O monte veciñal de Combarro atesoura media ducia de localizacións con gravados rupestres, segundo os últimos achados da Comunidade de Montes Rega dos Agros de Poio.
O monte veciñal de San Xulián de Marín na zona que comprende o Pornedo, Sete Camiños e cercanías de Castiñeiras conta con outra media ducia de emprazamentos onde se atopan petróglifos: Pornedo, Sete Camiños, Pinal de Caeiro, A Carrasca, Champás, bosque de Cadro.
A Comunidade de Montes de Rega dos Agros leva dende principios de 2017 xestionando axudas a través do Concello de Poio e da Deputación de Pontevedra para poñer en valor este patrimonio que a directiva ten interese en potenciar como recurso turístico.
A Comunidade de Montes de San Xulián desvencellouse do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños; a proba da deserción é que as outras dúas comunidades -Salcedo e Lourizán- que asumiron o proxecto impulsado pola comisión técnica, asumiron o custe da reposición da sinalización afectada por diversos actos vandálicos. San Xulián non participou desa medida malia que a maior parte dos elementos danados están no seu ámbito territorial. Consecuencia? O panel informativo situado na entrada da pista forestal do Monte Pituco (Pornedo) que foi agredido a finais de 2016 foi reposto pero, en vez de repoñer a lámina adhesiva que fora arrancada no propio soporte metálico, o panel foi retirado da súa ubicación orixinal e reubicado ao outro lado da estrada, en terreo da Comunidade de Montes de Lourizán.
Deixar unha resposta