O monte veciñal de San Xulián enriquece o patrimonio arqueolóxico de Marín con tres novos xacementos descubertos na Carrasca
Xunto cun motivo inédito na vila, tamén están en proceso de catalogación como Bens de Interese Cultural outros dous conxuntos rupestres en San Tomé de Piñeiro e Ardán
Tres novas estacións de arte rupestre veñen de ser descubertas no lugar da Carrasca, no monte comunal de San Xulián, e a delegación territorial en Pontevedra do Servizo de Patrimonio Cultural xa foi informada da súa existencia para que se proceda á súa catalogación como Bens de Interese Cultural (BIC) ao abeiro das garantías de protección e conservación que contempla a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.
Destaca un dos elementos atopados, con forma cuadrangular e reticular, xa que en Marín non se tiña inventariado ningún petróglifo destas características e no Morrazo son moi escasos. Ao seu carón tamén se identifican o que semella ser una figura zoomorfa e outros trazos que os técnicos terán que analizar para a súa identificación.
Un segundo conxunto está formado por varias cazoletas ou coviñas.
E o terceiro grupo é unha pequena combinación de círculos concéntricos nunha rocha que quedou ao descuberto trala caída dun eucalipto que lle medrara enriba.
Precisamente, estes achados atópanse na mesma zona da Carrasca onde xa hai catalogados como BIC outros seis xacementos arqueolóxicos. Un deles -o conxunto número 5- resultou agredido a finais do pasado ano como consecuencia duns traballos de desbroce encargados pola Comunidade de Montes de San Xulián sen as preceptivas medidas de sinalización previa e de control arqueolóxico.
Ademais, trátase dun lugar con masa forestal a base de eucaliptos e piñeiros; especies pirófitas que, en caso de producirse un incendio, terían un efecto devastador nestes gravados, cuxa antigüidade se remonta á Idade do Bronce.
OUTROS XACEMENTOS
O naturalista e bo coñecedor do patrimonio marinense Paulo Troitiño é o autor destes descubrimentos, aos que se suma a localización doutro posible conxunto arqueolóxico en Chan de Lagucheiros, na parroquia de San Tomé de Piñeiro, preto da mámoa catalogada como Lagucheiros nº2. A rocha, en cuxa descuberta tamén participou Alfredo Velo, contén dúas pías ben traballadas e algunha cazoleta.
Asemade, os técnicos do Servizo de Patrimonio Cultural foron informados da presenza doutro posible conxunto rupestre no lugar de Xuncal, pertencente á parroquia de Ardán, atopado por Cándido Martínez, do colectivo ecoloxista Luita Verde. Os motivos gravados son varias cazoletas ou coviñas de distintos tamaños, diámetros e profundidades, algunhas delas unidas entre si. Neste caso, a rocha -ao carón dunha estrada- podería ter sido desprazada do seu lugar orixinal para acomodala no muro dunha finca, preto do rego das Gorgadas.
RECOÑECEMENTO
Diante da participación da Asociación Monte Pituco na próxima Comisión Informativa de Cultura do Concello de Marín para urxir os responsables municipais a tomar medidas de protección, posta en valor e conservación do patrimonio arqueolóxico, esta entidade veciñal incide na trascendencia dos novos achados que veñen enriquecer o legado prehistórico da vila, e en particular, reforzar o peso da parroquia de San Xulián nese inventario.
Dende a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo secundan esta postura e, ademais, inciden na necesidade de que o Concello de Marín deixe de centrarse exclusivamente na atención aos petróglifos de Mogor para preocuparse tamén pola protección e posta en valor dos gravados rupestres situados ao longo do ámbito municipal, tanto no rural como en chan rústico forestal e de espazos naturais, achegando os sendeiros -Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, Ruta de Penizas, Ruta das Mámoas do Morrazo, Parque de Natureza de Castiñeiras- aos bens e en consonancia coa correcta ordenación do territorio.
Estes novos achados -xunto con outros descubertos nos últimos anos- veñen amosar que o concello marinense posúe moitos máis bens culturais e arqueolóxicos dos que están inventariados na planificación urbanística en vigor. Non ten razoamento que, mentres outros concellos morracenses como Moaña ou Cangas rondan a centena de bens catalogados, o PXOM de Marín non pase dos sesenta, dos cales só vintecinco son xacementos con gravados rupestres, os cales están mal identificados graficamente, mal situados na cartografía, e unha ampla maioría atópanse abandonados e desprotexidos.
Ambas organizacións, que apoian a declaración impulsada dende SOS Arte Rupestre Galega para acadar a declaración desta forma de inscultura prehistórica ao aire libre como Patrimonio da Humanidade, advirten que no Concello de Marín cómpre primeiro unha correcta catalogación destes bens culturais e a súa posta en valor para corrixir a situación de desamparo na que se atopan. Do contrario, desgrazadamente, seguirase incorrendo na protección sen valor e nas meras etiquetas.
[Fotografías: Paulo Troitiño]
Deixar unha resposta