A Asociación Salvemos o Monte Pituco (Pornedo) continúa desenvolvendo accións a prol da protección e da promoción deste espazo coa posta en marcha do I CERTAME FOTOGRÁFICO ‘O BALCÓN DA RÍA‘.
Animamos a percorrer o Monte Pituco (ou Pornedo, polo topónimo tradicional) e o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Propoñemos que @s visitantes compartan nas redes sociais unha fotografía da contorna: paisaxe, fauna, flora, mananciais, petróglifos, mámoas, sendeiros… cunhas breves frases descritivas identificando a figura representada, ou cun sucinto texto evocador da mesma. En Facebook, cómpre incluír unha etiqueta á páxina Salvemos o Monte Pituco (Pornedo); en Instagram, a imaxe etiquetarase ao perfil obalcondaria.
Un grupo de profesionais e de expertos en arte e en natureza encargarase da análise do material recibido dende este momento e ata o mes de novembro, cando se celebrarán as II XORNADAS POLA PROTECCIÓN E POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO DE SAN XIÁN. No marco destas actividades presentaranse as consideracións do xurado e entregaranse agasallos -artesanía e libros- ás autoras e autores das fotografías seleccionadas.
Non se establecerá un ranking de gañadores/as nin haberá premios con dotación económica. A Asociación Monte Pituco é un colectivo moi modesto que carece de medios económicos e non recibe axudas institucionais. Os obsequios sufragaranse con recursos propios e doazóns. Esta iniciativa tampouco fomenta a competitividade entre @s participantes, senón que anima á experiencia de camiñar en contacto coa natureza, aprezando os elementos que conforman o territorio, xerando curiosidade polo coñecemento da historia do lugar, propiciando o respecto e a valorización do patrimonio rupestre e megalítico que abunda na zona.
Atenderanse as dúbidas que xurdan no enderezo de correo electrónico montepituco@gmail.com
Anímate a participar! Comparte! Difunde!
[…] e participa no I Certame Fotográfico ‘O Balcón da Ría’. […]
By: SOLPOR DE OUTUBRO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 01/10/2018
at 23:55