A Asociación DEFENDE O MONTE PITUCO recibe con indignación as declaracións da voceira do grupo municipal do PSOE de Marín, Luz Santiago, quen afirmou que aceptaría unha ubicación alternativa ao polígono industrial proxectado no Monte Pituco, malia que a elección desa desafortunada ubicación foi responsabilidade dos socialistas durante o mandato do ex-alcalde Francisco Veiga. “Si tiene que ser otra la ubicación también se admitiría”, recoñeceu Luz Santiago.
Que o PSdeG-PSOE, a través da deputada Carmen Gallego, veña a Marín pregoando que lle esixe á Xunta un investimento de 500.000 euros para construír o polígono industrial no Monte Pituco argumentando que así figura no PXOM, como se o seu partido pouco tivera que ver nesa fatídica decisión, é un insulto imperdoable.
Aínda por riba, para completar a exhibición de ridículo á que nos ten tristemente afeitos a agrupación local socialista, Luz Santiago apela á necesidade das empresas do Porto, malia que a Autoridade Portuaria de Marín xa no ano 2000 rexeitou esa ubicación debido a que o forte desnivel do terreo fai que a obra sexa rotundamente inviable.
Nunca en tan poucas frases a voceira do PSOE podía ter dito tantas insensateces seguidas.
Con todo, para a Asociación MONTE PITUCO, as explicacións do PSOE de Marín constitúen unha victoria en toda regra para este colectivo veciñal porque, aceptando outro emprazamento distinto ao Monte Pituco, os socialistas marinenses estarían admitindo que se precipitaron, que erraron ao non valorar outras posibilidades na dotación de solo industrial ou, o que é máis grave, que tomaron unha decisión que agora recoñecen como inxusta.
En consecuencia, as declaracións de Luz Santiago botan un apestoso tufo prevaricador.
Abonda lembrar que durante a fase de tramitación do PXOM o grupo municipal do PP propuxéralle ao goberno bipartito PSOE-BNG instar a Entidad Pública Empresarial de Suelo (SEPES) a estudar outra localización para o futuro polígono, habida conta das obxeccións medioambientais que presentaría o Monte Pituco por formar parte do Espazo Natural dos Montes do Morrazo, así clasificados nas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra. Tamén os concelleiros de Marinenses Independentes advertiron insistentemente sobre os insalvables reparos que supoñía proxectar un polígono industrial nun espazo amparado baixo unha figura de protección medioambiental. Pero por capricho político, mirando unicamente polos seus intereses partidistas, Francisco Veiga negouse a entrar polo aro do PP, cuxa proposta caeu en saco roto porque o daquela alcalde non lle trasladou a petición á SEPES.
Non canso da súa faceta negacionista e prepotente, Veiga ignorou todas e cada unha das reiteradas solicitudes de entrevista presentadas pola Asociación MONTE PITUCO, nunha clara actitude de autoritarismo e de desprezo, impropia no autoproclamado partido do ‘talante’.
Pola súa parte, o BNG de Marín actuou dun xeito non menos lamentable, chegando ao extremo de suxerir que o Monte Pituco se desafectara do ámbito do Espazo Natural dos Montes do Morrazo.
Por iso, calquera achega por parte do PSOE e do BNG de Marín en materia de medio ambiente, carece da máis mínima credibilidade; unha credibilidade que perderon condenando o Monte Pituco, o ‘balcón da ría’, na parroquia coa maior densidade de xacementos arqueolóxicos do Concello, a estragarse baixo as máquinas excavadoras, o asfalto e o formigón. O drama que montou o PSOE coa ameaza de tala das árbores da Avenida de Ourense, a retórica preocupación duns e doutros a conta da situación do Lago de Castiñeiras, o postureo que practican nas marchas contra Celulosas, por citar uns poucos exemplos, son puro teatro e torpe cinismo porque ambos grupos municipais están deslexitimados para invocar a defensa da natureza, a promoción da sostibilidade, a protección da paisaxe e a conservación do patrimonio cultural mentres non rectifiquen a súa postura sobre o Monte Pituco.
No caso do grupo municipal do PSOE, este novo pronunciamento sobre a política de solo industrial, abrindo a porta -antano pechada- a valorar outras opcións das que noutro tempo non quixo saber absolutamente nada, denota cobardía e mala conciencia.
É a proba irrefutable de que o PSOE gobernou en Marín con arbitrariedade, improvisando decisións que non eran quen de xustificar razoablemente diante dos seus detractores, aos que ninguneou.
Outro PXOM era posible, e eles sabíano! Recoñéceno agora coa boca pequena e dende a oposición municipal, cando a asociación DEFENDE O MONTE PITUCO leva anos loitando -e asumindo un elevado coste persoal e económico para os seus integrantes- contra as nefastas consecuencias da falta de rigor coa que gobernaron nun asunto tan serio e determinante como a elaboración dun planeamento urbanístico. É un auténtico escándalo!
O máis honesto que pode facer o grupo municipal do PSOE, empezando polos que tiveron responsabilidades no anterior bipartito, é dimitir, entregar unhas actas de concelleiros das que non son dignos, para que veñan outros militantes con máis principios dos que eles perderon polo camiño a intentar corrixir os seus erros, se é que poden. Porque a imaxe que veñen dando é ben patética.
Certas todas e cada unha das túas palabras. Moito temos denunciado estas actitudes “lixeiras” do PSOE. Mais en lugar de rectificar cando aínda estaban a tempo, recalcitrábanse nas súas decisións e as voces discordantes eramos “grupos fascistoides”, según eles.
En fin…
By: Maricarme on 01/12/2015
at 19:25
Moitas grazas por dedicar unha parte do teu tempo a ler o artigo e a compartir a túa reflexión. Se o PSOE de Marín ouvea, nós cabalgamos!
By: MontePituco on 01/12/2015
at 23:24
[…] antano. Os primeiros, afirmando en novembro de 2015 que que o polígono proxectado no Pituco “tamén se admitiría noutra ubicación” que non fose esa. Os segundos, que chegaron a ameazar con solicitar a desafectación do Monte […]
By: O TSXG DÁLLE A RAZÓN A ASOCIACIÓN MONTE PITUCO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 25/05/2017
at 09:23