Publicado por: MontePituco | 26/10/2018

O CONCELLO ACATARÁ A(S) SENTENZA(S)

Non é unha, senón dúas as sentenzas ditadas polo TSXG obrigando a anular o polígono industrial que había proxectado no Monte Pituco. No máis recente deses fallos xudiciais, o Alto Tribunal galego ordea que o PXOM de Marín sexa modificado para retirarlle ao Monte Pituco a clasificación de solo industrial. “O responsable de Urbanismo recoñece que esta é unha sentenza firme que haberá que acatar, pero ao ser posterior ao inicio da tramitación destas modificacións, non se puido incluír e farase nun futuro”, precisa a edición de hoxe do Diario de Pontevedra. 

A Asociación Monte Pituco dirixirase formalmente ao Concello de Marín para esixir que esa sentenza referente ao planeamento urbanístico se execute á máxima brevedade, non máis aló do actual mandato desta Corporación, que finaliza coa celebración das vindeiras eleccións municipais de maio de 2019. En tanto xa pasou máis dun ano da sentenza inicial de setembro de 2017 e que esa decisión xudicial xa é firme dende xaneiro deste ano, a Asociación Monte Pituco entende que o Concello de Marín ten a capacidade suficiente para convocar a Comisión de Urbanismo e iniciar de inmediato os trámites para que o Monte Pituco deixe de figurar como solo urbanizable delimitado de uso industrial.

A Asociación Monte Pituco dirixirase a todos os partidos da Corporación marinense para esixir que os seus programas electorais se axusten con rigor ao fallo xudicial e desistan definitivamente de considerar o Monte Pituco nas súas previsións de dotación de infraestruturas, atendendo ás características orográficas do terreo, á presenza de patrimonio histórico catalogado, e ao valor natural e paisaxístico deste enclave, tal e como recollen os dous dictames. 

Non é unha, senón dúas as sentenzas do TXSG refrendando a defensa do Monte Pituco que esta modesta entidade veciñal vén mantendo con enorme esforzo dende hai máis de oito anos. Porque se ben o outro dictame xudicial implica á Xunta, obrigándoa a retirar o parque industrial Marín-Pornedo do Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia, o Concello foi indutor -mediante a presentación de alegacións- para que ese Plan Sectorial recollese a planificación industrial contemplada no PXOM; e canda o Concello, houbo cando menos tres cómplices máis -Asociación Virxe dos Remedios de San Xulián, e as empresas Eventos Dibay e Revestimientos Tito- que secundaron cadansúa alegación a favor de destruír o Pornedo. 

A Asociación Monte Pituco non consentirá manobras dilatorias no acatamento destas sentenzas e utilizará todos os instrumentos que a lei dispoña para devolverlle ao Monte Pituco a súa xusta clasificación urbanística, manténdose vixiante para evitar calquera atisbo de recalificación ou futuras ameazas á integridade física do ‘balcón da ría’, da súa contorna e dos seus valores ambientais e culturais.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: