Do 2 ao 6 de abril volverase celebrar en Pontevedra a Semana Galega de Filosofía que organiza a Aula Castelao, co lema “Filosofía e o Común”. As sesións, abertas ao público, celebraranse no Teatro Principal en horario de mañá (10:30h), tarde (17:00h) e noite (20:00h).
Recomendamos encarecidamente a asistencia a estas xornadas, en especial ás sesións vespertinas do luns e do martes, a cargo do arqueólogo Xosé Lois Vilar e do historiador Xosé Carlos Morgade, respectivamente, nas que han aflorar temas vencellados ao patrimonio arqueolóxico e ao monte veciñal; así como a do venres no mesmo horario, co investigador Damián Copena, arredor da ecoloxía e do desenvolvemento do medio rural.
* Xosé Lois Vilar (Baiona, 1965) aprendeu co pai o oficio de vender patacas e froita. Estudou Xeografía e Historia na Universidade de Santiago pero xa rematou a carreira traballando de froiteiro. Na actualidade é feirante, ademais de dedicarse ao estudo do país e formar parte da xunta reitora do Instituto de Estudos Miñoráns. Traballou escavando fosas da represión franquista en Galicia; recolleu a talasonimia entre A Guarda e Nigrán xunto a Roberto Rodríguez Álvarez; no verán colabora nas xeiras do IEM (visitas culturais de día e de noite, por terra e por mar, a elementos do noso patrimonio cultural e natural). Nos últimos tempor dedícase, xunto con outros integrantes do IEM, á recollida de toponimia miñorá e ao Proxecto Equus. Esta iniciativa consiste na defensa, promoción e estudo das burras do monte a través de aspectos administrativo, xenéticos, etnográficos e de estudo da arte rupestre en Galicia e no norte de Portugal.
“Amando o común” é o título da súa ponencia: Para verificar a perda de riqueza cultural nun proceso de deterioro e extinción da etnodiversidade, o Instituto de Estudos Miñoráns acometeu un extenso traballo de campo do Val de Miñor con homes e mulleres habitantes das serras da Groba e do Galiñeiro. Coa escusa da recollida de toponimia de varias parroquias levouse a cabo un labor transversal que inclúe a recollida de vocabulario e á vez dos usos e saberes tradicionais que transparentan a estrutura e organización rural agrogandeira herdeira, continuadora da explotación milenaria da terra que levou a un agudo coñecemento do medio, á regulación do uso das augas, á observación da natureza, ao coñecemento de xenealoxías de seres humanos e animais, á organización comunal dos montes, ao aproveitamento do mar ou á xestión das burras do monte, entre outros aspectos. Hai xeitos e calidade de vida á que non queremos volver, pero hai moitos elementos milenarios constitutivos da sociedade rural e mariñeira que deberiamos coñecer, recoller, transmitir e aproveitar como recurso en diferentes aspectos.
* Xosé Carlos Morgade é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. Publicou un traballo de investigación histórica sobre as devesas reais en Galicia e varias publicacións divulgativas sobre o monte veciñal en man común. Diplomado en Profesorado de E.X.B., publicou diversos materiais didácticos de carácter etnográfico. En 1993 foi promotor da Comunidade de Montes de Mourente no concello de Pontevedra e membro da súa xunta eitora desde entón, sendo o seu actual presidente. Tamén foi impulsor da Mancomunidade de Montes de Pontevedra en 1999 e o seu secretario ata o ano 2016, mantendo actualmente representación na súa directiva. Ademais, foi membro da Comisión Organizadora do I Congreso de Comunidades de Montes celebrado en Poio en 1997 e da xunta reitora da Organización Galega de Comunidades de Montes desde a súa fundación en 1999 ata 2014; dirixe a revista “O común dos veciños”, promovida por esta entidade. Ten publicado varios artigos en xornais e revistas sobre os montes veciñais en man común. En xaneiro de 2015 foi elixido primeiro presidente de “Iniciativa Comunales: Iniciativa para la Defensa y el Reconocimiento de las Áreas conservadas por Comunidades Locales” na Asemblea Constituínte celebrada en Córdoba e que agrupa a colectivos, asociacións e comunidades de todo o estado español. Actualmente Iniciativa Comunales é a entidade encargada en España do Rexistro de ICCAs promovido pola ONU.
Na conferencia titulada “O que é do común non é de ninguén” falará sobre os montes veciñais. Como calquera dos numerosos recursos que aínda hoxe se explotan
de xeito comunitario en todos os continentes, estiveron historicamente ao servizo das
comunidades de veciños para cubrir as súas necesidades. E se puideron facelo, en maior ou menor medida en cada etapa histórica, en boa parte foi porque conservaron o proindiviso para garantir a equidade na desigualdade e que cada un puidera aproveitar o que necesitase segundo o que había, sempre desde a consideración de que o monte era de todos. A organización dos aproveitamentos, a igualdade de dereitos e o artellamento do monte veciñal na paisaxe física, cultural e simbólica da poboación conferiu ás terras comunitarias unha función social integradora. A necesidade de que o recurso debía perdurar polo ben de todos dotouno dunha función ambiental que soamente o uso comunitario pode garantir. Porque terreo, comunidade e gobernanza conforman as tres patas que sustentaron unhas entidades que axudaron, durante longos séculos, a manter a poboación de Galicia, incluíndo a maioría das súas institucións.
* Damián Copena Rodríguez é licenciado en Economía pola Universidade de Vigo e acadou o grao de Doutor pola mesma Universidade en decembro de 2015, a través da defensa da Tese de Doutoramento titulada “Enerxía eólica e medio rural: unha análise aplicada dos impactos socioeconómicos dos parques eólicos no mundo rural galego”, pola que obtivo o III Premio Jesús García Calvo de investigación en desenvolvemento rural e cooperativismo na modalidade de Teses de Doutoramento. Dende 2008 forma parte do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo. As principais liñas de investigación de Copena están vinculadas ao mundo rural e ás enerxías renovables, destacando -entre outros ámbitos- a análise de impactos das enerxías renovables no rural galego, o desenvolvemento rural, a dinamización dos espazos forestais, a acción colectiva, a propiedade comunitaria, os
circuítos curtos de comercialización e o patrimonio apícola cereiro. O investigador ten participado na organización de eventos científicos como o Congreso Internacional de Agroecoloxía, ademais de publicar artigos en revistas científicas. Actualmente é contratado posdoutoral pola Universidade de Vigo e está a realizar unha estadía de
investigación no Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa na que está facendo unha comparativa entre o manexo comunitario dos recursos naturais en Galicia e Portugal.
“Acción colectiva, comúns e economía ecolóxica: iniciativas dende o mundo rural galego” é o completo enunciado da súa charla. O mundo rural galego conta con importantes problemáticas que se teñen acentuado nas últimas décadas, sostén Copena. O abandono do complexo agro-monte vinculado coa desaparición do sistema agrario tradicional, provocou a perda de poboación nas áreas rurais, dos manexos comunitarios e a aparición de graves problemáticas socioambientais entre as que destaca a dos incendios forestais. Porén, neste contexto complexo, están agromando no mundo rural iniciativas relacionadas coa acción colectiva que -a partir das premisas establecidas na economía ecolóxica- empregan racionalidades comunitarias non convencionais e apostan por outros modelos de aproveitamento sustentábel dos recursos propios. Estas novas experiencias vinculadas coa propiedade comunitaria, coas ferramentas de manexo colectivo dos recursos locais ou coas novas interaccións colectivas entre o rural-urbano, están a construír un mundo rural alternativo ao convencional baixo a lóxica do común e da sustentabilidade socioambiental. No seu relatorio exporá algunhas desas iniciativas colectivas que se están a desenvolver no rural galego e analizará as premisas baixo as que se sustentan.
[Fonte: Aula Castelao de Filosofía]
Deixar unha resposta