bng prefire distorsionar o sentido das enmendas propostas tendo en conta a xenerosa e desinteresada colaboración dos colectivos, profesionais e expertos consultados. Este sector do Bng prefire manipular, terxiversar e mesmo mentir cando afirma que se lle “acusa” de “pretender que a moción quede nun caixón”. Nada máis lonxe da realidade; o risco de que a moción quede en papel mollado non se lle atribúe ao Bng, senón ao partido que goberna, que ten aprobado numerosas iniciativas que logo non se materializan. Pero para este sector do Bng resulta máis cómodo dárlle a volta á tortilla e instalarse no papel de ofendido para lavar a imaxe que o partido foi forxando a pulso durante anos, exercendo de atizador.

 

“Queda meridianamente claro que neste concello si que existen persoas abandeiradas na defensa do patrimonio arqueolóxico que se arrogan o liderazgo e a exclusividade na súa defensa e que para realizar algunha proposta hai que pedir permiso. O patrimonio non é patrimonio de ninguén, é patrimonio de todos os marinenses e tanto no noso grupo e na nosa organizaión e fóra dela, hai persoas que levan moitos anos cun modesto mais importante traballo ás súas costas na defensa e promoción do noso patriomonio arqueolóxico e que non foron nomeadas, polo que non imos pedir permiso para continualo facendo, obviamente”.

Pois que cundan as iniciativas do Bng a prol do patrimonio arqueolóxico e cultural; xa estaban tardando en incorporalas á súa acción na oposición, porque durante o tempo que actuaron no goberno, lonxe de atender os petroglifos de Mogor e o castro da Subidá, non se lles lembra nada máis de colleita propia. Porque a ruta das mámoas do Morrazo era participada por comunidades de montes, ademais dos concellos de Moaña e Vilaboa, e as consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura; e total, axiña quedou na mesma situación de abandono na que se atopaba e se segue atopando o resto do patrimonio arqueolóxico do Concello, en especial na parroquia de San Xulián que é a que posúe a maior densidade de xacementos.

En todo caso, a Asociación Monte Pituco non se dá por aludida nestes excesos verbais da concelleira Lucía Santos porque, se este colectivo fose abandeirado do patrimonio, se arrogase a exclusividade na súa defensa, e se atribuíse algún tipo de licencia para dar ou quitar permisos, non actuaría como actúa: estando en contacto permanente con outras entidades, consultando e pedindo asesoramento a expertos, e colaborando cos profesionais. Porque se de algo somos conscientes é de que nesta asociación non hai membros con competencia nin formación en materia de Historia, Arqueoloxía, Antropoloxía ou disciplinas afíns; pero ninguén non pode acusar de intrusismo porque todas as iniciativas nas que participamos a prol da defensa do patrimonio fanse previa documentación e asesoramento con especialistas. E así quedou acreditado na denuncia presentada con motivo da agresión no conxunto rupestre da Carrasca, que se fixo conxuntamente co colectivo Luita Verde; ou co anuncio da localización de novos xacementos arqueolóxicos por parte do naturalista Paulo Troitiño e de Cándido Martínez, da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo; ou coa comparecencia na Comisión de Cultura que contou cos avais dos arqueólogos Antonio de la Peña, Álvaro Arizaga, do antropólogo Buenaventura Aparicio, ou do investigador Antonio Costa…

De modo que se con estas afirmacións había algún afán difamatorio por parte deste sector do Bng cara á Asociación Monte Pituco, pinchan en óso porque é un trapo no que non se lles vai entrar. A nosa traxectoria é ben coñecida e a estas alturas non temos nada que demostrarlle a quen só verque insinuacións inxustificadas e fóra de lugar.

Se pasado o ecuador deste mandato neste sector do Bng caen na conta de que o patrimonio arqueolóxico marinense importa, está en perigo, e que precisa de apoio urxente para a súa protección e conservación, benvidos sexan a esta corrente de opinión e de acción. Seguramente no blog do Monte Pituco vaian atopar moita materia para seguir impulsando mocións como a que deu pé ao Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico. Á súa disposición está toda a información, como a disposición de calquera otro grupo político. Se nesta asociación tiveramos algún interés en ‘apropiarnos’ do patrimonio, como tan velada e maliciosamente dá a entender esta concelleira, non se lle estaría dando proxección e difusión a través da nosa páxina na Internet, que á súa vez é fonte de información para os medios de comunicación de ámbito local, como proba de fiabilidade informativa.

