O Torreón dos Andrade remonta a súa construcción a finais do século XIV por mandato de Fernán Pérez de Andrade ‘O Boo’. É o único vestixio do pazo que esta familia nobre tiña en Pontedeume, formando parte do recinto amurallado da vila. A progresiva desaparición deste monumento foi motivo de controversia, con varias publicacións na Revista Cátedra nas que se analizou a súa progresiva decadencia e mesmo se chegou a calificar como “atentado contra o patrimonio” (Manuel M. Bello, 2011). En 1904 o concello mercoulle o pazo á Casa de Alba para, posteriormente botar abaixo a parte do edificio máis próxima ao torreón coa finalidade de abrir a estrada que conducía á nova estación ferroviaria. Malia que nos anos 20 fora declarado Monumento Histórico-Artístico, o que quedaba del foi derrubado en 1935 para ampliar unha praza.
Convertido actualmente en oficina de turismo e centro de interpretación, a fachada principal destaca pola presenza dun enorme escudo do século XVI que inicialmente se atopaba no Pazo dos Andrade.
En 1371 Enrique II concede a Fernán Pérez de Andrade III a xurisdición de Pontedeume e Ferrol, como pago aos servizos prestados na guerra civil que o enfrontou ao seu irmán Pedro I O Cruel. Titular do coto de Andrade, construtor do castelo na pena Leboreira, Fernán Pérez de Andrade III é membro dunha das familias da nobreza comarcal que arranca a principios do século XII con Fortunio Bermúdez e que medra exercendo o cargo de prestameiro á sombra da nobreza condal, concentrando propiedades e encomendando aos mosteiros de Caaveiro e Monfero, onde se fan enterrar.
Fernán Pérez de Andrade III, chamado O Boo, funda o convento de Montefaro, substitúe a ponte de madeira por outra de pedra, coa capela e hospital do Espírito Santo -que deixa ao coidado dos frades do citado convento- e posiblemente constrúe o palacio de Andrade e amplía o recinto amurallado coa inclusión da praza do Conde. Morre en 1397 e é enterrado en Betanzos.
[Fragmento da historia de Pontedeume, na web do Concello]
Vidrieiras do Mosteiro de Caaveiro, que se conservan na Torre dos Andrade, no marco dunha exposición permanente sobre as orixes da vila, a historia dos Andrade e as guerras Irmandiñas
Vistas da contorna dende o alto da Torre dos Andrade
Ao lonxe, a torre vixía cuxa construcción está asociada ao Torreón dos Andrade
Fachada posterior da Torre dos Andrade
Deixar unha resposta