Publicado por: MontePituco | 25/05/2017

O TSXG DÁLLE A RAZÓN A ASOCIACIÓN MONTE PITUCO

Brindando con sidra galega dende o 'balcón da ría'

 

O TSXG ordea que a Xunta retire do Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais de Galicia o polígono proxectado no Monte Pituco

 

A Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de estimar favorablemente o recurso contencioso-administrativo interposto pola Asociación Defende o Monte Pituco (Pornedo) contra a aprobación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, que delimitaba unha área para a construcción do Parque empresarial Marín-Pornedo. O fallo determina que a Xunta debe excluílo ao considerar que a viabilidade ambiental da infraestrutura proxectada non está xustificada, tendo en conta a “decisiva influencia” das características orográficas da zona e a súa afección dende o punto de vista físico, natural e paisaxístico.

Chama a atención que a sentenza do TSXG alude ao informe de sostibilidade ambiental do PXOM de Marín -que tamén clasificou o Monte Pituco como solo industrial- malia que ese documento “recoñeceu” a “alta ou moi alta intervisibilidade” desta zona, e que o propio Goberno local de Marín admitiu a “alta exposición visual e o impacto paisaxístico” que tería semellante infraestrutura na contorna, ao que se engade que a memoria ambiental do Plan Sectorial asume a “posibilidade de novas afeccións ambientais, paisaxísticas e ao patrimonio cultural”, no que figuran os conxuntos rupestres do Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro, xunto coa mámoa de Sete Camiños. 

O Tribunal sostén que “non é aceptable” que a “valoración real” das afeccións ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo e a previsión das conseguintes medidas correctoras se pospoña a unha hipotética fase posterior. Nese senso, califica de “imprescindible” que unha memoria ambiental xustifique convintemente a elección dun determinado ámbito xeográfico para desenvolver nel un parque empresarial; algo que non acontece no caso do Parque empresarial Marín-Pornedo incluído neste Plan Sectorial, polo que se ordea a anulación desta iniciativa. 

O fallo xudicial dá conta da “insuficiencia” do informe de sostibilidade ambiental do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais en tanto “non contén unha valoración real das potenciais afeccións directas e indirectas sobre o Espazo Natural dos Montes do Morrazo”. Tampouco acepta que o Plan Sectorial remita a un futuro Plan Parcial de desenvolvemento do polígono proxectado no Pituco. A este respecto, o Tribunal resalta que as Directrices de Ordenación do Territorio determinan que na elección de localizacións para crear solo industrial “primará a prevención dos seus posibles efectos sobre o medio, fronte á corrección, mitigación ou compensación” dos posibles danos. 

Os datos do informe pericial topográfico tamén foron determinantes para que o Tribunal cuestionase esta ubicación, aprobada polo Consello da Xunta o 30 de abril de 2014 e contra a cal a Asociación Defende o Monte Pituco interpuxo o recurso correspondente en xullo dese mesmo ano. 

Así, un 43% dos terreos afectados teñen unha pendente “moi abrupta”, superior ao 25%, ao que se suma otro 29% cun desnivel que acada esa cota. Os maxistrados destacan que, nestas condicións, a área empresarial Marín-Pornedo “non se pode localizar razoablemente” -citando textualmente o estudo de incidencia territorial do propio Plan Sectorial- porque, segundo este documento, en pendentes “fortes” por riba do 25% cómpre realizar “importantes movementos de terra”, xeran

un “sobrecusto de urbanización”, causan “afección ao medio” nos aspectos físico, natural e paisaxístico, e ademais poden acarrear “problemas de estabilidade” en noiros e “encarecemento” das obras de urbanización. 

A Asociación Defende o Monte Pituco celebra esta primeira vitoria xudicial, que chega case tres anos despois de interpoñer o recurso, e agradece encarecidamente o labor do gabinete xurídico que a fixo posible, así como o apoio das organizacións e dos expertos que colaboraron no proceso. Asemade, o colectivo veciñal reitera o seu convencemento nos argumentos irrefutables a prol da protección deste espazo, un verdadeiro ‘balcón da ría’ que o Concello de Marín porfía en seguir ignorando e desprezando nas súas campañas de promoción cultural, natural, paisaxística e turística. 

Esta resolución do TSXG non só é contraria ás pretensións do Consello da Xunta, senón que tamén supón un revés para o Goberno local de Marín e para un puñado de empresas e asociacións afíns que, baixo criterios partidistas e intereses especulativos, alegaron a favor de incluír o Monte Pituco (Pornedo) no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, obviando as consecuencias irreparables que suporía consumar semellante aberración contra o medio ambiente e o patrimonio histórico catalogado nesta contorna. 

Asimesmo, rebate a postura dos grupos municipais do PSOE e do BNG que, no periodo no que gobernaron en coalición, contribuíron á clasificación do Monte Pituco como solo industrial no Planeamento urbanístico, unha decisión contra a cal a Asociación Monte Pituco interpuxo outro recurso contencioso-administrativo en xaneiro de 2013, que tamén está pendente de sentenza. 

Curiosamente, xa na oposición, tanto o PSOE como o BNG marinenses acabaron retractándose publicamente do acordo que impulsaran antano. Os primeiros, afirmando en novembro de 2015 que que o polígono proxectado no Pituco “tamén se admitiría noutra ubicación” que non fose esa. Os segundos, que chegaron a ameazar con solicitar a desafectación do Monte Pituco do Espazo Natural dos Montes do Morrazo para sortear os evidentes obstáculos ambientais que presentaba, veñen de admitir o pasado mes de febreiro que esta obra é “inviable” e que “non se vai construír na vida”.


Respostas

  1. […] a clasificación do Monte Pituco (Pornedo) como solo industrial no PXOM de Marín é consecuente co fallo do mesmo Tribunal que xa en maio deste ano se pronunciou no mesmo sentido contra a inclusión do Monte Pituco no Plan Sectorial de […]

  2. […] fomos conscientes por primeira vez en moito tempo -cumpríndose ademais o segundo aniversario da sentenza do TSXG a favor da Asociación Monte Pituco e contra a Xunta pola inclusión do Pituco no Plan Sectorial de […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: