A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo volveu convocar ás xentes sensibles coa natureza e co patrimonio para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural dos montes que van dende a parroquia de San Martiño de Vilaboa ata os da parroquia de Santo André de Figueirido, nun ámbito xeográfico clasificado como solo rústico de especial protección de espazos naturais, forestal, de augas e patrimonial.
O roteiro discorreu por estradas, corredoiras, pistas forestais e camiños de pé, coincidindo nalgúns treitos co PR-G 106 do sendeiro municipal de Chan de Vilar e dos muíños de Vilaboa. Os lugares visitados foron O Toural, O Río, Cavada Chan, rego de Sidral, Veigas do Muíño, Chan da Cruz, Chan de Vilar, Aldea de Abaixo, Postemirón, As Cavadas, Veigas de Abaixo, A Costeira, Os Matos, A Carballeira, O Outeiro e Outeiro do Gato.
Entre os puntos de máis interese, Cándido Martínez, da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, destacou o rego Trasmil e o seu afluente principal, o rego de Sidral. Ao longo do seu curso sitúase a ruta de sendeirismo PR-G 106, dentro de solo rústico de especial protección de augas e hábitat natural prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada.
Nesta zona cómpre salientar a extraordinaria área de ribeira con bosques de ameneiro, salgueiro e carballo; un rico sotobosque de loureiros, estripeiros, pereiras bravas, sanguiños, xilbarbeiras e urces brancas, ademais dunha excelente representación de fentos -dentabrú ou fento real, falso fento macho, fento femia, fenta, fento das pedras, cabriña…-, liques e brións, que dan fe da elevada humidade ambiental desta contorna.
Aínda que ningún deles está restaurado nin aberto ao público, no itinerario atópanse os restos de 24 muíños hidráulicos de diferentes tipoloxías: de cubo cuadrangular e cilíndrico, e de canle. Canda estas construccións tamén resisten o paso do tempo as pontellas e as levadas realizadas na pedra en forma de canalizacións das augas, tanto para os muíños como para o regadío, de grande importancia hidrolóxica, etnográfica e paisaxística, combinada coa propia contorna natural e coa fonda conca do rego.
Sinaléctica das Comunidades de Montes de Vilaboa e de Figueirido
En Chan da Cruz quedan vestixios de ata seis mámoas megalíticas, excavadas entre a década dos setenta e dos oitenta do século pasado: á parte dos restos dos túmulos, nos seus enxovais acháronse múltiples pezas de cerámica e líticas, como pulidores, machados pulimentados, puntas de frecha, de alabarda, microlitos ou lascas. Ademais do gran valor cultural e arqueolóxico deste espazo, estes xacementos dan conta de que houbo unha ocupación humana desde hai máis de 5.000 anos.
Percorremos a área de matogueira e monte baixo de Chan de Vilar, que se adentra nos montes da parroquia de Figueirido, no seu linde cos da parroquia de Vilaboa, de moita importancia ambiental, agroforestal e paisaxística pola súa pertenza a un tipo de hábitat de interese comunitario de breixeiras secas europeas, breixeiras oromediterráneas endémicas con xesta, e de vexetación pioneira na rocha silícea.
Xesta de tres espiñas (Genista triacanthos)
Entre unha ampla variedade de xestas, toxos, breixos e carpazas, sobresae a abundante presenza do piorno de tres espiñas -Genista triacanthos-, unha variedade de xesta espiñenta que adoita desenvolverse en solos higroturbosos e que, neste lugar, posúe unha das mellores representacións da península morracense.
A vexetación baixa aínda se segue recollendo para utilizala como estrume nas cortes dos animais, do que posteriormente resulta o abono que se emprega para fertilizar os cultivos. Tamén se trata dunha área de pasto do gando cabalar extensivo. Nesta zona xeográfica, a 243 metros de altitude sobre o nivel do mar, pódese gozar dunhas amplas vistas panorámicas do val que conforma o rego dos Gafos ou de Tomeza desde os Montes do Morrazo cara ás Terras de Pontevedra, coa Serra da Fracha en fronte e coa cidade de Pontevedra ao fondo.
Vista da base militar da Brilat dende Chan de Vilar
Vista de Pontevedra
Ao lonxe, a afección das obras de construcción da A-57 na Serra da Fracha
O impacto visual dunha canteira, vista dende Chan de Vilar
Os núcleos rurais de Aldea de Abaixo e de Postemirón sobresaen polo seu valor agropecuario e cultural, pola presenza de estruturas de interese etnográfico -hórreos, fontes, lavadoiros- e polo seu mosaico de veigas de cultivo e de gando extensivo. A parte máis alta tamén ten importancia paisaxística polas panorámicas do val que conforma o rego do Sidral.
O sobreiral das Cavadas e un dos máis importantes da bisbarra do Morrazo, proba da influencia mediterránea e termófila con respecto ao clima oceánico a nivel bioxeográfico, tanto en territorio morracense en particular como nas Rías Baixas en xeral. Xunto coa carballeira, baixo a denominación fitosociolóxica Rusco aculeati-Quercetum roboris quercetosum suberis, forma parte do hábitat de interese comunitario de carballeiras galaico-portuguesas.
Na área de nacemento dos regos da Cova e das Veigas, afluentes do rego de Sidral e a súa vez do Trasmil, destaca a presenza do bidueiro.
O rego das Veigas dá servizo á fertil área de cultivos de Postemirón, mentres que o da Cova abastece as terras de Veigas de Abaixo. De aquí parte unha corredoira que baixa paralela ao curso fluvial entre bos exemplos de bosque de ribeira e carballeira, e torce cara ás zonas da Costeira e dos Matos, cos topónimos referentes á orografía e á vexetación baixa utilizada no seu momento como cultivo a nivel local. Nesta contorna abundan os mananciais de traída de auga, aproveitados a nivel veciñal e municipal.
Pereira brava e pereira froiteira
Nos lugares da Carballeira aínda se pode atopar unha pequena representación de bosques de carballo.
Como igualmente indica o seu topónimo, Outeiro sitúase nun alto xeográfico, desde onde se pode outear a paisaxe rural cara ao Toural e ao final da ría de Vigo, coas Illas Alvedosas en fronte e o val de Ulló, xénese das antigas salinas do mesmo nome, formando parte na actualidade da Zona de Especial Conservación do Espazo Natural Protexido da Enseada de San Simón.
O rego Trasmil e a súa extensa conca hidrográfica -con varios nacementos ao longo dos montes de Vilaboa- fai a función de corredor ecolóxico ata a súa embocadura entre as brañas e a marisma, conformando a propia enseada.
Caída dun regato e fonte con simboloxía franquista
Un dos elementos máis chamativos, xa contra o final da ruta, é o hórreo monumental da Casa Reitoral do Toural, do século XVIII. Cos seus 32 pés e 33 vanos, é un dos máis grandes de Galicia. Preto del tamén se atopa o peto de ánimas de Vilaboa, do século XIX.
Casa reitoral e hórreo do Toural
Peto de ánimas de Vilaboa
Columbario e igrexa de Vilaboa
Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo as principais afeccións para os montes da parroquia de Vilaboa nas últimas décadas foron os monocultivos forestais, a eucaliptización, os incendios forestais, a ausencia de labores de silvicultura, as verteduras incontroladas de lixo e o espallamento doutras especies de flora alóctona e invasora -en especial das acacias-, ademais da construción da base militar da BRILAT.
De cara ao futuro inmediato, a Plataforma vén advertindo sobre a repercusión da Área de Desenvolvemento Eólico do Morrazo, xunto coa existencia de proxectos de investigación mineira nas proximidades. Por outra banda, cómpre salientar a situación de degradación que lle afecta á contorna ambiental e paisaxística da Serra da Fracha como consecuencia da construción da autovía A-57, xunto con varias canteiras na área pontevedresa.
En marzo do 2012 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galicia a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que -coa denominación de Montes e Carballeiras do Morrazo- acollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo, onde están integrados parte dos montes da parroquia de Vilaboa, e o Carballal de Coiro, máis outros ampliables. En abril do 2016 solicitoulle tamén á Xunta a catalogación de Área de Especial Importancia Paisaxística dentro do Catálogo das Paisaxes de Galicia para estes espazos comprendidos no Rexistro de Espazos Naturais de Galicia e clasificados na actualidade como Solo Rústico de Especial Protección de Espazos Naturais polas Normas Subsidarias e Complementarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.
[Texto: Plataforma Montes do Morrazo / Fotos: Asociación Monte Pituco]
Deixar unha resposta