[Silla de Champás]
Hai petroglifos dos que -como os de Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro- se ten a certeza que están situados en terreo da Comunidade de Montes de San Xulián de Marín. Pero no caso doutros xacementos arqueolóxicos situados na parroquia, como os distintos grupos dos conxuntos rupestres de Champás e da Carrasca, non se ten a mesma certeza e pode que algún deles estea nalgunha cachada ou mato de propiedade particular.
Entre as peticións remitidas á Comunidade de Montes, figuraba pois a localización dos propietarios desas parcelas susceptibles de aloxar gravados rupestres catalogados para negociar con eles a permuta deses terreos, a cesión dos mesmos á Comunidade de Montes ou a posibilidade de outorgar dereitos de acceso que posibiliten acceder a elas para adecentar os xacementos ou visitalos con garantías e sen as ‘trabas’ que supoñen atravesar un terreo privado.
Nese sentido, algunha xestión co Catastro podía abrir o camiño para dispoñer da información necesaria, ou ben recorrer ao contacto directo coa veciñanza. Tamén podía resultar de axuda que a Comunidade de Montes estivera en contacto coa Asociación de Propietarios de Monte Privado do Morrazo, que tamén vai tendo representación en Marín e na propia parroquia de San Xulián.
Atopar os donos/as dos matos nos que poida estar situado algún xacementos de interese sería o primeiro paso para que a Comunidade de Montes de San Xulián poida dar cumprimento ao seu compromiso de poñer en valor os conxuntos rupestres da Carrasca e de Champás para enlazar o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños co Lago de Castiñeiras a través destes petroglifos.
Estas actuacións, en coordinación cos responsables de Patrimonio, requerirían a eliminación de determinado arborado que está afectando negativamente á integridade e conservación dos xacementos, desprazando e fracturando as laxes nas que se atopan os gravados prehistóricos a medida que as raíces van medrando.
[A Carrasca]
Deixar unha resposta