 

A intervención da concelleira Santos continuou tratando de “desmontar” o que calificou como “acusacións” verquidas contra o seu grupo, o que non deixou de ser unha reiteración do discurso anterior. Chamou a atención que defendera a actuación dos seus antecesores no grupo municipal cando pouco menos que renegaba deles, das súas formas e do seu legado. Pero a necesidade apremia e, ante a falta de bagaxe propia para auto-reivindicarse, ben vale abrazar a causa daqueles cos que -cando interesa- quere marcar distancia e diferenza. Bravo pola coherencia.

 

“Resulta simpático que cando desde o Bng presentamos unha moción, sexamos acusados de oportunismo. Se cadra houbo a quen lle proeu que fora o Bng quen presentara a moción. Parece razoable que, como calquera grupo, poderemos presentar as nosas mocións. Ou a conservación do patrimonio aruqeolóxico é exclusividade de alguén e os que levamos algunha iniciativa temos que ir petando na porta para pedir permiso?”.

Simpático é que o Bng convirta a penosa situación na que se atopa a inmensa maioría do patrimonio arqueolóxico nunha carreira competitiva con outro partido -a Marea, neste caso- para ver quen presenta primeiro que; ou que cuestione o peso que ten unha moción como a que presentou o Bng en xaneiro en comparación cunha pregunta á alcaldía como a que nese mesmo pleno formulou a Marea interpelando a María Ramallo sobre que significaba a “colaboración” ofrecida dende o Concello a unha comunidade de montes onde se produciu unha agresión da que a propia comunidade foi responsable como promotora duns traballos de desbroce onde non se tomaron as preceptivas medidas de control, sinalización e supervisión.

 

“Seica presentamos a nosa moción con malas formas: incompleta. Parece que para a presentación da moción tiñamos que ter falado con varias entidades, segundo a visión dalgunhas persoas. Esas organizacións merecen todo o noso respecto e admiración polo traballo que realizan permanentemente. Respecto e admiración. Mais non entendo por que tiñamos que ter falado con esas e non con outras, ou con profesinais ou afeccionados que traballan neste ámbito”.

Significa que a este sector do Bng non lle parecen abondo válidas as traxectorias, a solvencia e o criterio dos colectivos, especialistas e profesionais que participaron facendo achegas á moción sobre o Plan de Protección do Patrimonio? Significa que a obsesión competitiva do Bng non só incumbe a quen bule máis para presentar a moción de turno senón que tamén vai rivalizar por ver quen se rodea dos expertos e dos asesores máis cualificados? Cales son os criterios deste sector do Bng para discriminar sobre a valía ou a capacidade das persoas que, en función da súa formación académica ou experiencia profesional, se prestan a colaborar con segundo que grupo político? 

Acaso o filtro é: os que asesoran o Bng son válidos e os que o fan a outro partido son “simpatizantes” desa formación, o que automaticamente xa invalida as súas achegas?

 

“Outra acusación foi a de facerlle o xogo ao PP e pretender que a moción quedara gardada nun caixón do concello; o colmo do absurdo, o que nos faltaba por oír. Cando presentamos a moción fixémolo coa intención de propoñer unhas demandas concretas, claras e concisas e un texto que resultase útil para o fin que procurabamos: un plan de protección do patrimonio arqueolóxico, e entendiamos que a introdución de elementos, detalles e matices, o que podía provocar era a non aprobación da moción. Se quixéramos ter feito algo máis complexo, teriámolo feito, mais consideramos que non era positivo para acadar a súa aprobación. En calquera caso, é a nosa opinión, a da Marea pode ser outra, mais non por iso atacamos a ese grupo”.

En fin, este sector do Bng retrátase con estas afirmacións tan inocentes e á vez reveladoras. É dicir: non fixeron unha moción en condicións, senón algo super básico para que nin sequera o PP se puidera negar a votalo favorablemente. É como apostar ao cabalo gañador; é como que un partido da oposición lle faga os deberes ao grupo de goberno; é como poñerlle o listón tan, tan baixo, que non necesite nin saltalo.

O electorado do Bng de Marín debería estar preocupado se lle segue votando a esta formación porque, dende logo, facer mocións á medida das pretensións dun partido tan nas antípodas do Bloque como o PP, que por riba xa goberna con maioría absoluta, a calquera militante nacionalista con dous dedos de fronte deberíalle resultar cando menos chamativo. A non ser que a aspiración de quen propón unha moción tan simple sexa compartir mérito e medalla no suposto de que o tan traído e levado Plan acabe sendo unha realidade: o Bng por propoñelo e o PP por levalo a cabo. Outra cousa son as condicións nas que se materializa ese Plan.

E tal como evolucionou este ‘culebrón’ temos unha certeza: se despois do acordo por unanimidade da Corporación aínda houbo dous meses máis para seguir afondando por distintas vías na urxencia das actuacións, nas prioridades das medidas que cómpre adoptar e na concreción das partes implicadas na elaboración do Plan; se despois das sucesivas intervencións en plenos e comisións estamos escoitando ou lendo cales son as intencións do grupo de Goberno sobre a execución do Plan, coincidentes coas propostas formuladas dende os colectivos, os profesionais e os expertos, tanto ten que uns rexeiten ou que outros se absteñan na votación da moción. Porque o importante é que se aplique o seu contido.

Polo que non imos pasar é por aturar acusacións infundadas deste sector do Bng atribuíndo “insultos” inexistentes por parte da Asociación Monte Pituco, á que non mencionou en ningún momento, pero á que veladamente ían dirixidos os seus dardos.

 

“En canto á predicción de que ao non aceptar as enmendas da Marea a moción vai quedar condenada a quedar nun caixón do Concello, non entendemos por que de ser aceptar as enmendas, a moción correría distinta sorte. Somos conscientes de que existe ese risco, por iso estaremos atentos e vixiantes. De terse aceptado as enmendas, a moción tería as mesmas opcións de quedar nun caixón. Resulta un argumento estraño porque, de ser así, por que estamos aquí? para que presentamos mocións?”.

Máis perogrullo do Bng. Máis terxiversación aplicándose para si hipóteses da Marea que non van enfocadas a este partido, senón ao grupo de Goberno que é, en última instancia, de quen depende que o Plan se leve a cabo ou quede aparcado sine die, como ten sucedido con outras mocións que, por moita unanimidade coa que foran aprobadas, seguen durmindo o soño dos xustos.

 

“Reiteramos o noso malestar polo que consideramos unha pataleta sen argumento que só obedece á raiba por non ter protagonismo”.

Máis mostras de como se auto-retrata este sector do Bng, que a estas alturas do discurso tomara o cariz de auténtica CARICATURA. Velaquí o cerne: por se non fose abondo cos ciumes, tamén a envexa corre -e corroe- polos alicerces deste sector acomplexado do Bng. O retrato que pintan doutros non deixa de ser o seu propio reflexo no espello no que se miran: malestar polo longo recorrido desta moción que estaba pensada para ser única, persoal e intransferible; pataleta sen argumentos a desta réplica con tintes de revancha e axuste de contas; raiba e falta de protagonismo a deles porque percibiron que a súa sacrosanta e intocable moción era discutida con fundamentos de peso e por voces acreditadas que pedían ir máis aló dos dous escuetos puntos que se solicitaban.

 

“Tendemos a nosa man a todos os grupos para traballar pola protección do patrimono arqueolóxico, agardando que o vivido en relación a este tema non se volte repetir: respecto ao noso traballo e á discrepancia”.

Piden para si mesmos o que neste tempo foron incapaces de ofrecer aos demais: RESPECTO para a forma de traballar da Marea en tanto se dirixiu a fontes acreditadas na defensa e na promoción do patrimonio para recabar información e propostas, e RESPECTO para quen fiscaliza, critica, avalía e disinte das opinións, formas e actitudes deste sector do Bng, incapaz de amosar sequera un ápice de xenerosidade e gratitude cara a quen lle leva uns cantos anos de vantaxe con respecto ao traballo deste equipo de recén chegados á Corporación.

 

“Se queren apoio fagan propostas serias e concretas”.

Hai que ter morro, soberbia e ir tan de sobrado para espetar esta frase, NEGÁNDOLLE SERIEDADE E CONCRECIÓN a unhas achegas que son o resultado dunha modesta posta en común entre colectivos, profesionais e expertos que unicamente procuraban contribuír de xeito construtivo a unha moción básica, incompleta e moi mellorable. Mentres que este sector do Bng pretendía salvagardar o patrimonio arqueolóxico con medidas ‘á medida’ do PP, outros optamos por remangarnos, facer que a opinión pública tome conciencia da gravidade da situación, avivar o debate social e mobilizar a un número nada desdeñable de expertos para que poñan o foco no que verdadeiramente cómpre facer para abordar o problema dunha vez por todas, con propostas serias e concretas, mal que lle pese a este sector do Bng se non quixo ou non puido elaborar nada mellor, e que por riba rexeitou que outros enriqueceran a súa moción con boas ideas, ata o extremo de parecerlles pouco menos que unha intromisión no terreo que eles pisaran antes que ninguén no eido da política municipal. Ata aí podiamos chegar.

 

Continuou a edil Lucía Santos explicando que non estaba de acordo co punto da moción da Marea que propoñía a creación dunha comisión: “A participación cidadá é enriquecedora, pero non é necesaria unha comisión redactora. Enténdese que estará en mans de persoas ou entidades cualificadas para ese traballo. Outra cousa é que asociacións ou persoas interesadas poidan facer as súas achegas, tanto asociacións como propietarios privados que non se estan nomeando. Ou é que manda máis unha asociación que expertos titulados? Digo eu que non”.

Con argumentos coma estes quedaba en evidencia o carácter prefabricado desta retahíla de reproches; ou que esta interlocutora estivera de corpo presente e mente ausente no debate da moción, porque foron varias as ocasións nas que se mencionou os propietarios privados, en particular as comunidades de montes como titulares dos terreos nos que se atopa a inmensa maioría do patrimonio que actualmente se atopa en situación de desprotección.

 

Aínda lle quedaban por comentar catro puntos máis cando María Ramallo instou a Lucía Santos a rematar a súa intervención porque os seus 7 minutos ían de sobra cumpridos.

 

Sobre a presenza de “profesionais cualificados” na elaboración do plan pareceulle “obvio” argumentando que “non sería a señora alcaldesa a que faga a redacción”. Coa inclusión do Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico no marco dun Plan de Protección Global do Patrimonio Cultural amosouse de acordo, mais reprochándolle á Marea que lle “lembra ao ‘pois eu mais’: se o Bng propón un Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico, imos propoñer un Plan de Protección do Patrimonio Cultural”.

Outra mostra de que esta concelleira non atendeu en absoluto as recomendacións do arqueólogo Álvaro Arizaga na súa intervención na Comisión de Cultura para advertir que o patrimonio arqueolóxico é unha parte dun legado cultural de maior envergadura que abrangue outros elementos que corren tanto ou máis perigo que as mámoas, os castros e os petroglifos, e nos que tamén cómpre actuar…

Sobre o prazo “non poñeríamos; entendemos que debería ser inmediata”.

Moción a do Bng inzada de suposicións: supón que o Plan se vai acometer axiña, supón que o van elaborar profesionais competentes… as mocións deste sector do Bloque son unha marabilla para o PP, que nunca tanta manga ancha tivo para actuar ao seu antollo sen pautas nin compromisos concretos marcados dende a oposición.

E “nada que obxectar” sobre o punto referido á exposición pública.

 

“Dicir que estamos satisfeitos por acadar o obxectivo que se procuraba: a aprobación e elaboración dun plan de protección do patrimonio arqueolóxico. En xaneiro non tiñamos nada e hoxe temos un acordo por unanimidade; algo que poucos concellos poden dicir que teñen. Agora cómpre poñerse a traballar e supervisar o seu cumprimento”.

O mesmiño que destacou a concelleira de Cultura; nin que se puxeran de acordo para redactar as súas respectivas réplicas.

 

No seu turno de contra-réplica, a voceira da Marea contestoulle ao BNG: “Non nos critica a nós, porque son propostas dos colectivos e dos profesionais aos que lles demos voz”. Sandra Pesqueira cuestionou que Lucía Santos teña “cualificación profesional como a destes colectivos para facer esas críticas e tildou de “virulento” e “fóra de lugar” o ton da súa intervención porque “ninguén acusou a ninguén”, polo que lle achacou ao Bloque que “antepoñen as súas rabietas á elaboración dun Plan”.

Dirixíndose á concelleira do PP, amosoulle a súa satisfacción porque “se faga o Plan” porque “aceptan o que pedimos malia que van votar en contra, pero como son propostas lóxicas e que caen de caixón, vanas facer e a nós xa nos vale: a peseta gorda para vostedes”.

Tamén se queixou de que os concelleiros do PP “non informan na Comisión de Cultura” dos trámites que anuncian que xa empezaron a facer, polo que lle pediu que explicase “que clase de accións están tomando coas comunidades de montes, cales son os próximos prazos a seguir na elaboración do Plan, e de que maneira van implicar os colectivos e profesionais”.

 

Na súa derradeira intervención, Beatriz Rodríguez agarrouse a que o Plan aprobado era o da moción do Bloque, e tratou de quitarlle a razón á edil da Marea sobre a aceptación das peticións expostas polos colectivos e profesionais coas novas achegas desta segunda iniciativa: “Non estamos de acordo con todos os puntos, como di vostede”, intentou remendar a concelleira popular.

Beatriz Rodríguez tratou de desacreditar a súa contrincante neste debate pola súa ausencia nas dúas últimas comisións de Cultura nas que foi sustituída polo seu compañeiro da Marea Aarón Franco: “Xa en marzo dixemos que estabamos iniciando o proxecto e na de abril que tiñamos contactos con xente dedicada a isto, pedindo orzamentos”; un extremo que o edil da Marea negou con acenos mentres a concelleira do PP pronunciaba estas palabras.

“Nós non somos técnicos na materia, escoitamos a todas as asociacións, a todas, e a todas as que nos queiran dicir algo; outra cousa é que se nos impoña”, seguía porfiando Beatriz Rodríguez, á que lle habería que refrescar a memoria sobre as xuntanzas que esta asociación, como unha das promotoras do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, lle fomos presentar ao pouco de ter tomado posesión como concelleira de Cultura no primeiro mandato do PP no Goberno local. Que fixo esta concelleira e o seu partido polo patrimonio da parroquia de San Xulián e do resto do rural neste tempo? NA-DA.

 

O único que quixo precisar o edil do Psoe no seu último turno foi para aclararlle ao Bng que o seu partido “non fixo reproches nin acusou a ninguén”.

 

“O Psoe pode estar tranquilo, quen fixo as acusacións xa o sabe”, terciou Lucía Santos.

 …Canto cinismo…

 

“Non estou cualificada en nada, por iso pido que a elaboración do proxecto a fagan profesionais, e quen teña interese en facer achegas, que as faga”.

…Que as faga, pero o Bng vainas rexeitar ‘se se presentan a través doutro partido que non sexa o meu’,  faltoulle dicir. Ou máis ben, vainas desbotar se non se canalizan a través do sector do Bng ao que ela pertence…

 

“Para nada estou sendo violenta, estou contestando a unhas acusacións con educación e respecto; teremos dereito. Ao que se dixo na comisión, no noso voto non infúe un voto partidista nin me deixo levar por pataletas nin temas personais”, concluíu.

…Sobre a intervención da tan Comisión referíase á comparecencia da Asociación Monte Pituco que, como non ten representación na Corporación municipal, tivo que escoitar coa boca pechada semellante sarta de afirmacións sesgadas. Un aplauso pola utilización persoal e partidista dun cargo público. Afortunadamente, os cidadáns e cidadás ‘rasos’ temos cabeza, mans, teclas e medios tecnolóxicos para defendernos, facernos oír e desmontar “zascas” que non merecen nin un segundo de atención pero que, diante da prepotencia política, cómpre matizar e frear na súa xusta medida.

 

A voceira da Marea utilizou o seu turno de peche para reiterar a súa “sorpresa” polas palabras da edil do Bng, á que lle esixiu en varias ocasións “que diga quen fixo esas declaracións, que non tire a pedra e esconda a man”.

Neste punto foi moi triste, decepcionante e indignante escoitar como nos bancos do PP os concelleiros deste partido escachaban a rir; unhas risotadas que, cun volume esaxerada e premeditadamente estentóreo, para facerse oír, eran entoadas por simpatizantes do sector do Bng ao que pertence a edil Lucía Santos. Simplemente penoso ese dúo ‘antinatural’ e irrespectuoso de gargalladas por parte de xente que, días despois, prometía “máis risas” a través das redes sociais sobre como transcorreu o debate deste punto do pleno. Así se toman a política neste reducto do Bng de Marín: a CACHONDEO. O que aconteceu xa está explicado neste artigo. Para que logo veña o Bloque reprochando doutros o tan cacarexado “pois eu máis”.

 

Logo de aclarar que “o Psoe deuse por aludido, nós non” aos reproches do Bloque e de calificar como “fabuloso” que no PP aseguren que “están iniciando os trámites”, Sandra Pesqueira rematou recalcando que a esta moción non era “unha proposta da Marea, senón dos colectivos e dos profesionais, mal que lles pese; e quen queira absterse e dicir que non, alá cada quen, que cada pau agante a súa vela”.

 

A poucos minutos de que se cumprira a media noite, a alcaldesa deu paso á votación, na que o PP votou en contra, e o Psoe e a Marea a favor, máis as tres abstencións do Bloque. Con este resultado, María Ramallo zanxou as expectativas postas nesta moción con dúas palabras: “Queda rexeitada”.


Respostas

  1. […] PLENO DE ABRIL: DEBATE DA MOCIÓN SOBRE O PLAN DE PROTECCIÓN DO PATRIMONIO […]

  2. […] súa execución, colectivos e expertos foron rexeitados, excluídos e mesmo desprezados. Aquel “zasca” do Bng ás propostas coas que a Asociación Monte Pituco compareceu nunha Comisión de Cultura […]

  3. […] e sacar lustre das ‘medallas’ que puxo na solapa durante os últimos meses a conta de apropiarse do traballo alleo. Porque non lle doeron prendas en reivindicar a “promoción de roteiros”; ela, que representa […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: