Publicado por: MontePituco | 15/10/2016

ANTONIO COSTA: A PEDRA DA MOURA ENCANTADA

20161014_205106

Está dando para verquer ríos de tinta -da impresa e da virtual- a “ousadía” do investigador Antonio Costa de cuestionar a veracidade dos estudos que dende hai un século relacionan a chamada Pedra do Labirinto de Mogor coa cultura clásica cretense a través do mito do Minotauro. Costa sostén que a figura representada neste petroglifo é unha serpe e avoga por devolverlle a este senlleiro elemento da arte rupestre galaica a súa denominación tradicional, como Pedra da Moura Encantada.

A raíz da publicación no seu blog, A Cova da Paralaia, da primeira parte dun artigo no que argumenta a súa revolucionaria teoría, foron varios os medios de comunicación de ámbito local que recolleron esta información -que tanto percorrido tivo tamén a través das redes sociais- e aboaron o terreo para servirlle a polémica en bandexa aos que manteñen acerrimamente os postulados que ao longo do tempo foron defendendo Juan Fernández-Gil en 1916, Ramón Sobrino Buhigas no “Corpus Petrogliphorum Gallaeciae” de 1935 e o seu fillo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, Antonio Blanco Freijeiro no artigo “El laberinto de Mogor” de 1958 e, máis recentemente, Antonio de la Peña noutro feixe de publicacións.

Revisitar a historia, despoxarse do lastre dos dogmatismos para achegar outros posibles puntos de vista, e facelo de xeito documentado, amosando respecto polos antecesores na construcción do relato histórico, é unha práctica que non abunda e que se debería agradecer cando do que se trata é de ensanchar os horizontes do coñecemento.

Por iso sorprende (ou non) que na charla organizada polo Club de Opinión Portocelo na que Antonio Costa expuxo as súas hipóteses alternativas non faltase quen, dende a familia Sobrino, se tomasen as novas propostas de Costa como un ataque á profesionalidade de Ramón pai e Ramón fillo, e pouco menos que unha ofensa á súa honorabilidade.

Lonxe diso, Antonio Costa tivo que insistir en explicitar a súa admiración e recoñecemento ao legado material e intelectual que os Sobrino deixaron, sen xulgar en ningún momento os motivos ou circunstancias que puideran ter levado aos teóricos precedentes a decantarse por esa vía da estreita vinculación do petroglifo de Mogor coa cultura grega.

 

dibujo

Reprodución do artigo de Antonio Costa no seu blog, “A Cova de Paralaia”.

 

Tal vez se en vez de falar de “manipulación gráfica” na reprodución dos gravados para xustificar a súa orixe cretense, Antonio Costa tivera empregado algún eufemismo, atribuíndolles o uso dunha ‘licenza poética’ máis propia de poetas ou narradores que de arqueólogos, non se tería levantado ningunha poeira, nin se tería ferido ningunha susceptibilidade. Pero a valentía de chamarlle ás cousas polo nome que un cre que lle corresponden, de ir de fronte sen temor a cambadelas colaterais, de desmarcarse da ‘zona de confort’ e asumir con audacia as críticas que encenden os ánimos dos que ven en tela de xuízo a liña oficial, ten a súa peaxe. Parte desa peaxe rozou a fronteira mesmo do persoal, nalgunhas reaccións un tanto desafortunadas que se puideron ler a raíz desta controversia.

Unha mostra máis de que na sociedade actual o exercicio da discrepancia segue levantando ampolas; que o debate está ben, pero sen que saia dun guión predeterminado.

Por iso chamou a atención que, no mellor do coloquio, cando se poñía en tela de xuízo o papel da Administración local na protección e conservación dos petroglifos de Mogor en particular ou do resto do patrimonio arqueolóxico do municipio en xeral, o intercambio de opinións quedase interrompido en base ao rebasamento do horario ou o asunto en cuestión excedía o ámbito temático da conferencia.

De feito, o propio Antonio Costa comezou por aí a súa intervención, amosando a súa disconformidade coa actual política de xestión do patrimonio arqueolóxico; unha opinión que xa formulara previamente nunha entrevista publicada no Diario de Pontevedra o propio día da charla:

“No podemos olvidar que los petroglifos de Mogor no son los únicos que hay en Marín. Debe de haber cerca de 50, si no más, pero están abandonados y completamente olvidados”.

Unha afirmación na que abundou ao ser preguntado pola “razón dese abandono”:

“Que las instituciones no tienen ningún interés en cuidar nuestro patrimonio. Es la Xunta de Galicia la que está obligada a protegerlo, pero no le da la gana, no quieren que nuestra historia se conserve, porque si tienes todos los medios y recursos para cuidar algo y no lo haces es que no quieres que perviva. Ya lo dijo en una ocasión un concejal de Marín: ‘«As pedras son pedras»’. Esa es la filosofía y lo que ha provocado que, con todo lo que tenemos aquí, los únicos petroglifos conocidos sean los de Mogor. Por eso se creó la plataforma SOS Arte Rupestre, a la que nos hemos sumado un montón de colectivos que creemos que es imprescindible conservarlo y solicitar la declaración de Patrimonio de la Humanidad, porque tiene delito que todo el arte rupestre de la Península Ibérica tenga ese distintivo menos el de Galicia. El arte levantino, la cornisa cantábrica, el valle del Duero… todos cuentan con esa protección de la Unesco, pero en Galicia no se ha dado ningún paso para que esto se consiga”.

En DEFENDE O MONTE PITUCO facemos nosas as palabras de Antonio Costa. Non para subestimar a importancia dos petroglifos de Mogor; ao contrario, para lamentar que, con toda a trascendencia que teñen, o Concello de Marín os teña actualmente desprotexidos dende o punto de vista urbanístico clasificando como “solo urbano consolidado” o terreo no que se atopan.

Como tamén nos queixamos de que, dende o punto de vista da política cultural municipal, a ‘sombra’ dos petroglifos de Mogor eclipse a enorme riqueza rupestre marinense, comezando polos xacementos de San Xulián, a parroquia coa maior densidade de gravados.

E se lamentamos que os petroglifos de Mogor se atopan en “solo urbano consolidado”, non podemos menos que laiarnos de que os petroglifos do Pornedo, de Sete Camiños e de Pinal de Caeiro estean afectados pola catalogación dun polígono industrial no seu ámbito de protección, cando a escasos metros, cruzando o límite do Concello de Pontevedra, o territorio colindante no tempo municipal pontevedrés está declarado como “de interese arqueolóxico”.

Ese foi o debate que non puido ser, que quedou aberto por falta de tempo, porque non se cinguía ao tema da charla ou porque, tal vez, como a teoría do trazo serpentiforme do famoso petroglifo de Mogor, a alguén lle molesta escoitalo.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: