Publicado por: MontePituco | 24/09/2018

ADEUS Á ESCOMBREIRA DA VERGOÑA

Entre esta imaxe, da tarde do domingo 24 de setembro de 2018…

Verquido, domingo 24 de setembro de 2018

…e estoutra fotografía, da tardiña deste luns 25 de setembro de 2018

Luns 25 de setembro 2018

…hai 24 horas.

ADEUS ÁO VERQUIDO DA VERGOÑA!!!

Nesta mañá de luns a Asociación Monte Pituco recibiu unha chamada dun operario do Concello de Marín anunciando que van ir recoller os verquidos que quedaran pendentes de ser retirados, da primeira fase desta ‘operación limpeza’ tan longamente demandada. Solicítannos indicacións e verificación da localización deses vertedoiros ilegais: a escombreira situada a carón do túnel da Variante entre os lugares d’O Caeiro e A Pena, ademais dos depósitos de entullos e de portas vellas que aínda se atopaban diseminados na pista forestal do Pornedo.

Xa pola tarde comprobamos que a morea de lixo ciscado na entrada do paso subterráneo efectivamente fora eliminado. No seu lugar -marabillosa carambola do destino- recíbenos unha pomba branca. Incrible, pero certo; semella un agasallo máxico despois de tantos meses turrando contra esta noxenta mole de cristais, aramios, cravos enferruxados, plásticos, roupa vella e ata un sofá destartalado. Todo isto levaba aí dende finais de xullo de 2017!!!

Nin a bordo dese lustroso vehículo todoterreo adquirido pola Comunidade de Montes de San Xulián, nin tan sequera gastando a suela das zapatillas de correr, os directivos da Casa de Montes tiveron a iniciativa de proceder -como así llo esixe o seu cargo- á limpeza dos residuos que durante 15 meses se foron acumulando no monte como consecuencia da acción incívica de quen usa o monte como un vertedoiro. O colmo do intolerable foi que saíse á luz un desguace de parachoques, cuxa existencia acabou sendo denunciada ante o Seprona e o Concello de Marín, sendo este último o que decidiu actuar para retirar semellante foco de contaminación, con todo o desprezable ronsel de verquidos de maior ou menor volume que se foron sumando á perversa dinámica de ‘lixo-chama-por-máis-lixo’.

A Asociación Monte Pituco agradece unha vez máis a actuación da Concellería de Medio Ambiente para contribuír a que o ‘balcón da ría’ e a súa contorna se libren dos restos de obra, dos mobles vellos e demais detritus que veñen depositar os (in)humanos. Este colectivo veciñal ponse á disposición dos responsables municipais para seguir colaborando na mellora deste espazo.

Dende a Asociación Monte Pituco facemos un sonoro e serio chamamento social contra os verquidos ilegais, instando a quen teña entullos ou calesquer residuo a xestionar a súa eliminación a través dos puntos limpos ou do servizo municipal de recollida de enseres, que é gratuíto. Asemado, apelamos á sensibilidade da cidadanía concienciada e comprometida na defensa do medio ambiente e da natureza a denunciar calquera acción de vandalismo ou de agresión ao patrimonio natural da que teñan constancia directa. 

E á Comunidade de Montes… nada que poida ‘distraer’ os seus membros de seguir teimando nas súas lerias. 

Vehículos no Pornedo, setembro 2018

 

 

 

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: