Vista cara a Marín, co Pornedo no centro e A Encavada á dereita, dende o faro Tenlo, a última hora da mañá
Dous anos despois da última estancia, voltamos a esa ‘tartaruga’ anclada no medio da ría, con Antón Costa, Xesús Castro e Claudio Quintillán como principais promotores da Irmandade Illa de Tambo, entidade que organiza esta nova expedición. Neste tempo, o propietaria do enclave insular -o Ministerio de Defensa, baixo a xestión da Escola Naval Militar de Marín- prohibira as visitas como consecuencia das graves consecuencias que tiveran outras excursións públicas: masificación, vandalismo, afeccións ao medio ambiente…
A ENM permite retomar agora as visitas logo do protocolo suscrito co Concello de Poio e baixo a premisa de cumprimento dunhas condicións especiais, algunhas delas suxeridas pola Irmandade Illa de Tambo: cupo máximo de 50 persoas, duración limitada a dúas horas e media, e con supervisión de militares profesionais que acompañan o grupo e indican a que zonas non está permitido acceder. Con todo, as persoas interesadas teñen que formalizar a súa inscrición asinando un documento cos seus datos personais e comprometéndose a cumprir uns requisitos:
-non danar o patrimonio cultural, artístico, histórico e medioambiental; nin causar danos na “propiedad estatal” nin nos seus medios de acceso
-non fumar, nin comer (agás o avituallamento propio dunha ruta), non facer comidas nin barbacoas, non prender lume para queimar, nin pescar ou mariscar; prohibido estar na praia de Areeira
-non formular reclamacións contra a Administración por calquera eventualidade resultante do acceso ou da estancia na illa
A pesar das normas impostas -comprensibles en todo caso debido á nula responsabilidade de anteriores usuarios e organizadores de visitas incontroladas-, e malia a decepción por non poder visitar elementos senlleiros da illa debido á situación intransitable dos sendeiros, foi un gusto poder contemplar de novo o ‘balcón da ría’, o Monte Pornedo e o Alto da Encavada dende esta perspectiva privilexiada.
Vista de Tambo dende o miradoiro de Tambo, ao solpor, na mesma xornada
Chegando ao actual embarcadoiro de Tambo dende o porto de Combarro
Palabras de benvida de Antonio Costa, a carón da praia de Areeiro
No merendeiro construído pola Escola Naval. A Irmandande Illa de Tambo demanda a demolición das edificacións ao pé do areal para favorecer a recuperación do sistema dunar
«Ermida dedicada a San Miguel, datada en 1749. Foi construída con materiais dun antigo convento. Tivo gran devoción e contaba coa celebración dunha romaría anual».
Fonte: Irmandade Illa de Tambo
«O lazareto é unha construcción do ano 1865 dedicada a servir como hospital de corentena para viaxeiros enfermos procedentes de ultramar. Co tempo foi caendo en desuso. O goberno daquel tempo non cumpría coas obrigas de reforma e mantemento. Por presións externas, o seu peche produciuse en outubro do ano 1879. Foi trasladado a San Simón e, no decreto de supresión, dispoñíase que tanto a roupa, camas, colchóns e outros aveños foran trasladados á nova ubicacación en San Simón».
Fonte: Irmandade Illa de Tambo
«O polvorín é unha construcción-bunker de 180 metros cadrados, situada preto da baixada á fonte. Era a instalación motivo da presenza militar na Illa de Tambo, onde se gardaba munición. Coa posta en valor da illa, podería recuperarse para usos socio-culturais».
Fonte: Irmandade Illa de Tambo
«A existencia de auga doce na illa de Tambo está recollida en todas as etapas, mesmo de varios mananciais. A actual fonte, coñecida como de San Miguel, saía á luz a través dunha mina que a conducía ata o peirao construído no 1865. Tiña unha lonxitude de 75 metros para atraque dos barcos e subministro de auga. Na actualidade atópase derruído. A construcción do peirao de cantería arrancaba a nivel da fonte e tiña un cano debaixo do lousado do peirao que conducía ata o extremo, para facilitar a carga de auga dos barcos».
Fonte: Irmandade Illa de Tambo
«A construcción do faro de Tambo, tamén chamado faro de Tenlo Chico, aprobouse en xuño de 1916 dentro do plan xeral de balizamento da Ría de Pontevedra, cunha luz branca de ocultacións equidistantes, para servir de enfilación aos barcos que buscasen o porto de Marín. A súa construción prolongouse ao longo de dous anos, e luciu por primeira vez en 1922. A torre, troncocónica e de mampostería, foi revestida e pintada no ano 2000 co fin de dotala dunha maior visibilidade que impedise a súa confusión co horizonte rochoso. Cunha altura de 20 metros, o alcance da súa luz branca é de dez millas e de oito o da súa luz verde».
Fonte: Irmandade Illa de Tambo
Deixar unha resposta