Publicado por: MontePituco | 17/10/2016

‘REXENERACIÓN’ DISFRAZADA

20160815_193719

Primeiro pensamos que viñera un OVNI dende o espazo exterior e que aterrara no val do Pornedo para infiltrarse entre os pro-polígono, tomar mostras da súa corteza cerebral, investigar posibles malformacións na mandíbula que lles impediran pronunciar correctamente a palabra pe-tro-glifo, analizar a súa visceral aversión á saramaganta rabilonga e, con toda a información colleitada, marchar pitando do Planeta Terra para, en chegando á súa galaxia, desenvolver a fume de carozo algún tipo de vacina alieníxena, programa de Matrix ou similar, que impida  que especies intelectualmente avanzadas corran o risco de involucionar ao nivel dos que aquí defenden un polígono industrial nun espazo protexido.

20160815_192729

Logo, seguindo o noso camiño pola pista forestal, pensamos que chegara o Nadal e que Melchor, Gaspar e Baltasar viñeran cargados de cadanseu saco de ouro, incenso e mirra para agasallarllo ao Neno Xesús, que debía estar a piques de nacer na mámoa de Sete Camiños. 

…Pero oh, mágoa! O noso gozo nun pozo cando descubrimos que non viñera ninguna nave espacial e que as únicas criaturas verdes e con aspecto extraterrestre eran as barbantesas de toda a vida que habitan no monte. Tamén levamos un chasco tremendo ao comprobar que non viñeran os Reis Magos, senón unha cuadrilla de traballadores que retiraran neumáticos, plásticos, ferruxe e uns cantos cascallos dun pequeno treito de terraplén á beira da pista forestal do Pituco.

20160815_193756

 

Daquela foi cando nos preguntamos que relación podía haber entre un burato no medio do monte -do que polo menos un directivo da Comunidade de Montes de San Xulián, ao ser advertido no momento desta estraña incidencia, non tiña nin a máis remota idea- e un sospeitoso movemento de terras a pouca distancia dese lugar.

Branco e en botella: unha pa excavadora adentrárase no val do Pornedo, abrírase camiño e furara no medio da explanada para extraer terra que a continuación foi depositada no terraplén.

20160815_192829

Uns días despois comprobamos que continuaran os traballos: que o lugar onde quedara un burato e unha fozada de terróns se estivo traballando en explanar o terreo novamente, coma quen non pasara nada…

dsc_1809

dsc_1810

dsc_1811

Tamén comprobamos que a carón do terraplén remataran de poñer máis pedras, nun hipotético intento de que os vehículos non se achegaran no futuro para baleirar lixo polo desnivel abaixo, e que chantara un poste cun cartel no que se lía:

“Espazo natural rexenerado. Deposita os teus residuos nun lugar autorizado”.

E que para semellante despregue de medios materiais e humanos se mobilizaran recursos da Xunta e -nin máis nin menos- da Unión Europea! Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, para máis señas. 

Entre as letras e os logotipos institucionais ben grandes e a proba de miopes, chamaba a atención -literalmente- a “letra pequena”:

“Recuperación, restauración, adecuación e limpeza de puntos de verquido incontrolado 2016”

dsc_1803

dsc_1804

dsc_1805

…E velaí a ‘nai do año’, na sempre discreta “letra pequena” dos impresos oficiais, dos contratos, das hipotecas, das ofertas do supermercado e, agora tamén, dos carteles dos “espazos naturais rexenerados” pola Xunta con cartos da Unión Europea.

Porque a pouco que calquera se fixe nesta actuación, decatarase de que o que realmente pasou foi que limpar, limparon máis ben pouco; o gordo, e grazas. Adecuar, máis ben adecuaron as máquinas e as ferramentas das que dispuxeron á comodidade dos traballadores ou de quen lles dirixiu a faena. O que se di restaurar, entendido como “volver pór en bo estado” (citando literalmente a definición da Real Academia Galega) un espazo, pois depende. E recuperar, pois non demasiado, tendo en conta que o que aquí fixeron foi, basicamente, BOTAR TERRA enriba dun antigo vertedoiro, tapar o lixo máis disimulable, achandar e sementar herba ou deixar tan a monte como estaba agardando que volvera medrar a herba.

dsc_1764

dsc_1767

dsc_1765

dsc_1766

Nin o ser humano é tan listo, nin a Nai Natureza é tan parva. Así é como coas primeiras chuvias do outono, a auga comeza a abrirse paso e a sacar á luz as ‘vergoñas’ que quixeron esconder debaixo da alfombra. 

…Non viñera ningún OVNI.

…Non era Nadal.

…O que aquí aconteceu foi que chegou o Entroido, e que a Xunta, coa connivencia do Concello de Marín, da Comunidade de Montes ou de quen autorizara e supervisara (ou non) esta actuación, veu traernos unha REXENERACIÓN DISFRAZADA.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: