Arte Rupestre

Neste apartado dáse conta do valioso patrimonio rupestre que se atopa no Monte Pornedo (Pituco). Esta sección inaugurouse cando a zona estaba ameazada pola construcción dun polígono industrial que proxectaban o Concello de Marín -coa complicidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián, propietaria dos terreos- e a Xunta; unha pretensión frustrada pola loita da Asociación Monte Pituco a prol da protección deste espazo e que deu os seus froitos con dúas sentenzas firmes e irrevocables do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tumbando a clasificación do Pornedo como solo industrial e anulando a súa inclusión no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia.

Os elementos arqueolóxicos situados no Pornedo forman parte do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, un proxecto no que a Asociación Monte Pituco se involucrou activamente dente os seus inicios.

ÁREA RECREATIVA DO PORNEDO

Creouse a raíz da construcción da Variante de Marín, por un acordo coa Comunidade de Montes de San Xulián. Está en desuso, xa que non se utilizada para o fin que motivou a súa creación. O mobiliario que se instalou, e que viña sendo obxecto de ataques vandálicos, foi desmantelado pola propia Comunidade de Montes, que trasladou parte das mesas e dos bancos á arboreda situada a carón da estrada de Figueirido. A proxecto inicial de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños pretendía instalar neste emprazamento un centro de interpretación do Espazo Sete Camiños. Pola desidia da Administración e co consentimento da Comunidade de Montes, nas obras desta área recreativa desapareceu unha rocha que contiña petroglifos -círculos concéntricos- que aínda non estaban catalogados, mais si localizados, e que foron aterrados.

[Estado inicial da área recreativa tralas obras]

[Estado que presentaba tralas sucesivas accións vandálicas que se producían, ante a deixadez da Comunidade de Montes]

Estado actual da antiga área recreativa do Pornedo

[Situación actual da antiga área recreativa, que está recuperando o seu estado naturalizado]

[Imaxe do petróglifo desaparecido, fotografado por Paulo Troitiño, experto en patrimonio arqueolóxico]

COMPLEXO RUPESTRE DE PINAL DE CAEIRO

Catalogados co código GA36026015. Son dúas rochas moi próximas entre si, coa seguinte descrición:

• Grupo I: Coñecido popularmente como “o ciclista”, atópase nun pequeno repeito de pendente, sobre unha rocha plana que foi tallada por traballos de canteiría de antano. Presenta dúas combinacións de círculos concéntricos con cazoleta central e apéndice e unha espiral, unidos por trazos. Os sucos están erosionados e nalgúns puntos o gravado foi repiqueteado recentemente.

Petróglifo de Pinal de Caeiro, o ciclista

Pinal de Caeiro (Outeiro 1)

[Calco de Antonio de la Peña]

Reconstitución 3D realizada por Antonio Costa

[Reconstitución 3D realizada por Antonio Costa]

• Grupo II: Atópase sobre un afloramento granítico a ras do chan e parcialmente cuberto de terra, a 2 metros ao SE do Grupo I. O motivo representado é un círculo concéntrico ou ben unha espiral a esquerdas con cazoleta central e con motivos radiais na súa parte externa.

Pinal de Caeiro (Outeiro 2)

[Calco de Antonio de la Peña]

PETROGLIFOS DE SETE CAMIÑOS

Catalogado co código GA36026036. Os gravados emprázanse no cadrante SE da rocha, que ten unha superficie irregular e unha inclinación motivada pola pendente natural da ladeira. Hai presenza de diaclasas e restos de acción antrópica (extracción de pedra). Trátase se varias representacións de perfil esquemático de cuadrúpedos e un círculo con cazoleta central. Consta polo menos de 6 figuras zoomorfas, aínda que semella suxerirse algunha representación máis. Todas están orientadas ao Norte. Os sucos, que se atopan erosionados, presentan unha sección en forma de U bastante aberta. Este gravado, descuberto en 2003, é unha das poucas representacións naturalistas de zoomorfos existentes no Concello de Marín, onde a maioría son figuras xeométricas.

Petróglifo de Sete Camiños

Debuxo dos petroglifos de Sete Camiños.

Reconstitución 3D realizada por Antonio Costa

[Reconstitución 3D realizada por Antonio Costa]

COMPLEXO RUPESTRE DO PORNEDO

Catalogado co código GA36026012. Estes petroglifos están preto do linde administrativo entre os concellos de Marín e Pontevedra, nunha zona con afloramentos graníticos e cunha gran cantidade de canteiría abandonada. O repertorio está composto por combinacións circulares con cazoleta central e apéndice, trazos circulares e trazos soltos.

Grupo I O Pornedo

[Grupo I O Pornedo]

Pornedo 1

[Grupo I O Pornedo: calco de Antonio de la Peña]

Reconstitución 3D realizada por Antonio Costa
[Reconstitución 3D realizada por Antonio Costa]
Pornedo 2
[Grupo II O Pornedo]

Pornedo 2.jpg

[Grupo II: calco de Antonio de la Peña]

GRAVADOS DE JOSÉ MEIJÓN

José Meijón forma parte da historia recente de Marín, aínda que a súa figura non estea recollida nas publicacións institucionais. Segundo testemuñas orais, a súa familia padeceu as consecuencias da Guerra Civil, algo que nunca superou e marcou a súa saúde mental. En numerosos puntos do concello -dende as praias ata o muro do cemiterio, pasando pola rúa onde vivía- abundan os seus gravados. Uns son representacións máis ou menos naturalistas; outros, palabras ou formas abstractas. Varios expertos defenden que os seus gravados sexan catalogados e protexidos, como parte do Patrimonio Cultural marinense.

Gravados de José Meijón no Monte Pituco

Gravados de Meijón no Pituco

Gravados de Pepito Meijón?

Gravados "modernos" feitos por Pepito Meijón.

COMPLEXO RUPESTRE DA CARRASCA
Catalogado co código GA36026013. Non está inscrito na área do Espazo Sete Camiños, mais sería un dos nexos de unión co Lago de Castiñeiras, coa que conectaría mediante a creación dun sendeiro. Este complexo rupestre componse de cinco grupos ou estacións:
– Grupo I: Composto por varias combinacións de círculos concéntricos con cazoletas no interior, e círculos sinxelos, interrelacionados por trazos sinuosos ou pedúnculos que se alongan ata chegar ao seguinte motivo. No seu flanco oriental, o petroglifo atópase alterado parcialmente por un gravado moderno, da autoría de Pepito Meijón, que afecta en parte aos motivos orixinais. No occidental, un segundo gravado seu, coa palabra “muerte” en grandes caracteres, afecta a un círculo concéntrico. É o único caso no que Meijón interviu sobre gravados prehistóricos, xa que sempre os respectaba.
– Grupo II: Componse de numerosas cazoletas de diversos tamaños, un círculo concéntrico con cazoleta central e diversos trazos soltos.
– Grupo III: Composto por unha combinación de cinco círculos concéntricos con cazoleta central, pedúnculo e dous radios, ao que se asocia lateralmente unha agrupación de cazoletas. A superficie restante atópase cuberta por longos trazos transversais acompañados de cazoletas soltas.
– Grupo IV: Está composto por dous subgrupos. No subgrupo Norte hai combinacións circulares con cazoleta central e trazos soltos, dispostas nas irregularidades da rocha. E no subgrupo Sur hai dúas laxes: unha primeira presenta un círculo concéntrico, máis outros dous incompletos, trazos curvilíneos que se entrelazan en torno a cazoletas, dúas pías de orixe natural, e destaca a presenza dun zoomorfo (cérvido), do que se tomou a súa figura como imaxe representativa do Espazo Sete Camiños; a segunda laxe presenta dúas combinacións circulares con apéndices radiais e un círculo con cazoleta central incompleto.
– Grupo V: Composto por un suposto motivo figurado zoomorfo, moi esquemático (cervo, cabra) e varios grupos de cazoletas. Malia que a rocha foi cortada hai tempo pola acción dos canteiros, consérvanse dous restos de círculos.
Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).
Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).
Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).
Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).
Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).
Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).
Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).
Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).
Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).
* Os profesionais da Arqueoloxía que apoiaron a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños foron: Álvaro Arizaga Castro – Xurxo Ayán Vila – Noemí Calvo Valcárcel – Manuel Antonio Franco – Leonardo González Pérez – Diego Piay Augusto – Otilia Prado Fernández.
* Nos primeiros tempos -cómpre facerlles un recoñecemento- foron numerosos os colectivos a prol da posta en marcha desta iniciativa: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lourizán – Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo – Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Martiño de Vilaboa – Asociación de Veciños Estriceres de Lourizán – Asociación de Veciños San Andrés de Estribela – Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta de Salcedo – Asociación de Veciños de San Xulián – Asociación de Veciños de Postemirón/A Graña – Plataforma en Defensa da Praza dos PraceresPlataforma Defende O Monte Pituco (Pornedo)Asociación Pola Defensa da RíaAsociación Vaipolorío – antiga Asociación Cultural Almuinha – Asociación Cultural A Pedra Floxám – Asociación Cultural RonselAsociación Cultural Os ChichisosGrupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca – Associaçcom Amigos da Cultura – Organización Galega de Comunidades de Montes en Man ComúnClube de Montañeiros de Pontevedra

Respostas

  1. […] Arte Rupestre Publicado por: MontePituco | 01/11/2010 […]

  2. Hola boas tardes, son veciño de marín (resido na zona de cantodarea), e me gustaría saber como poñerme en contacto con vosco por si vos interesa crear un corpo de vixilancia no que forme parte eu e algún compañeiro mais. Estamos habilitados para estas funcións polo Ministerio de Interior e teñemos potestade para denunciar calquer infracción cometida, en este caso, sobre estes terreos. Podo darvos toda a información que precisedes sobre nós cando queirades. Ofrecemonos baixo as figuras de Guarda Particular de Campo o Guarda de Caza, a elixir por vós que función queredes que desempeñemos, xa que polo visto tamén se exercita a practica cinexética en Marín, sobre todo no Tecor de Pontevila. Contactade conmigo en: ………….@hotmail.com. Que sepades finalmente que estou convosco en esta campaña de defensa, pois desde a miña xuventude e sobre todo en verán gústame facer sendeirismo por alí arriba, e xa non hai recuncho que non coñeza.

    • Moitas grazas pola túa mensaxe, David. Alégranos moitísimo poder contar contigo. Por suposto, seguimos en contacto a través de correo electrónico. Tomeime a licenza de borrar, no teu comentario, o enderezo que anotaches para evitar que che envíen correo-lixo. Saúdos e, cando queiras, pásate por este blog, le e comenta o teu punto de vista. Benvido a esta intensa loita pola defensa do Pornedo. Saúdos.

  3. […] Arte Rupestre […]

  4. […] Arte Rupestre […]

  5. Moi Boas,

    Gustaríame poder ter información sobre a localización dos petroglifos que mencionades no artigo e doutros se os houbera. A miña intención é achegarme para documentalos para publicalos noutra web. Pregunto se me poderían facilitar tal información.

    Moitas gracias por adiantado pola súa axuda.

  6. […] Arte Rupestre […]

  7. […] Arte Rupestre […]

  8. […] Arte Rupestre […]


Deixa unha resposta a OS PETROGLIFOS DA CARRASCA, EN SAN XULIÁN | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: