Publicado por: MontePituco | 21/09/2017

CARTA A UN PRO-POLÍGONO DOENTE

Pro-polígono doente pola sentenza do TSXG

Detestable pro-polígono

Antes de nada, e sen que sirva de precedente, voute felicitar, si. Porque por primeira vez escribes un cartel sen pegarlle unha patada ao dicionario, sen causarme unha insoportable dor de ollos escribindo “prohivido” con v, sen provocarme maniotas na barriga de tanto rir polas “anormalías” -máis ben tropelías- que inventas no vocabulario que tan pouco dominas.

Por iso, antes de criticar o teu resentimento, de mofarme da túa soberbia, de esmendrellarme pola túa torpeza, vouche recomendar moita lectura, si. Porque nos libros está a fonte viva da lingua que falamos. Canto máis leas, mellor falarás, mellor escribirás, e máis aprenderás. Porque faiche moita falta; detecto unha gran deshidratación no teu miolo, en singular.

Así que le. Podes empezar por libros sobre Dereito e Lexislación. Seguro que logo desas edificantes lecturas -recoñezo que che poden parecer algo farragosas- acabas asimilando que unha sentenza firme, definitiva e irrevocable é iso: FIRME, DEFINITIVA e IRREVOCABLE. Por tanto, o acto de poñer un cartel esixindo un “polígono xa” nun espazo onde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia di que non se pode poñer por razóns técnicas, económicas, medioambientais e paisaxísticas, é ir en contra da lei. 

Podes continuar lendo textos sobre Urbanismo. Recoméndoche o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Marín, onde di -nun apartado que se chama Memoria Ambiental- que o Monte Pituco ten unha “capacidade limitante absoluta” para edificacións de tipo residencial e industrial. Entendo que te fagas un lío con esa expresión; cousas de técnicos enrevesados que se fan os interesantes cando en vez desas tres palabras podían simplificar poñendo ‘non se pode construír, e punto’, pero que lles queres, caprichos da linguaxe.

Así que no monte, para ben ou para mal, non cabemos todos. Non caben chalets con vistas á illa de Tambo. Non caben naves empresariais nin ningún dos servizos que fagan posible o seu funcionamento. Por non caber, non caben os cafres que veñen ao monte a botar lixo ou restos de obra, nin caben os malnacidos que veñen abandonar animais, nin caben os delincuentes que veñen ao monte con intención de plantarlle lume, nin caben os fitipaldis que veñen estragar os camiños utilizando o monte como unha pista de rally para os seus vehículos…

Podes continuar lendo a amplia bibliografía existente sobre as pegadas da Prehistoria en Galicia. Tamén podes elixir entre un feixe de libros sobre Fauna e Flora. Non deixes de consultar, por favor, algún que outro libro sobre Xeoloxía porque, se algo houbo no Monte Pituco, ademais de moitos petroglifos -que non petroglíficos!- foron canteiras de granito. E non che viría nada mal sumar algunha que outra publicación en materia de Economía centrada no retorno financeiro do turismo cultural e de natureza como actividade produtiva e sostible.

Eu aprendín en todos eses libros todo o que agora sei -que aínda é moi pouco- sobre o Monte Pituco. Se de algo me serviu turrar contra a Xunta, o Concello, e túzaros pro-polígono coma ti, é ter lido, escoitado, visto, camiñado,vivido. Nin un só céntimo dos cartos que paguei do meu peto en estudos técnicos solventes -non trapalladas mercenarias (e marcianas) ao estilo da Asociación Virxe dos ‘Remendos’-, en centos de fotocopias, en avogados, en procuradores, vale tanto como as experiencias que me aportou dedicar os últimos oito anos da miña vida a defender coa maior dignidade e honestidade posible o Monte Pituco, o monte de tod@s os veciños de San Xulián, de tod@s os marinenses.

Xa, xa sei que os teus intereses van por outro lado: xuntarte cos caciquiños da parroquia, lamberlle as solas dos zapatos a políticos de medio pelo a ver se che fan sitio nalgures, urdir algún tipo de campaña de desprestixio nas redes sociais contra ese diaño anti-polígono que non deixa de tocarvos o nariz co seu blog, cos seus recursos xudiciais e coas súas andainas reivindicativas…

Por iso che vai como che vai, coitado! Porque te xuntas con malas compañías que en vez de favorecer que te desenvolvas a nivel humano e intelectual, fan de ti un patético pandeiro, un tipo sen personalidade e sen altura de miras, incapaz de fiar dúas frases sen dinamitar as normas básicas da ortografía. Porque non es quen de informarte por ti mesmo nin de petar na porta do ‘inimigo’ para cercionarte de que esas ideas de bombeiro-toureiro das que presumes non son pura patraña, mentira podre e auténtico veleno. Porque non tes educación, dedícaste a facer todo o posible -raiando o imposible e ata o alegal- para atacar a nivel persoal e ata profesional a quen non podes rebater con argumentos e sólidos e razoables; simplemente, porque careces deles.

E agora vén o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia coa súa sentenza FIRME, DEFINITIVA e IRREVOCABLE -unha sentenza que nin a Xunta de Galicia nin o Concello de Marín se molestaron en recorrer- e aínda tes a caradura de plantificar un miserable papelucho nun panel que por riba non é teu, nin sequera da Comunidade de Montes de San Xulián, reclamando “polígono xa”.

Dás mágoa. A túa reacción é tan infantil e primaria -por non dicir primitiva- que non pagaba a pena nin molestarme a redactarche esta carta. Pero fágoo polo teu ben, porque no fondo este humilde blog é case coma un servizo público. E que mellor servizo público que recomendarche lectura, cultura, reflexión, prudencia, coñecemento. Gustaríame pensar que non es impermeable a todas estas cousas tan beneficiosas para o ser humano, que non todo está perdido para ti, que aínda estás a tempo de escapar do lado escuro da forza. Do contrario, seguirás sumido na ignorancia, na mediocridade.

De ti depende.

Vémonos nos libros.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: