Publicado por: MontePituco | 25/10/2017

LIBRO DAS ‘AVES DO RÍO GAFOS’

Presentación do libro "Aves do río Gafos", de Ramón Sineiro

“Só se ama o que se coñece, só se protexe o que se ama”, di Ramón Sineiro no limiar de “Aves do río Gafos”, confiando en que esta obra sirva para que “moitas persoas dean ese paso adiante tan necesario de coñecer e de comprender a marabillosa natureza que nos rodea”.

Por palabras coma estas dé alguén que, como este ornitólogo que colaborara no documental sobre o Espazo Sete Camiños, un divulgador que utiliza o seu coñecemento para compartir e sensibilizar, paga a pena incorporar este libro á biblioteca particular; máis aínda, á biblioteca pública, para que estea a disposición de todo o público interesado no medio natural, que é moito e cada vez máis.

A Deputación de Pontevedra publica a segunda edición deste traballo de campo realizado por Ramón Sineiro ao abeiro da Asociación Vaipolorío, e coa colaboración dos naturalistas e ornitólogos Vítor Cabaleiro Barroso, Xoán López e Samuel Paz.

Se na primeira publicación o catálogo avícola do Gafos acadaba as 65 especies, desta volta a cifra supera as 108, evidenciando a crecente riqueza da fauna e da biodiversidade deste ecosistema fluvial que temos tan cerca. 

Empezando por describir as características do Gafos -percorrido, caudal, leito, canalización- e os biótopos que presenta en cada zona, fose urbana, semiurbana, mixta ou natural, o libro presenta en cada páxina unha especie de ave, con fotografías, datos da súa presenza no tempo e da súa fisonomía, ademais dos nomes que recibe en galego, portugués, castelán, catalán e éuscaro.

Dende o corvo mariño á escribenta, pasando polas distintas variedades de falcóns, a pomba, a curuxa, o chasco ou o ferreiriño… Unha guía, en definitiva, que non só anima a descubrir que paxaros habitan entre o arborado do Gafos, no seu nacemento ou na súa desembocadura, ou que están de paso nos seus tránsitos migratorios; senón que ademais procura captar o interese dos lectores para que tamén se poidan converter en expertos ornitólogos.

Non é doado… pero paga a pena ir aprendendo pouco a pouco, atendendo á cor da súa plumaxe, ao seu voo, ao seu canto.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: