Pasou un mes dende que tres profesionais da Historia, da Arqueoloxía e da Antropoloxía -Buenaventura Aparicio, Antonio de la Peña e Rafa Quintía, por esa orde- asinaron un “Informe sobre o Estado da Arte Rupestre Galega”. Ese documento trascendeu xa aos medios de comunicación, ás redes sociais e a numerosos colectivos e persoas sensibles coa precaria situación da inmensa maioría dos petroglifos que atesoura a nosa terra.
No Blog Defende o Monte Pituco non só apoiamos e nos adherimos á causa, senón que seguimos divulgando as agresións a este patrimonio sensible, especialmente no ámbito da parroquia marinense de San Xulián e no Monte Pituco (Pornedo), afectado polo proxecto de construcción dun polígono industrial promovido pola Xunta e polo Concello de Marín. Dende decembro de 2010 levamos porfiando contra semellante atentado contra o legado milenario dos antepasados, o medio natural e a paisaxe.
“A proliferación do mato e da arboreda no seu entorno déixaos sen ningunha protección cando se producen incendios forestais, provocando as altas temperaturas a súa destrucción pola ruptura das capas superficiais (termoclasia). As obras incontroladas e os traballos no monte sen adoptar medidas preventivas son outros dos riscos aos que están sometidos”.
“Solicitamos o seu compromiso para que a Xunta de Galicia inicie xa os trámites para acadar a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, a medida máis eficaz para garantir a súa supervivencia -agora mesmo seriamente ameazada-, a súa valoración e o seu coñecemento, que debe comezar na Escola”.
En Defende o Monte Pituco tomamos a licenza de ‘personalizar’ o logotipo de SOS Arte Rupestre Galega cun fragmento do calco do conxunto rupestre do Pornedo.
Moito alento, moitos azos aos promotores desta iniciativa. Contan dende o minuto 0 co noso recoñecemento, respaldo e implicación.
[…] organizacións, que apoian a declaración impulsada dende SOS Arte Rupestre Galega para acadar a declaración desta forma de inscultura prehistórica ao aire libre como Patrimonio da […]
By: TRES NOVOS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS NO MONTE DE SAN XULIÁN | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 03/04/2017
at 08:18