Publicado por: MontePituco | 20/10/2018

II XORNADAS SOBRE PATRIMONIO DE SAN XIÁN

II Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián

MONTE PITUCO RETOMA EN NOVEMBRO AS XORNADAS DE PATRIMONIO DE SAN XIÁN 

Presentaranse as obras participantes no Certame de Fotografía O Balcón da Ría, que mantén aberto o prazo de achega de imaxes ata o día 9 do vindeiro mes

A Asociación Monte Pituco celebrará o Día Mundial do Patrimonio Cultural, que se conmemora cada 16 de novembro, cunha charla co lema “Unha loita xudicial gañada a pulso” a cargo do equipo xurídico que fixo posible as dúas sentenzas firmes e irrevocables que ordean retirar desa ubicación o polígono industrial proxectado pola Xunta e polo Concello de Marín. Esta actividade enmárcase nas “II Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián”, organizadas por este colectivo veciñal, finalizando o sábado 17 cunha andaina polo Monte Pituco para visitar a zona salvagardada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os elementos de interese natural e cultural, e os seus enclaves paisaxísticos.

Os avogados Juan Areses e Rafael Areses conversarán cos asistentes ao encontro arredor das eivas de tipo urbanístico que fixeron posible anular a inclusión do Monte Pituco no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia e retirar tamén a clasificación desta zona como solo industrial no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Marín. Tamén se abordará o destacado papel dos movementos sociais -como no caso da Plataforma en Defensa dos Praceres e de Defende o Monte Pituco, ambos representados por este gabinete legal- no rexeitamento a decisións políticas que van contra o regulamento legal.

A charla, con formato ‘barferencia’, realizarase na Adega A Capeleira, na rúa do Forno de Marín, a partir das 20:00 horas. Para o colectivo Monte Pituco -que forma parte da Rede Galega de Patrimonio Cultural- a temática destas II Xornadas remítese necesariamente á vitoria xudicial lograda por partida dobre ante o TSXG porque ambas resolucións garanten a obligatoriedade de protexer os xacementos arqueolóxicos ameazados polo parque empresarial proxectado: os conxuntos rupestres do Pornedo, os gravados e a mámoa de Sete Camiños, e os petróglifos de Pinal de Caeiro.

De feito, o dictame do TSXG recolle que o PXOM de Marín admitía a “alta ou moi alta intervisibilidade” da área afectada polo polígono industrial, a “alta exposición visual e o impacto paisaxístico”, ademais de “afeccións ambientais, paisaxísticas e ao patrimonio cultural”, polo que non se xustificaba a elección do Monte Pituco para ubicar o parque empresarial proxectado.

Precisamente, na andaina programada o sábado 17, con saída ás 10:00 horas dende a arboreda do Monte Pituco, os asistentes poderán comprobar o forte desnivel do terreo, a preocupante desatención que sofren os Bens de Interese Cultural catalogados, e o amplo alcance visual e panorámico sobre a ría de Pontevedra dende o miradoiro do Monte Pituco, ou Pornedo.

I Certame Fotográfico 'O Balcón da Ría'

O BALCÓN DA RÍA

No marco das “II Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián”, o venres 16 de novembro tamén se presentarán as obras participantes no Certame Fotográfico O Balcón da Ría e entregaranse obsequios aos seus autores e autoras. O prazo para seguir achegando imaxes seguirá aberto ata o día 9.

A Asociación Monte Pituco anima a visitar este espazo e compartir fotografías da contorna nas redes sociais, etiquetando en Instagram o perfil “obalcondaria” ou en Facebook a páxina “Salvemos o Monte Pituco (Pornedo)”. Son válidas instantáneas da paisaxe, da flora e da fauna, dos mananciais, dos xacementos arqueolóxicos, dos sendeiros ou doutros elementos que realcen o valor natural e cultural da zona, con breves frases descritivas.

O obxectivo destas Xornadas é darlle a coñecer á veciñanza o valioso patrimonio cultural e arqueolóxico de San Xián, que abrangue dende o Neolítico ata a Era Moderna, ademais de concienciar sobre a riqueza desta parroquia como unha das zonas con maior densidade e diversidade de petróglifos prehistóricos -con algúns novos achados recentes que xa foron inventariados- non só do Concello de Marín, senón da península do Morrazo.

Ademais de defender unha maior atención para os conxuntos rupestres do Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro, a Asociación Monte Pituco tamén reivindica a posta en valor dos conxuntos rupestres da Carrasca e de Champás, para que se integren no Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que se conecten coa ruta do Lago de Castiñeiras, e que se retome -por parte do Concello de Marín e da Comunidade de Montes de San Xián- a sinalización e a promoción deste recurso social, cultural e turístico.


Respostas

  1. […] por apoiar as II Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián e por sumar sensibilidade na defensa deste […]

  2. […] Pódese ler toda a información destas xornadas na web da Asociación Monte Pituco […]

  3. […] Máis información das xornadas na páxina web da Asociación Monte Pituco […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: