A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo comezou a tempada de andainas de primavera cun roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural dos montes das parroquias de Santa Cristina e de San Adrián de Cobres, nunha zona clasificada como solo rústico de especial protección de espazos naturais, forestal, de augas e patrimonial, no concello de Vilaboa.
Partindo dende a casa de cultura de Riomaior, o percorrido discorreu por estradas, corredoiras, pistas forestais e camiños de pé, seguindo treitos do sendeiro municipal dos muíños de Riomaior e do sendeiro ecolóxico do Morrazo: Costal, A Cardiña, rego do Portiño, Sobreira, Os Saxos, Monte das Barreiras, Martiñetas, A Pereiriña, Chan de Dego, Paradellas, As Cernadas e O Costal, ata o retorno no punto de inicio.
Entre os lugares de interese que se visitaron destacou o rego Maior e o seu principal afluente, o rego do Portiño, que contan cunha excelente área de ribeira cunha flora a base de carballeira, ameneiral, salgueiral, abeledo, loureda, cerdeiras, estripeiros, pereiras bravas, fungos, fentos, liques, brións e multitude de plantas nemorais e ribeireñas, moitas delas agora nunha policromática floración, dentro de hábitat natural prioritario de bosques aluviais. Tamén destaca a actividade agropecuaria nos núcleos rurais de Outeiro, Pazos, O Costal, A Cardiña, As Cernadas e Paradellas.
Ademais, existen vestixios arqueolóxicos no castro de Cobres ou do Coto, e un importante patrimonio etnográfico que conforman os 34 muíños coas súas canles e pontellas, restaurados no seu momento e integrados no sendeiro de pequeno percorrido do PR-G 102.
O núcleo rural de Sobreira -o fitónimo refírese á árbore do mesmo nome- está no val do rego do Portiño e pasa por ser un dos exemplos mellor conservados do rural morracense, co seu casal, hórreos e muros de pedra, corredoira empedrada e o verde mosaico de veigas cultivadas e dedicadas ao pasto para unha variada gandeiría extensiva (cabalar, ovina, caprina…).
As carballeiras da conca do nacemento do rego do Portiño pertencen ao hábitat de interese comunitario das carballeiras galaico-portuguesas. Tamén se realizaron repoboacións forestais con castiñeiros e outras frondosas autóctonas.
Entre o Monte das Barreiras e A Pereiriña hai un sobreiral, considerado un dos máis importantes da península morracense dentro da súa subasociación coa emparentada carballeira. Denominada a nivel fitosociolóxico Rusco aculeati-Quercetum roboris quercetosum suberis, é proba fidedigna da influencia mediterránea e termófila con respecto ao clima oceánico a nivel bioxeográfico no Morrazo e nas Rías Baixas. Aínda se pode atopar nalgúns dos exemplares adultos das sobreiras o desprendemento da súa grosa cortiza, utilizada antigamente para a fabricación da cuberta das colmeas das abellas, tapóns, artes da pesca e outros aparellos e recubrimentos domésticos, daí tamén o nome de corticeiras.
Merecen tamén unha parada as densas matogueiras da urce vermella -Erica australis-, especie montana de gran porte e moi chamativa. No Morrazo só se atopan nestes montes, sendo as de maior altura entre as fortes pendentes das concas dos regos de Campolongo e dos Asubións, afluentes así mesmo do rego Maior.
Asimesmo, resalta a presenza da carqueixa -Pterospartum tridentatum-, outra especie da matogueira montana que se atopa case en exclusiva nesta área a nivel morracense, con tons amarelados na súa floración, ao igual que a toxeira e a xesteira. No seu conxunto, conforman o hábitat de interese comunitario de breixeiras secas europeas.
Ademais de contribuír coa súa cor á beleza da paisaxe, estas especies de matogueira son de grande importancia para o desenvolvemento da fauna invertebrada e das abellas en especial, ao ser moitas delas melíferas, e tamén pola súa biomasa fertilizante e combustíbel a nivel agroforestal e polo tanto de grande valor paisaxístico, ambiental e socioeconómico.
O monte aberto da matogueira tamén descubre, por enriba dos 300 metros de altitude sobre o nivel do mar, as excelentes e amplas vistas panorámicas da Enseada de San Simón, no fondo da ría de Vigo, na actualidade catalogada como Zona de Especial Conservación dentro da Rede Natura. A extensa rede hidrográfica do rego Maior, cos nacementos das súas concas nos montes de Cobres, modelan a paisaxe e fan a función de corredores naturais e ecolóxicos cara á propia Enseada.
As principais afeccións para os montes das parroquias de Cobres nas últimas décadas foron os monocultivos forestais, a eucaliptización e os incendios forestais, xunto coas cortas indiscriminadas de arborado autóctono, a falta de silvicultura, as verteduras incontroladas de lixo e o espallamento doutras especies de flora alóctona e invasora, en especial das acacias e da cana de bambú. As principais ameazas no futuro son o parque eólico de Pedras Negras e a Área de Desenvolvemento Eólica do Morrazo e máis proxectos de exploración e de investigación mineira na súa proximidade.
En marzo do 2012, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que, co nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, acollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Coto Redondo, onde están integrados grande parte dos montes de Santa Cristina e de San Adrián de Cobres, o Carballal de Coiro, e outros ampliables.
Texto: Cándido Martínez, da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
Fotos: Asociación Monte Pituco
Deixar unha resposta