Publicado por: MontePituco | 09/03/2012

(DES)MONTES e REMENDOS

Preguntámonos a que raios están esperando a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e o Instituto Galego de Vivenda e Solo, para contratar os directivos da Asociación Virxe dos Remedios como asesores, enxeñeiros e deseñadores da planificación urbanística de todo o territorio galego e do resto do mundo mundial. Canto talento desperdiciado, cantas mentes clarividentes morrendo de asco na parroquia de San Xulián podendo estar nun despacho a todo trapo, manexando habilmente a escuadra e o cartabón para facer virguerías sobre o plano Sigpac.

Moito presumir de empresa multinacional; moito presumir de estar á vangarda na arquitectura e nas tecnoloxías da información; moito presumir dunha brillante folla de servizos en sectores tan relevantes como o transporte, a auga e o medio ambiente, a edificación, a enerxía e a industria… pero un Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais como o que elaborou recentemente a firma madrileña EPTISA facíallo polo mesmo prezo e moito mellor -nin punto de comparación!- a directiva da Asociación Virxe dos Remedios, que destaca por contar cun equipo multidisciplinar de profesionais ben competentes e cualificados.

Que Marín precisa dun polígono industrial? Para que conformarnos só con un, que sexan dous! Que hai uns veciños tolos que poñen impedimentos para que o parque empresarial se faga no Monte Pituco? Ningún problema, cámbiaselle de nome e chámaselle Monte da Pena e Monte dos Sete Camiños, e xa parece que no Pituco non vai pasar nada de nada. Que carecemos de argumentos técnicos e normativos para demandar a instalación dun polígono no Pituco? Pois buscamos na rúa o que non sexamos capaces de atopar na lexislación ambiental e nas recomendacións urbanísticas, e adicámonos durante uns meses a convencer a veciñanza para que firme un papel porque o paro está fatal e as empresas pechan porque non poden medrar… Que iso da crise é un espellismo porque aquí en Marín somos unha potencia e non hai recesión que deteña o noso imparable crecemento económico.

…O posicionamento da Plataforma Virxe dos Remedios sobre a dotación de chan industrial é unha aberración que carece de fundamentos técnicos sensatos e que obvia o cumprimento obrigatorio dunha longa ristra de regulamentos a nivel ambiental, patrimonial e urbanístico. Defende o Monte Pituco valora desde o respecto as demandas deste colectivo, pero a discrepancia é total e absoluta en todos e cada un dos seus plantexamentos, que chocan radicamente coa documentación aportada nos últimos dous anos neste blog a prol da conservación do Monte Pornedo.

Non existe o Monte da Pena. A Pena é un núcleo dunhas poucas vivendas por enriba das cales pasa a Variante de Marín e xa inmediatamente despois o monte que hai é o Pituco, ou Pornedo. Os Sete Camiños non é outro monte diferente nun emprazamento distinto, senón que é a prolongación do Pornedo cara ao interior e lindando coa Comunidade de Montes de Lourizán. É un despropósito o exercicio de manipulación e de desinformación que practica a Asociación Virxe dos Remedios para confundir a opinión pública sobre a verdadeira situación xeográfica do polígono industrial proxectado nun terreo que, se mire como se mire e por onde se mire, e por máis que o proxecto do PXOM o avale, non reúne as condicións idóneas para acoller unha infraestrutura desas características. Xa o dixo a Autoridade Portuaria no ano 2000 a propósito do excesivo desnivel do terreo.

O estudo encargado pola Xunta sobre a viabilidade da parcela proposta polo Concello para acoller o futuro polígono industrial de Marín foi absolutamente claro: o Concello ofrecía 700.000 metros cadrados nunha superficie que abarca dende o Pornedo, pasando por Sete Camiños e chegando ata case a estrada que sobe ao Lago de Castiñeiras, e as pendentes eran tan fortes que no 92,6% superaban o 15% de desnivel, ata o punto de que o 57% (máis da metade da parcela) ten máis do 35% (máis do dobre) da pendente recomendada. Á vista destes datos, é razoable que os técnicos que desenvolveron o Plan Sectorial buscaran unha localización cun perfil orográfico máis suave, de aí que decidiran reducir a extensión do polígono ata os case 300.000 metros cadrados e desprazar a súa ubicación cara a Pontevedra, con tan mala fortuna, neste caso, que a zona elixida resultou estar catalogada como de Protección Integral Arqueolóxica.

Por tanto, é falso que a Asociación Virxe dos Remedios pretenda diferenciar entre A Pena e Sete Camiños. Por riba, que este colectivo aluda, textualmente, á necesidade de “preservar o entorno paisaxístico privilexiado” da zona é unha demostración de máximo cinismo e un exceso literario intolerable, posto que o polígono que propón esta agrupación atópase nunha zona de máxima intervisibilidade ou fraxilidade visual, tanto no lugar da Pena como nos Sete Camiños, ou no Pornedo en conxunto, posto que -insistimos- trátase dunha unidade natural que carece de fronteira física ou visual. Sen esquecer que a zona pertence aos Montes do Morrazo, catalogados como Espazo Natural Protexido polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento.

Cabe preguntarse que estudos técnicos respaldan a proposta da Asociación Virxe dos Remedios: Con que criterio designa 66.784 metros cadrados no mal chamado “monte da Pena” para uso comercial e outros 254.730 metros cadrados nos Sete Camiños para uso industrial? Quen acredita que o desnivel entre unha zona e a outra sexa dese suposto 5,5% á vista do xuntas que están as curvas de nivel entre unha zona e a outra? E sobre todo, se o informe fora serio, por que matiza que as dimensións das parcelas son “orientativas” co argumento de que “se poderían incrementar nun futuro ata a capacidade que interese”? Estase valorando un terreo físico ou un chicle que se poida estirar ao antollo da directiva de Virxe dos Remedios?

Pero o máis sangrante, indignante e incomprensible desta proposta kafkiana é que un colectivo veciñal de San Xulián califique o monte da parroquia como “de baixa calidade e pouca produción”. E o colmo do surrealismo é que o representante desta asociación, D. Laureano Allariz -e citámolo porque o seu nome e apelidos figura nunha das noticias publicadas– sexa o vicepresidente da Comunidade de Montes de San Xulián. Ou o fora ata datas recentes, porque non está suficientemente clara a súa representatividade na actual directiva da Comunidade de Montes de San Xulián, que tomou posesión tralas eleccións celebradas en agosto de 2011.

Que o directivo (ou ex-directivo) dunha Comunidade de Montes se pronuncie publicamente nestes termos é un insulto aos comuneiros e supón o recoñecemento dunha actuación conscientemente neglixente no desempeño dunhas funcións que se supón que tiñan que estar enfocadas a procurar o mellor aproveitamento posible do monte veciñal. Pola contra, con este revelador pronunciamento, descóbrese que a ausencia continuada e reiterada de iniciativas por parte da Comunidade de Montes da que forma (ou formou) parte, tiña como obxectivo DEVALUAR os terreos dende o punto de vista económico, acaso cun presunto interés especulativo que agora se estaría demostrando.

Aínda así, a afirmación a respecto da “baixa calidade” do monte tampouco se axusta á verdade. Nas alegacións presentadas por Defende o Monte Pituco ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, un dos apartados, sobre a afección da Plataforma Loxística Marín-Pontevedra aos recursos forestais da zona, incide no “altísimo valor ecolóxico” do monte baixo ou matogueira que se extende por este espazo.

Para o representante da Asociación Virxe dos Remedios, o feito de carecer de pinos e sobre todo eucaliptos parece ser un demérito. Moi ao contrario, e ante a falta dun plan de explotación forestal do monte comunal de San Xulián, a ausencia dunha masiva eucaliptización do contorno do Pornedo e dos Sete Camiños -a diferenza doutras zonas que se atopan masivamente eucaliptizadas- fai que exista “unha grande variedade de formacións vexetais”, algunhas delas protexidas pola directiva Hábitat, e que actúan como “reservas de biodiversidade cunha importante función ambiental”.

Así, no ámbito do Monte Pornedo e dos Sete Camiños atópanse endemismos botánicos catalogados, como a “Linaria saxatilis” ou paxariño, o “Cistus psilosepalus” ou carpaza, a “Merenderea pyrenaica” ou tollemerendas que agroma no outono, ou a “Calluna vulgaris”, considerado “un dos principais compoñentes do monte baixo”, cuxa importancia radica tamén na súa incuestionable contribución para “evitar a perda do solo e aumentar a capa de humus”.

E precisamente, pola reducida eucaliptización da zona, é posible que se conserven tantos mananciais que, dende hai séculos, fornecen de auga para consumo doméstico e de regadío aos habitantes do lugar: mananciais de Fontenla, As Presas, Gorgullón do Pino, Sete Camiños…

Na afirmación sobre a “baixa calidade” do monte non só hai que recriminar que se omita a presenza dos acuíferos, senón que cómpre criticar duramente a nula sensibilidade co patrimonio arqueolóxico existente nesta zona, con numerosos gravados catalogados: complexo rupestre de Pornedo, petroglifos de Sete Camiños, as mámoas de Chan da Lagoa nº1 e nº2, a mámoa de Sete Camiños que está en proceso de catalogación… Non son “pedras do 2000” , como tan desafortunadamente as desprezan algunhas persoas vencelladas a esa Asociación, aínda que alleas á parroquia de San Xulián; senón que son vestixios cunha antigüidade superior aos 2.000 anos de historia. Noutras comunidades de montes -Salcedo, Ponte Caldelas, Cotobade…- estes elementos son inmediatamente postos en valor para darlles uso social e cultural, mentres que en San Xulián é lamentable o estado no que se atopan e o grao de ignorancia co que son considerados. Cómpre ter en conta, ademais, que ao redor destes petroglifos é obrigatorio gardar unha distancia LEGAL de seguridade de 200 metros, o que reduce máis aínda as dimensións dos supostos polígonos que, dende a Asociación Virxe dos Remedios, pretenden “patrocinar”.

Resulta chamativo o grao de coincidencia entre o discurso da Asociación Virxe dos Remedios e o discurso do voceiro municipal socialista, Francisco Veiga, no último pleno extraordinario no que se abordaron a aprobación do proxecto do PXOM e as alegacións do Concello de Marín ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais. Dende logo, non parecían ser gratuítos os aplausos dos membros deste colectivo ás palabras do edil do PSOE cando este reivindicaba: “Polígono no Pituco, xa!”. O recurso demagóxico ao drama do desemprego e ao peche de empresas, nun alarde electoralista totalmente extemporáneo, trasládase ao comunicado da Asociación Virxe dos Remedios nuns termos sospeitosamente parecidos.

En canto ás 1.192 sinaturas conseguidas nos últimos meses pola Asociación Virxe dos Remedios a prol do polígono no Pituco, nada lles ten que envexar Defende o Monte Pituco, que só en Facebook ten 1.886 adhesións, entre o perfil Monte Pituco e a páxina Salvemos o Monte Pituco. Sen contar as 211 firmas que Defende o Monte Pituco reuniu en a penas unhas poucas tardes con motivo da presentación das consideracións ao Documento Inicial do Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia, en marzo de 2010. Con todas as reservas e cautelas, non sería de extrañar que apareceran sinaturas a prol do parque industrial no Pituco por parte de veciños que hai dous anos firmaron a prol da súa conservación. Como tamén é moi posible -como así nos trasladaron- que varias persoas que rubricaron ese documento o fixeran crendo que apoiaban todo o contrario, o que fai pensar nunha redacción do texto presuntamente ambigua ou confusa.

Por todas as razóns expostas, o Monte Pornedo e os Sete Camiños non son en absoluto a ubicación idónea para un polígono industrial ou plataforma loxística, como pretende convencer a Asociación Virxe dos Remedios -en diante, dos Remendos, do verbo remendar- co apoio máis ou menos velado do PSOE marinense. A ámbolos dous, Defende o Monte Pituco recomendaríalles que, para non cometer tantas imprecisións na valoración deste terreo e coñecer todo o seu potencial a nivel medioambiental, natural, paisaxístico e patrimonial, cómpre que non frecuenten tanto a horta da avoa e se acheguen máis polo monte.


Responses

  1. Algunhas veces son peores “os remedios” que as enfermidades.
    Ánimo Montepituco

  2. […] ARTIGO TITULADO: (DES)MONTES E REMENDOS, do 9 de abril de 2012. Like this:LikeBe the first to like this […]

  3. […] á palestra -por algún descabelado truco de birlibirloque- a proposta de construir non un, senón DOUS polígonos empresariais no Monte Pituco, entre A Pena e Sete Camiños, sen ningún estudo serio e contrastado que avalase semellante […]

  4. […] Monte Pornedo e nos Sete Camiños coa crenza de que os gravados rupestres catalogados eran “pedras do 2000“. Unha pantasma do pasado, que non se debeu dar por aludido no enunciado da pregunta porque […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: