Estado do conxunto rupestre do Pornedo en agosto de 2016
Cómpre comezar as historias polo principio. E o cerne desta desafortunada situación remóntase ao pasado mes de agosto, en plena vaga de lumes.
Vendo que o conxunto rupestre do Pornedo está practicamente rodeado de vexetación, e ante o elevado risco de incendios nesas datas que, de ter afectado a estes gravados causarían danos irreversibles, cando non a desaparición dos petroglifos, contáctase telefonicamente coa Comunidade de Montes de San Xulián para propoñer que se faga unha limpeza de urxencia dese xacemento arqueolóxico, empregando medios e ferramentas manuais, ademais de contar con supervisión arqueolóxica. Esta idea xa formaba parte dun ‘paquete’ de 12 medidas que lle foran expostas pola Asociación Monte Pituco á directiva da Comunidade nun dossier que se entregara a mediados de xullo.
A resposta foi negativa, argumentando que a Lei de Patrimonio impedíalle á Comunidade de Montes facer calquera traballo no ámbito dos petroglifos catalogados. Diante desa postura de inmobilismo, lémbraselle que arredor dos petroglifos do Pornedo, en maio de 2015, xa se realizara unha limpeza que resultara moi beneficiosa con motivo dos traballos previos á sinalización destes elementos, no marco da posta en marcha do proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Este directivo replica -ante a nosa incredulidade- que a Comunidade de Montes de San Xulián non tivera nada que ver con aquela roza.
Resultado das tarefas de roza realizadas no conxunto rupestre do Pornedo en maio de 2015
Chegamos ao outono, entre finais de setembro e principios de outubro. Polo medio houbo unhas eleccións. Eleccións xerais, pero eleccións, a fin de contas.
Detectamos que na pista forestal do Monte Pituco se están facendo traballos de limpeza das marxes e de acondicionamento dos regos laterais, como xa plasmou en anteriores artigos desta mesma bitácora.
A sorpresa prodúcese cando, máis recentemente, comprobamos que esa actuación non só abrangue a pista principal, senón tamén o sendeiro que conduce ao conxunto rupestre do Pornedo e ao miradoiro natural. Nesta última zona entendemos que os traballos de roza eran innecesarios porque este camiño non é unha zona de tránsito motorizado, agás para labores agrogandeiras.
A sorpresa vaise tornado en temor a medida que avanzamos polo camiño, ao observar que o desbroce se realizou cunha máquina que, ao seu paso, foi cortando a vexetación nun radio de acción superior aos dous metros a ambos lados do carreiro.
Precisamente, o cartel que prohibe o paso de vehículos motorizados e que tiña que estar instalado no cruce da pista principal co sendeiro, de onde foi arrincado hai máis dun ano, segue tirado a carón do carreiro e queda á vista logo do paso da máquina desbrozadora.
Do temor pasamos á indignación cando, case á altura dos petroglifos do Pornedo, xa nos temiamos que as coitelas da desbrozadora puideran ter destruído o xacemento ao pasarlle literalmente por enriba, xa que os gravados están nunha laxe situada mesmo a carón do camiño. Uns pasos antes atopamos unhas pedras que saltaran en varios pedazos porque sobresaían do terreo e atopábanse no medio dunha mata de fento.
Respiramos con alivio ao ver que os gravados, de milagre, están intactos. E se están enteiros moi probablemente non é porque alguén estivera supervisando o manexo desa máquina desbrozadora, senón porque, por sorte, o fento e a herba rodeaban os petroglifos en toda a súa contorna, excepto pola parte do sendeiro; a única zona “limpa” na que o conductor do tractor non tivo que poñer en funcionamento os cabezales trituradores.
En conclusión, o conxunto nº1 do conxunto rupestre do Pornedo, un dos máis significativos do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, dos mellor conservados dende o punto de vista da visibilidade dos elementos representados, e dos máis valiosos da bisbarra do Morrazo, ‘sobreviviu’ de casualidade a unha grave neglixencia.
Primeiro, a Comunidade de Montes de San Xulián desmarcárase duns traballos de limpeza realizados dun xeito exemplar un ano atrás. Despois, rexeitou actuar no mantemento do xacemento, que é o que a Lei de Patrimonio lle esixiría como titular dos terreos nos que se atopan estes Bens de Interese Cultural. E o que finalmente aconteceu foi que unha máquina desbrozadora que actuaba no marco dos traballos de adecentamento da pista forestal, a piques estivo de destrozar este singular xacemento.
…Que facer diante deste despropósito?
…Poñelo en coñecemento das autoridades de Patrimonio para que abran un expedente de investigación e diriman responsabilidades?
…Ceder á presión dunha Comunidade de Montes que pon entre a espada e a parede a unha modesta entidade veciñal que traballa a prol da defensa do monte, do seu patrimonio natural, cultural e paisaxístico, ‘so pena’ de non manter os seus compromisos de atención e mellora do legado histórico que atesoura o monte veciñal de San Xulián, a parroquia marinense con maior densidade de xacementos arqueolóxicos?
[…] pois, á Comunidade de Montes, estes traballos. Este agradecemento non lle resta gravidade á neglixencia cometida no desbroce das marxes do camiño que pasa a carón do conxunto rupestre do Pornedo, que a piques estivo de ser […]
By: NOVA SINALIZACIÓN NA PISTA DO PORNEDO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 15/11/2016
at 20:23
[…] Algo semellante sucedera xa cando a Comunidade de Montes de San Xulián realizou o último desbroce nesta zona en outubro de 2016, e -por unha cuarta!- os gravados salváronse de ser triturados polas […]
By: BALIZAN CON CINTA OS PETRÓGLIFOS DO PORNEDO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 08/09/2018
at 22:08