Publicado por: MontePituco | 07/03/2012

APOIO DA APDR, DO COLECTIVO NACIONALISTA DE MARÍN E DA PLATAFORMA MONTES DO MORRAZO Á CONSERVACIÓN DO PORNEDO

Este pasado luns día 5 foi un día ben axetreado na delegación territorial da Xunta en Pontevedra, coincidindo co remate do prazo para presentar alegacións ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, o que motivou un fluído ir e vir de representantes de entidades sociais, empresariais, particulares, e institucións públicas portando os seus respectivos informes de obxeccións e consideracións. A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e o Colectivo Nacionalista de Marín sumáronse tamén ás peticións a prol da conservación do Monte Pornedo fronte ao proxecto de instalación da plataforma loxística Marín-Pontevedra. Grazas, dende DEFENDE O MONTE PITUCO, a estas dúas entidades (sen esquecer as que citamos anteriormente: Asociación de Veciños de San Xulián, Grupo Cultural Ronsel, Asociación Cultural Almuinha e Plataforma Montes do Morrazo) por non deixar pasar a ocasión de demandarlle á Xunta unha planificación do chan industrial que teña en conta o respecto ao medio ambiente e ao patrimonio.

A APDR PRESENTA ALEGACIÓNS CONTRA O PLAN DO SOLO EMPRESARIAL DA XUNTA DE GALICIA

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) ven de presentar alegacións contra o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, e mais concretamente a aqueles polígonos industriais propostos para a comarca de Pontevedra, que poderían afectar á Ría e mais á súa contorna. Son dúas as áreas empresariais que veñen de seren rexeitadas pola APDR: o chamado Parque Loxístico Pontevedra-Vilaboa (Código da Área 36058011) que persegue a instalación dun porto seco en terreos de ámbolos dous concellos e que afecta ás dúas beiras do río dos Gafos, e a denominada Plataforma Loxística Marín-Pontevedra (Código da Área 36026011) que pretende ocupar con solo empresarial unha zona de enorme interese pola presencia de numerosos xacementos arqueolóxicos, que inclúe o Monte Pornedo, coñecido popularmente como O Pituco.

En ámbolos dous casos apórtanse argumentos paisaxísticos, culturais, urbanísticos, e medioambientais, considerando as afeccións que un e outro proxecto terían sobre os cursos fluviais, a fauna e a flora da zona –que tanto na do río dos Gafos como na do monte Pornedo requiren dunha especial protección pola presencia de endemismos e de especies ameazadas– e o patrimonio histórico e cultural.

Para a APDR non é admisíbel a instalación de industrias en zonas nas que non só había de provocar a destrución de ecosistemas que polo seu especial interese deben seren protexidos, senón que –cos seus posíbeis vertidos- poderían repercutir dun xeito importante sobre a nosa Ría, e menos aínda se a razón única para a instalación destas industrias é a falta de solo industrial nas instalacións portuarias, agravada pola resolución do 30 de outubro de 2009 do Tribunal Supremo que anula o Plan Especial do Porto de Marín e obriga á retirada dos recheos realizados ilegalmente no citado porto. Non se pode xustificar a agresión a unhas zonas como as que nos ocupan, en base á falta de solo industrial no Porto.

Neste sentido, solicítase que se atendan as alegacións presentadas e se declare de forma definitiva inviábel a execución destes proxectos e que sexan excluídos do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Pola súa parte, o Colectivo Nacionalista de Marín susbsribiu as alegacións presentadas pola Plataforma Montes do Morrazo, que se resumen na seguinte nota informativa.

A PLATAFORMA MONTES DO MORRAZO SOLICITA QUE SE RETIREN OS PARQUES MARÍN-PONTEVEDRA E MARÍN-MOAÑA DO PLAN SECTORIAL

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo tal como xa dixera no seu momento presentou ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas as súas alegacións ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia que preve construír até 2024 uns 42,7 millóns de metros cadrados repartidos en 119 novos polígonos que se virían sumar aos 19 millóns de metros cadrados dos 213 polígonos existentes en toda Galicia.

Dentro deste plan sectorial, aínda que con moi baixa puntuación, a Xunta inclúe dúas áreas empresariais, unha entre Marín e Moaña que, aínda ilocalizada, xuntaría os proxectos de polígonos da Pastoriza e da Cruz de Maceira; e outra entre Marín e Pontevedra, que collería parte da proposta do monte Pornedo do concello de Marín e grande parte dos terreos da Comunidade de Montes de Lourizán, no concello de Pontevedra. Ámbalas dúas áreas estarían dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, protexido como solo rústico de especial protección de espazos naturais polas NN. SS e CC de Planeamento da provincia de Pontevedra, de especial protección forestal, de especial protección do patrimonio cultural, de augas e de infraestruturas. A Plataforma solicitou que os dous parques empresariais sexan retirados do Plan.

Estas dúas áreas recollidas neste plan sectorial non respostarían a unha demanda real como pon de manifesto que a propia Xunta e Xestur tomaran no 2010 a decisión de reducir á terceira parte o proxecto inicial de 1.500.000 de metros cadrados a recualificar (superficie análoga á suma dos parques da Pastoriza e da Cruz da Maceira e que sería incluso superada engadíndolle a do Monte Pornedo-montes de Lourizán), entre os montes de Aldán e Beluso, do Parque Empresarial e Industrial do Morrazo (PEIM) en Castiñeiras, recoñecendo que non existía tal demanda empresarial e que a crise así o condicionaba.

Mais tamén, e segundo os datos aparecidos na páxina web oficial de Xestur, unha das entidades que xestiona o solo industrial en Galicia, só na provincia de Pontevedra habería até un total de 1.463.566 metros cadrados dispoñíbeis para calquera empresa, que se sumarían aos miles de metros cadrados baleiros noutros polígonos xestionados por outras entidades e aquelas parcelas que a pesares de estar mercadas non teñen ningún tipo de instalación.

O espazo natural dos Montes do Morrazo, alén de funcionar como recurso das actividades forestais e agrogandeiras tradicionais, e das socioculturais e turísticas, constitúe o corredor ecolóxico natural e fundamental que serve para garantir a conectividade biolóxica da peninsula do Morrazo, conectando as áreas costeiras desde a Costa da Vela até os espazos interiores das terras de Pontevedra. Calquera actuación que non teña en conta a importancia deste corredor e sexa irrespectuosa co medio, como poden ser as dúas áreas empresariais proxectadas, fragmentaría a paisaxe e repercutiría gravemente na riqueza natural destes montes. Por iso desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo pedimos tamén a inclusión deste espazo dentro da ampliación da Rede Natura 2000.

Alén da grande riqueza natural que se vería afectada pola construción destas dúas áreas empresariais (carballeiras, bosque de ribeira, nacementos dos ríos da Fraga, Gorgadas-Loira, Louredo, bosques de repoboación forestal, monte comunal e privado) tamén hai que destacar que os Montes do Morrazo se caracteriza por ser un grande espazo onde existen múltiplos xacementos arqueolóxicos e onde as áreas de protección de elementos patrimoniais coma os xacementos do Calcolítico de Chan das Bolas e abrigos do Monte Agudelo, mámoa neolítica de Forno das Arcas e ruínas da Capela de San Lourenzo do século XVII se verían afectados polo parque empresarial de Marín-Moaña.

Ou o Complexo Rupestre do Pornedo (GA36026015), Petróglifos dos Sete Camiños (GA36026036), Mámoa de Chan da Lagoa nº 1 (GA36038039) e Mámoa de Chan da Lagoa nº 2 (GA36038072), a Mámoa do Catadoiro (GA36038037), a Mámoa de Sete Camiños, en proceso de catalogación, e o Abrigo Rochoso de Catadoiro en proceso de catalogación (xa se avisou á D.X. de Patrimonio Cultural e nas próximas semanas enviarán a un técnico) que se poderían ver afectados pola plataforma loxística Marín-Pontevedra.

Esta grande riqueza arqueolóxica e patrimonial á que lle habería que sumar outros xacementos arqueolóxicos como o Conxunto de gravados rupestres de Piñeiral do Caeiro (GA36026015), Conxunto de gravados rupestres do Regato dos Buratos – Outeiro da Mina (GA36038023), Petróglifo da Cachada do Vello, que se daba por perdido e que foi recentemente encontrado, Petróglifo de Pumariño (GA36038024), Complexo Rupestre da Carrasca (GA36026013), Complexo Rupestre de Champás (GA36026014), Mámoa de Cavada do Pito (GA36058004), son as razóns que motivan a un grupo de máis de 20 colectivos sociais a apoiar e traballar na creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo tamén apoia.

Tamén se verían afectados o sendeiro ecolóxico do Morrazo (GR-59), sendeiro do río da Fraga, sendeiro de Chans e sendeiro de bicis todo terreo do concello de Marín. E a Liña de Alta Tensión Lourizán-Cangas. Por último consideramos a actitude dos distintos partidos políticos a nivel local de Marín e Moaña como lamentábel, porque no seu afán localista e da man da especulación empresarial dentro dun modelo claramente insustentábel seguen insistindo, a pesares dos miles de metros cadrados baleiros noutros polígonos, en construír en solo protexido as súas áreas industriais.


Responses

  1. Con mi más sincero respeto a las asociaciones y colectivos que defienden que Marín no tenga un espacio para dotar de suelo e infraestructuras empresariales a la comarca, no estoy en absoluto de acuerdo en lo que respecta a la zona de Pastoriza, ya que los informes elaborados por el equipo redactor del PXOM de Marín aseguran que tanto desde el punto de vista medioambiental como cultural,geológico y orográfico, los terrenos disponibles son perfectamente aptos para la instalación de un gran parque empresarial con capacidad de utilizar 1,02 millones de metros cuadrados.Sobre esta zona de Pastoriza es la primera vez que se realiza un informe técnico en condiciones aceptables, ya que el gobierno bipartito anterior nunca quiso realizar un estudio al respecto. Por primera vez, insisto, tenemos un documento sobre el que poder hablar y por primera vez sabemos por el equipo técnico que lo llevó a cabo que Pastoriza es un lugar limpio donde se puede instalar un parque empresarial. No obstante, y a fin de garantizar más si cabe que la ubicación de ese parque no sea lesivo para el medio ambiente o la cultura y arqueología, debería confiarse a los servicios técnicos y a la Consellería de Turismo y Cultura de la Xunta que ahonden en este aspecto para despejar todas las dudas. De siempre he creído que la zona de Pastoriza es la ideal para la instalación de empresas como también de siempre he pensado que Monte Pornedo no es la solución para la demanda de suelo industrial. Comprendo la preocupación de los colectivos y asociaciones que no quieren que Marín se desarrolle económicamente pero no la comparto. Los argumentos que utilizan para invalidar Pastoriza no son de recibo, entre otras cosas porque no son ciertos. Simplemente están basados en el no por el no, son palabras no hechos científicos. En cambio, volver a la cueva tiene sus consecuencias, desde mi punto de vista, infinitamente peores puesto que condenamos a esta generación de marinenses y a las próximas a emigrar de nuestra comarca, con el consiguiente empobrecimiento de nuestra gente.

    • Moitas grazas pola túa visita e polo teu comentario, Luis, sempre tan oportuno. A túa opinión está perfectamente definita e exposta claramente no Foro Marinenses. E farémonos eco do teu artigo, que é coherente co posicionamento que mantés dende hai tempo. Na Plataforma Montes do Morrazo conflúen colectivos que, dentro da mesma sensibilidade polo respecto ao medio ambiente e ao patrimonio, entenden a xestión do solo empresarial dende ópticas particulares. En Defende o Monte Pituco facémonos eco da nota informativa da Plataforma porque dende a súa creación apostaron pola conservación do Monte Pornedo e pola súa posta en valor formando parte dun proxecto denominado Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Todos estamos de acordo en que a dotación de chan industrial en Marín é un asunto moi complexo no que hai moitas opinións turrando: uns a prol de urbanizar o Monte Pornedo, mesmo organizando unha campaña de recollida de firmas con argumentos enganosos e mal argumentados a mantenta para confundir a cidadanía; outros a prol de crear un polígono conxunto con Moaña; e outros, que entenden que no actual contexto social e económico é máis operativo optimizar as infraestruturas que xa están creadas para atender as necesidades das empresas presentes e futuras. Dende Defende o Monte Pituco, como vimos sostendo dende hai máis de dous anos, con datos, pensamos que ben contrastados en canto a credibilidade, só podemos concentrar as nosas enerxías en rexeitar o Monte Pornedo como posible ubicación dunha plataforma loxística ou parque industrial. Loxicamente, o Concello de Marín ha velar polos seus intereses económicos, por máis que haxa unha parte da cidadanía que entenda esta pugna dun modo completamente distinto. Tempo haberá, e tamén espazo, para ir debullando neste blog todo o relacionado co Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, as alegacións presentadas polo Concello de Marín, nas que hai varias inexactitudes, como así probaremos, e as alegacións presentadas por Defende o Monte Pituco. Saúdos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: