Publicado por: MontePituco | 25/05/2019

XORNADA DE REFLEXIÓN… E 2º ANIVERSARIO

DebateElectoral_CanalRiasBaixas_mai19

Catro dos sete candidatos á alcaldía de Marín sentaron no plató do programa Contrastes de Canal Rías Baixas para debater sobre as súas propostas que, nas horas previas ás eleccións municipais, cómpre debullar.

María Ramallo do Pp xa o resumiu todo nunha palabra na súa intervención final: “Seguir”. É dicir, máis do mesmo.

Lucía Santos do Bng non o puido facer peor: incapaz de fiar dúas frases seguidas sen ler na morea de papeis que lle escribiran, absoluta inseguridade que a incapacita para gobernar nada.

Manuel Pazos Lamoso do Psoe interpretou unha pose moi alonxada do que realmente representa: o candidato da mentira e da manipulación.

Como se intuíse que iamos analizar con lupa as súas palabras, Aarón Franco da Marea intentou matizar aspectos do seu labor na oposición durante os últimos catro anos que foron cuestionados. De feito, nos primeiros minutos do debate, Aarón Franco foi o primeiro en referirse á “aberración de ter situado o Pituco como chan industrial”.

Falouse do PXOM e da dotación de solo industrial e o candidato da Marea reprochou que o Planeamento se tivese “aprobado tarde” e estivese “gardado nun caixón” cando fora “aprobado por todos os partidos”. No Monte Pituco criticamos que a Marea, sendo un partido que en principio simpatizaba coa defensa do ‘balcón da ría’ fronte á súa clasificación como solo empresarial e sabendo da loita xudicial que esta modesta entidade viña sostendo, era inconcebible e incongruente que estivese pedindo o desenvolvemento do PXOM. Quizais por iso Aarón Franco se apresurou a aclarar que a Marea pedía desenvolver o Planeamento “onde non esté xudicializado”, matizou.

Neste debate fomos conscientes por primeira vez en moito tempo -cumpríndose ademais o segundo aniversario da sentenza do TSXG a favor da Asociación Monte Pituco e contra a Xunta pola inclusión do Pituco no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais- do dano, da pupa, do problema e do marrón que lle ten causado este pequeno ‘David’ ao ‘Goliat’ Concello+Xunta ao conseguir que haxa que anular a clasificación do Pituco como solo industrial. En ningún xornal, en ningunha entrevista, seguramente en ningún mitin desta campaña electoral, se teñan pronunciado tanto as palabras “Pituco” ou “Pornedo” e “parque empresarial”. Pero aí está o resultado de case dez anos de traballo en defensa dunha causa xusta fronte ao desprezo de determinados partidos e dos seus acólitos que nos subestimaron.

Quen máis ten que calar é quen máis bota a lingua a pacer. Quen máis prudencia, autocrítica e humildade tiña que exercer, actúa con maior prepotencia. Lamoso acusou o Pp de que “prometeu solo empresarial e o tempo demostrou que esas promesas eran falsas”. O candidato do Psoe defendeu o porto e afirmou que “estamos no punto de non buscar grandes solos empresariais, senón solos compatibles”. De feito, no seu programa cítase, textualmente, “desenvolvemento de pequenas bolsas de solo empresarial integrados e compatibles co territorio”.

Non nos cansaremos nunca de denunciar que este é o candidato da mentira, da desfachatez e do engano descarado: este ex-concelleiro usou a súa capacitación profesional para dicirnos que o Monte Pituco era o lugar idóneo para crear chan industrial porque era “o sitio máis plano de todo Marín”; unha afirmación que, cun informe topográfico e de intervisibilidade, demostramos que era absolutamente falsa.

Este candidato que presumiu de “transparencia” endexamais se disculpou con esta entidade veciñal nin se molestou -porque a todas luces carecía de argumentos- en rebater os datos demoledores que revelaron que menos do 10% do terreo afectado polo polígono proxectado cumpría as condicións mínimas de urbanización, e que máis do 50% da superficie clasificada como industrial ten máis do dobre da pendente máxima recomendada para realizar semellante obra. Esa é a ‘transparencia’ da que o candidato do Psoe carece, por iso debería estar inhabilitado para encabezar ningunha lista electoral seria que pretenda traballar por Marín con honestidade e profesionalidade, cualidades que ten demostrado que lle veñen moi grandes.

Por riba, carece de memoria, como se encargou de evidenciar María Ramallo a propósito da ubicación dun auditorio. Mentres que Lamoso propoñía “que un equipo de urbanistas dispoña o lugar” para construílo, a candidata do Pp recordáballe que o Psoe propuxera poñelo na Praza de España. “Diso pasaron 16 anos”, intentou remendar o aspirante socialista. Un socialista ‘socialisto’, que non se corta un pelo en louvar a nº2 da súa candidatura como unha prestixiosa arquitecta, polo que se extrapola que o “equipo de urbanistas” co que o Psoe pretende decidir onde se instalan o auditorio, as “pequenas bolsas de solo empresarial” e outras hipotéticas infraestruturas vai ser da súa corda para poñer o que sexa onde este partido queira, non con criterios de independencia política.

Esa é a ‘transparencia’ do Psoe de Marín, cuxo candidato recoñece no debate que “trala sentenza” hai que “replantexar moi seriamente o solo industrial” e a continuación afirma que “o solo empresarial de Marín é o porto”. Xa non lembra que cando o Tribunal Supremo declarou ilegais gran parte dos recheos portuarios, ao seu partido, ao goberno bipartito do que Lamoso formou parte, entroulle moita présa por aprobar o PXOM e poñer o solo industrial onde pensaba que a ninguén lle molestaba, sen verificar que o Pituco fose idóneo dende o punto de vista medioambiental, paisaxístico, cultural, técnico e económico. Había que poñelo fóra de onde a veciñanza da Brea, Vista Alegre e Moledo xa protestara para que non llo puxeran. Pero no Pituco xurdiu unha ‘irrisoria’ resistencia que lles sacou os colores e puxo en evidencia a ineptitude do bipartito. Diso non dixo ren o candidato do Psoe, nin tampouco da súa participación na ilegalidade que se pretendía cometer coa súa complicidade.

Lamoso, por ti empezou todo. Se a Asociación Monte Pituco ten dúas sentenzas firmes e irrevogables contra o solo industrial clasificado no PXOM, é grazas a ti; ou que vén sendo o mesmo: pola túa culpa, pola túa torpeza, pola túa noxenta artimaña para calarnos a boca con trolas trapalleiras. Es o peor candidato para calquera partido, unha vergoña, e lamentamos que a veciñanza marinense, na súa liberdade (ou na súa ignorancia), non teña en consideración esta realidade.

Tamén pasou de puntillas a cantidata do Bng polo espiñento asunto do solo industrial, principalmente porque o comportamento dos seus predecesores nas filas nacionalistas non a beneficia: Pilar Blanco e Xosé María Vilaboa foron arte e parte na clasificación do Pituco como chan empresarial naquel antigo bipartito e trala súa expulsión do Bng os que agora controlan o partido pretenden desmarcarse da mala sona que deixaron os anteriores, lavando as mans ante calquera desaguisado perpetrado polo tándem Blanco-Vilaboa candos estes representaban esas siglas. Como damnificados directos da manipulación e da confusión que pretenderon sementar culpando o resto das asociacións veciñais da situación urbanística que afectaba o Pituco, como vítimas das ameazas e dos insultos recibidos pola súa parte, como perxudicados polo desprezo de rexeitar o apoio ao proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, Defende o Monte Pituco xa non agarda ningunha desculpa pública do Bng que se tiña que ter producido. Lonxe diso, a cabeza de lista e os seus asesores deixaron por (case) bos a quen os antecederan, demostrando unha falta de respecto e un abuso do cargo público que veu exercendo ata agora para atacar a quen tiña que ter tendido a man. Así non, Lucía & Cía.

Por iso, se algo fixo ‘ben’ dentro de que todo o demais saíulle rematadamente mal no debate, foi evitar pronunciar as palabras “Pituco”, “sentenza” ou “recurso”. Lonxe diso, as súas únicas alusións ao solo industrial foron para dicir que o Bng apostaba por “traballar por unha zona empresarial para dar resposta ás empresas que están funcionando sen licencia”, alén de apoiar o “desenvolvemento do PXOM facendo as modificacións que sexan necesarias”.

Esas “modificacións”, Sra. do Bng de Marín, non son moco de pavo; este colectivo veciñal fixo un traballo titánico para conseguir unha sentenza xusta que obriga o Concello a desclasificar como industrial máis de 40 hectáreas de terreo. Así que a “modificación” non é ‘pataca menuda’. Pero bastante fixo eludindo meterse nun ‘xardín’ do que podía saír bastante mal parada.

Iso non quita que se lle mirase o plumeiro, en tanto a candidata do Bng ía a este debate para falar ‘do seu libro’ e sacar lustre das ‘medallas’ que puxo na solapa durante os últimos meses a conta de apropiarse do traballo alleo. Porque non lle doeron prendas en reivindicar a “promoción de roteiros”; ela, que representa un partido que non apoiou a posta en marcha da ruta dos Sete Camiños porque, en palabras da súa camarada de filas Esther Crespo -para máis delicto, veciña de San Xián- a parte marinense do Espazo estaba catalogada como industrial; ela, que neste debate presumiu de enarborar a “protección e posta en valor do patrimonio cultural” a conta de ter presentado unha moción no Pleno do Concello para desenvolver un Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico despois de ler nos xornais que a Asociación Monte Pituco, a Plataforma Montes do Morrazo, a Irmandade de Tambo e o Colectico A Forneiriña denunciaran unha grave agresión no conxunto arqueolóxico da Carrasca que acabou conlevando unha sanción económica á Comunidade de Montes de San Xián.

Ela, que tivo a caradura de afirmar que “ir onda a veciñanza e escoitala é a mellor forma de transparencia” malia que non se dignou en falar con ningunha das entidades anteriores para formular a súa cacarexada moción de protección do patrimonio arqueolóxico con coñecemento de causa. Para que falar con colectivos cos que non hai afinidade podendo escribir as catro liñas dunha simple moción só con ler os titulares da prensa local.

O único que se dignou en mencionar o Espazo Sete Camiños foi o candidato da Marea, que xa ao final do debate, entre as propostas do seu programa electoral en materia de turismo, citou a creación de senllas rutas de muíños en San Xián e no río Neibó, a promoción do Castro da Subidá e Monte Castelo, a creación dun aparcadoiro de caravanas e dun camping, a catalogación dos recursos turísticos e a difusión do Espazo Sete Camiños “que non se promociona en absoluto”.

E do Pp pouco se pode dicir nun debate no que a candidata á reelección tivo en contra aos outros tres contrincantes, máis aló de desempeñar un papel gris e apático, e de ofrecer continuidade. Comezou acusando o Psoe de manipular os datos demográficos que lle atribúen tanta perda de habitantes á vila; pero cos antecedentes de Lamoso no manexo de información sensible como a poboación ou as curvas de nivel do monte Pituco, calquera cousa se pode esperar menos a verdade.

Abondo tivo María Ramallo con lidiar cos ataques a conta dos atrancos do PXOM, recordando que levou 34 anos de tramitación para acabar expoñéndose aos 13 recursos xudiciais que se lle interpuxeron e que obrigan, entre outras cousas, a “modificar o parque empresarial, que saíu negativo”. Negativo para os intereses do Concello, claro; mais non en aras de facer xustiza e respectar os parámetros básicos.

Pero Ramallo ten cara para todo e espalda para máis: o mesmo para ocupar a primeira fila nos actos da Escola Naval que para asistir ás homenaxes da Asociación pola Memoria Histórica; o mesmo para camiñar a paso rápido con Rajoy por Aguete que para subir ao Monte Pituco ao pouco de conseguir a súa primeira maioría absoluta. Por iso a problemática do solo industrial a ‘resolve’ reivindicando o porto como a “principal empresa” de Marín, e os recheos ilegais sentenciados polo Tribunal Supremo, que os determine Sherlock Holmes. Iso non quita, precisou a candidata do Pp, que haxa “necesidade de ter solo industrial” e xa que “a única zona do Pituco foi desbotada polos tribunais”, ben que se apresurou a engadir: “na ‘literatura’ do PXOM empregueime moito en que figurase Pastoriza”, engadiu.

Así que no próximo mandato comprometeuse a “buscar zonas” nas que teñen que “estar todos de acordo” a nivel partidista e, apostando por “pequenos proxectos empresariais ambientalmente aptos”. Xa nos coidaremos de que no Pituco non veña de rebote ningún deses ‘proxectos’, por ‘pequenos’ que poidan ser.

Porque a loita non cesa, non hai tregua. Por moito que os tribunais estean do lado do ‘balcón da ría’ e dos seus valores naturais, culturais e paisaxísticos, a defensa deste Espazo Natural dos Montes do Morrazo conleva graves e ingratas consecuencias, non só en forma de veto por parte da Comunidade de (des)Montes de San Xián, senón tamén a nivel municipal. Entre as medidas de promoción do patrimonio arqueolóxico anunciadas polo Pp e a creación de “moitas rutas de sendeirismo”, ningunha tivo en conta os xacementos da nosa parroquia, nin sequera do Monte Pituco e do Espazo Sete Camiños, á marxe de ampliar a excavación do castro da Subidá. Soportamos a vinganza con estoicismo e orgullo porque o beneficio de preservar o ‘balcón da ría’ da ameaza do asfalto e do formigón supera calquera esmola do Goberno local de turno, por máis que sexa responsabilidade do Concello e dos titulares dos terreos garantir a boa conservacións dos bens culturais.

En definitiva, goberne quen goberne o Pituco vai seguir a dúas velas dende o punto de vista do investimento en positivo: non haberá nin un céntimo para limpeza de gravados e mámoas, nin para repoñer a sinalización estragada do Espazo Sete Camiños, nin para organizar visitas de carácter turístico ou educativo, nin para mellorar nada de nada porque o que probablemente lles interesa aos candidatos é fomentar de xeito subrepticio o abandono desta paraxe con vistas no futuro a aproveitarse da degradación que pretenden para xustificar calquera falcatruada que actualmente non poden cometer porque un afouto grupiño de persoas lles pararon os pés.

O Pp inclúe na súa lista a un veciño da parroquia denunciado na Comisaría por verquer nas redes sociais unha campaña de insultos persoais e desprestixio profesional contra quen dedicou a última década a defender o Monte Pituco con argumentos veraces e irrefutables que os detractores da súa conservación non sabían nin podían rebater. Por nada do mundo merece esta candidatura o máis mínimo apoio mentres esa persoa non sexa retirada da política.

O Psoe presenta un candidato cuxo nariz, xa de por si bastante ostentoso, parece proxectarse fóra das lonas onde o seu careto está pendurado por todo Marín. A vila non merece ningún Pinocho falso e mentireiro que malia ser derrotado en anteriores primarias internas, quedou hibernando na sombra para aproveitar o desgaste do grupo municipal e volver agora que o contexto estatal beneficia as súas siglas. Iso non é política; chámase oportunismo.

No Bng de Marín xogan sucio, actúan como trepas, son expertos en postureo e carecen dunha figura solvente. Non merecen nin máis nin mellor valoración. As pontes están rotas porque o dano a esta entidade veciñal é irreparable.

E a Marea tirou pola borda a metade deste pasado mandato por librar unha guerra interna que saíu a flote ao presentarse a nova candidatura que, entre outros aspectos chamativos, inclúe un (ex)representante de Podemos que antano era partidario do polígono no Pornedo. Xa que logo, confianza en entredito e agre decepción pola ruptura que derivou no aillamento da voceira do grupo e pola perda da esencia orixinal dun proxecto que asentaba as súas raíces na voz da veciñanza. ‘O pobo é quen máis ordena’ non pode converterse nunha simple frase feita.

E hai das demais opcións políticas ningunha ofrece garantías, experiencia nin propostas contrastadas para desempeñar un bo papel. Nunca tanto onde escoller e nada no que acreditar.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: