Publicado por: MontePituco | 08/03/2012

SI, NO MONTE PORNEDO HAI SARAMAGANTA RABILONGA

O Monte Pornedo, no alto do Concello de Marín a carón do límite con Pontevedra, é un dos lugares privilexiados da costa atlántica onde se atopa a Chioglossa lusitanica (saramaganta galega, salamántiga, pinchorra rabilonga ou píntega rabilonga), considerada unha xoia do patrimonio natural galego e cuxa existencia, segundo os expertos, pode remontarse á era Calcolítica, hai uns 4.500 anos. Trátase dunha especie endémica que dende o ano 2005 foi declarada de interese especial e, por tanto, estrictamente protexida. Figura como animal “vulnerable” no “Catálogo Galego de Especies Ameazadas”. En Galicia está protexida polo Convenio de Berna e aparece reflexada no Real Decreto 439/1990, na Directiva Hábitat e na Lista Vermella da IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Naturaleza, nas súas siglas en inglés).

Sen embargo, o Monte Pornedo non só foi catalogado como solo industrial no proxecto de PXOM marinense, senón que ademais aféctalle directamente o proxecto de construcción da Plataforma Loxística Marín-Pontevedra, incluida polo Instituto Galego de Vivenda e Solo no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia. Durante o periodo de exposición pública deste Plan, Defende o Monte Pituco -e outros colectivos que se adheriron- presentou alegacións ao proxecto desta Plataforma Loxística que se atopa en fase de estudo, para pedir a súa retirada, tendo en conta que o estudo técnico realizado cuestiona a viabilidade da obra.

Un dos argumentos expostos por Defende o Monte Pituco -entre outros motivos de índole urbanística, orográfica, medioambiental e patrimonial- para xustificar a solicitude de desbotar esa infraestrutura, refírese precisamente á presenza na zona de Chioglossa lusitanica, que habita no contorno inmediato a un curso de auga situado no ámbito de incidencia da Plataforma Loxística Marín-Pontevedra. Ao abeiro das condicións especiais de habitabilidade que require este anfibio para sobrevivir, constatouse a presenza de exemplares de aproximadamente dous anos de vida, que construiron o seu habitat entre a vexetación sombriza e húmida do lugar.

A importancia de preservar este espazo para a necesaria conservación deste endemismo resulta reforzada por un valioso factor engadido: comprobouse tamén que o curso de auga asociado á presenza da Chioglossa lusitanica é un lugar de reprodución e cría da especie. Trátase, pois, dun punto exento de contaminación, xa que ante o máis mínimo signo de polución, as crías de saramaganta rabilonga extinguiríanse de forma irreversible neste lugar.

De aí que haxa que garantir que no futuro non se acometa ningunha urbanización de tipo industrial nesta zona, especialmente no tramo superior ao espazo onde se move este anfibio. Para DEFENDE O MONTE PITUCO, a instalación dunha plataforma loxística ou dun polígono industrial é totalmente incompatible coa supervivencia do animal e coa continuidade da súa cadea reprodutiva neste enclave tan sensible. Sería imposible garantir que un curso de auga situado nas inmediacións dun parque empresarial manteña o grao de limpeza óptimo e o caudal suficiente para non perxudicar a existencia desta especie protexida, considerada o anfibio máis ameazado de toda Europa.

Asemade, vencellados á colonia de Chioglossa lusitanica que se atopa no ámbito do Monte Pornedo, localizáronse exemplares de Dryopteris guanchica Gibby & Jermy, un fento marcado como especie vulnerable (código 105) no “Catálogo Galego de Especies Ameazadas”, publicado no DOGA do 9 de maio de 2007. Temos, pois, que neste enclave do Monte Pornedo, pertencente ao Espazo Natural Protexido dos Montes do Morrazo, atópanse xuntos senllas especies faunísticas e botánicas de gran valor medioambiental.

Ademais de alegar ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais chamando a atención sobre estes fenómenos, DEFENDE O MONTE PITUCO notificoulle ámbolos achados á Dirección Xeral de Conservación da Natureza e solicitou unha entrevista coa concelleira de Medio Ambiente de Marín, Marian Santiago.

No primeiro caso, para que dende a Xunta se adopten as medidas de control pertinentes para catalogar o Monte Pornedo como lugar de cría e habitabilidade da Chioglossa lusitanica, así como da flora que facilita as condicións idóneas para a existencia, neste contorno, deste anfibio endémico. E tamén para que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza interceda ante o Instituto Galego de Vivenda e Solo, promotor da Plataforma Loxística Marín-Pontevedra incluida no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, para que se desestime este proxecto tan lesivo e perxudicial para a conservación desta especie.

No segundo caso, para trasladarlle á concelleira de Medio Ambiente de Marín o avance dun estudo que está a realizar un equipo de naturalistas marinenses sobre a presenza da Chioglossa lusitanica neste termo municipal, coa finalidade de que se poidan articular as medidas oportunas de protección dos ecosistemas nos que se localice este anfibio vulnerable, do que Galicia é o único lugar do mundo no que se atopa. Por tanto, cómpre que non sigan descendendo as cifras de poboación, tal e como veñen constatando os técnicos na materia nos últimos anos polas sucesivas agresións que sofren os habitats.

Lonxe de converterse nun inconvinte para a execución de determinados proxectos de infraestruturas que resultarían incompatibles coa protección legal desta especie, a presenza da saramaganta rabilonga pódese converter nunha oportunidade para Marín, habida conta do interese científico que suscita o seu estudo, e do que implica na mellora dos indicadores de biodiversidade natural no Concello. Isto, unido ao proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que impulsan unha vintena de colectivos sociais da bisbarra como alternativa ao polígono industrial, sería un elemento engadido para a posta en valor da zona.


Responses

  1. […] ver máis información e fotos a este respecto no blogue de Defende o Pituco pulsando aquí Compartir:Correo-eImprimirLike this:LikeBe the first to like this […]

  2. […] O colectivo Vaipolorío vén de presentar “Tesouros do Gafos”, unha publicación na que expoñen as especies de fauna e flora máis destacadas dese contorno fluvial no que levan anos traballando a prol da súa recuperación e posta en valor. Algunhas delas, como a Chioglossa lusitanica ou saramaganta rabilonga, habitan tamén no Monte Pituco, nos regatos da auga que nace no subsolo. Un endemismo do noroeste peninsular clasificado como VULNERABLE no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e do que demos conta da súa existencia nun artigo titulado “Si, no Monte Pornedo hai saramaganta rabilonga“. […]

  3. […] o artigo titulado "SI, NO MONTE PORNEDO HAI SARAMAGANTA RABILONGA", de marzo de […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: