Na fronte das casas, unha grande explanada era o lugar máis axeitado para os ensaios daquela danza de Cantodarea, onde se xuntaban mariñeiros de toda a contorna -dende Praceres a San Xián- aproveitando a súa estancia en terra. Alí, á tardiña, guiados por Alfredo ‘O Cochón’, xuntábanse Cabaleiro, Catrúa ‘O Vello’, patrón de pesca e armador, Andrés ‘O Cañán’ e os irmáns Manolo e Salvador, mariñeiros; ‘O Machoán’, Valente ‘O Vello’ e outros dos que agora non recorda o nome, pero semella que os está vendo, dirixidos por Alfredo, o maior dos Cochóns, con moita diferenza de idade co seu irmán pequeno, Pepe.
Pepe, xunto coa súa curmá, formaban unha parella infantil que bailaba unha xota e unha muiñeira, unha vez rematada a danza. Os danzantes formaban unha roda e no centro a parella infantil executaba o seu baile con gran donaire; baile moi celebrado polo público que os arrodeaba.
Volvendo aos ensaios, que se levaban a cabo ao longo do ano, pola propia inestabilidade do mundo do mar ao que pertencían a maioría, recorda Villanueva que “cantaruxaban a melodía da danza, viñan os gaiteiros para facer ensaios coa gaita e o tamboril, pois antes non se podía, xa que había que pagarlles e non había para tanto. Lembra ademais que eses gaiteiros eran “Os Pirighallos” de Vistalegre, familiares de Gaspar, o de Mogor. Cando remataban os ensaios, gardaban as espadas, as castañolas e os demais enseres no mencionado salón dos Cochóns.
Chegado o día vestían o pantalón e a camisa branca, a faixa vermella, a boina negra e as alpargatas. Esta danza de Cantodarea, formada e coas espadas, acompañaba a procesión dos Remedios, de San Xián e El Señor (O Corpus).
Foi nesta danza onde medrou ‘Temes’ e a súa ferreña, feita por el, xa que ademais de mariñeiro era moi bo carpinteiro. Facía as castañolas, a ferreña e ata algunha chalana; arrombaba as viñas e ata era requirido como correxedor.
Fragmento do texto elaborado por Enriqueta Molas sobre a figura de Diego Lubián Currás -Temes- a partir dunha conversa con Manuel Villanueva, dos Carregal. Publicado na revista conmemorativa de San Miguel 2017.
Deixar unha resposta