Alucinando co morro-morrocotudo da Concello de Marín e da súa Concellaría de Cultura!
Convócannos para intervir onte na Comisión Informativa de Cultura, no marco dunha moción da Marea Veciñal de Marín a prol de introducir melloras no Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico que se aprobou no Pleno do mes de febreiro.
Defendemos a proposta nos seguintes termos:
“…a necesidade de actuar con urxencia e con dilixencia na elaboración deste ansiado Plan…”
“…que se lles dean facilidades económicas e burocráticas ás comunidades de montes que teñen a posta en valor do patrimonio entre os seus principios…”
Trala nosa intervención e ao rematar a Comisión de Cultura, a Marea Veciñal de Marín infórmanos que o PP vota EN CONTRA das propostas que formularamos nesa comparecencia. E, nese mesmo día, a concelleira María José de Pazo comunícase co redactor dun periódico que hoxe publica unha noticia co seguinte titular:
«Marín estudia cómo proteger sus petroglifos»
E entre o que anuncia figura o seguinte:
“…acordar unas medidas urgentes“ que permitan a “preservación y difusión” dos petroglifos do municipio.
“…que está negociando con los comuneros de San Xulián un convenio“.
Con que ‘desparpajo’ no equipo de Goberno local son capaces de facer/dicir unha cousa e a contraria: primeiro votar que NON a unha proposta ALLEA que logo USURPAN e ‘venden’ diante da opinión pública como se fose PROPIA.
E por riba, continúa a noticia:
“El PP rechazó una moción sobre este asunto impulsada desde Marea porque ya se aprobó otra antes en el Pleno y por unanimidad a propuesta del BNG”.
Para seguir alucinando!
Máis ben o relato real e verdadeiro de como se desenvolveron os acontecementos ten outros matices que convén aclarar para que ninguén se confunda e entenda o que non é.
No pleno de xaneiro deste ano o BNG presenta unha moción de urxencia propoñendo a posta en marcha dun Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico a raíz dunha serie de agresións entre as que os danos no grupo nº5 do conxunto rupestre da Carrasca foron a gota que colmou o vaso. A moción do BNG limitábase a propoñer un “plan de protección dos Conxuntos Arqueolóxicos e que se realicen actuacións explicativas e concienciación veciñal sobre a importancia da conservación do Patrimonio”.
A moción de urxencia, que a voceira do PSOE pediu que quedase sobre a mesa, finalmente foi rexeitada polo PP. O Bng e o Psoe abstivéronse.
Na Comisión de Cultura previa ao pleno de febreiro o PP votou a favor da moción do BNG e a Marea propuxo tres enmendas que foron rexeitadas polo BNG, que instou a Marea a presentar unha moción distinta.
No pleno de febreiro aprobouse por unanimidade a moción do BNG sobre o Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico. Pero os votos do PP rexeitaron a moción de urxencia da Marea, que propoñía enriquecer a elaboración de dito Plan con tres propostas:
-que na elaboración do Plan se tivera en conta a participación de profesionais, expertos, colectivos implicados na defensa e promoción do patrimonio arqueolóxico, e mesmo comunidades de montes
-que o documento que conformase ese Plan se sometese a información pública
-e que se fixase un prazo de tres meses para a súa posta en marcha, xa que a moción do BNG carecía de concreción temporal
Por riba, ao desestimarse esta moción, anulouse a intervención do arqueólogo marinense Álvaro Arizaga, que asistira ao Pleno co propósito de acollerse ao Regulamento de Participación Cidadá e facer uso do turno de palabra da Marea para xustificar a necesidade de adoptar medidas urxentes na xestión do patrimonio. O que non puido dicir no Pleno publicouse dous días despois nun xornal en forma de “Carta aberta ao Concello de Marín” advertindo que “a urxencia no patrimonio cultural é moi grave e os riscos son inminentes”.
Para compensar que se lle negase intervir no Pleno, Álvaro Arizaga foi convocado a comparecer na Comisión Informativa de Cultura de marzo. Tralas súas palabras, na liña da mensaxe publicada, o PP ía volver votar en contra da moción da Marea; supeditar o Plan a un prazo concreto de elaboración e entrada en vigor parecía ser o escollo que topaba co rexeitamento do Grupo de goberno. A petición da Marea, a moción quedou ‘aparcada’ e non se incluíu na orde do día do pleno dese mes.
A Asociación Monte Pituco solicitou asistir como oínte á Comisión Informativa de Cultura; unha petición á que o Goberno local non accedeu. En cambio, a Alcaldía convocou esta Asociación a participar na Comisión deste mércores 5 de abril; unha comparecencia da que xa se deu conta no artigo anterior.
Por tanto, afirmar que a moción da Marea trataba sobre o Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico é verdade, pero só a medias, porque a proposta da Marea introducía emendas que, en primeira instancia, o BNG rexeitou en febreiro para que non se incluísen no seu documento; e que, en segunda instancia, o PP rexeitou dobremente tanto en febreiro como en marzo -no Pleno e na Comisión de Cultura, respectivamente- porque non lle interesaba introducir esas melloras.
Daquela, para máis rigor, o que aconteceu foi que o PP desbotou unha moción da Marea que pretendía ampliar e concretar aspectos do Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico que se aprobara por unanimidade no Pleno de febreiro a proposta do BNG.
En definitiva, que a concelleira de Cultura ANUNCIA que se van tomar MEDIDAS URXENTES para a protección dos petróglifos e que está NEGOCIANDO UN CONVENIO coa Comunidade de Montes de San Xulián, aínda que previamente votara EN CONTRA das propostas da Asociación Monte Pituco recollidas na moción da Marea para que se actúe con “URXENCIA E DILIXENCIA” na defensa do patrimonio arqueolóxico e se lle dean “FACILIDADES” ás comunidades de montes respectuosas cos xacementos?
…Pois todo sexa polo ben do patrimonio cultural e arqueolóxico!
E en canto á actitude da Concellaría de Cultura, hai que tomala con sentido do humor. Ese comportamento remítenos a épocas tan remotas como os séculos XVI-XVII, en pleno auxe da novela picaresca: “El Lazarillo de Tormes”, “El Buscón” de Quevedo… Por iso induce á risa e ao chiste.
Que máis dá que nos dean a razón ou que rexeiten o que lles pedimos para logo acabar facéndoo -ou xa se verá se cumpren o que ‘prometen’-. Ao final, é o de sempre, xa o diciamos na comparecencia:
“A xestión do patrimonio non debera guiarse por criterios baseados nun presunto concurso de habilidades para colgarse medallas, senón na confianza mutua de estar traballando colectivamente a prol dos bens comúns”.
Proféticas palabras. Logo, aínda por riba, resultou que foron as que máis lles molestaron tanto ao PP como ao Bng…
[…] USURPAR PROPOSTAS ALLEAS PARA VENDELAS COMO PROPIAS (6 abril 2017) […]
By: REUNIÓN DE CONCELLO E COMUNEIROS POLO PLAN DE PATRIMONIO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 05/01/2018
at 16:26