A Mancomunidade de Montes de Pontevedra vén de organizar unha segunda edición das Xornadas de Custodia do Territorio percorrendo unha parte do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Para iso, contou coa colaboración da Fundación Biodiversidade, co apoio da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra e co patrocinio de Decathlon España. Nesta ocasión, foron os integrantes da Asociación Pedaladas os que puideron gozar dunha experiencia en contacto coa natureza para dar a coñecer o labor dunha das comunidades de montes máis activas de Pontevedra: a Comunidade de Montes de Salcedo. O seu presidente, Fernando Pintos, e outros membros da directiva, foron os anfitrións dun roteiro que percorreu algúns puntos máis significativos do cambio que experimentou este monte comunal.
Fernando Pintos explicou cal é a nova relación coa Brilat dende que os tribunais lle devolveu á veciñanza de Salcedo a propiedade dos terreos que ocupa a base militar. Dende entón, a Comunidade de Montes vén destinando o aluguer que recibe do Ministerio de Defensa a recuperar os terreos que resultaran degradados coas manobras de adestramento, a construcción da aldea afgá ou do campo de tiro, entre outras agresións. Plantación de castiñeiros e outras árbores autóctonas, eliminación de especies invasoras, apertura de novos sendeiros, recuperación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico e etnográfico…
Petroglifos do Campo de Tiro
Aspecto actual do antigo campo de tiro da Brilat. O actual campo de tiro trasladouse a unha parte superior do monte, alonxada das vivendas.
Parada a caron da Fonte da Prata
A Comunidade de Montes de Salcedo está poñendo un empeño especial na erradicación de especies invasoras, principalmente das acacias, unha praga que ocupaba unha extensa superficie. Na súa eliminación está traballando unha empresa que utiliza produtos químicos para ir secando as plantas.
Fernando Pintos anunciou que o próximo 1 de decembro celebrarase unha visita nocturna ao conxunto rupestre de Chan das Mouras, guiada polo arqueólogo e divulgador Xosé Lois Vilar, do Instituto de Estudos Miñoranos. O presidente da Comunidade de Montes de Salcedo tamén precisou que se vai proceder á limpeza do xacemento nos días previos a esta actividade, para o que se recorrerá a medios manuais.
Integrantes de Pedaladas aproveitaron unha parte do percorrido para realizar unha acción simbólica de extracción de acacias e de especies invasoras nunha superficie reforestada con piñeiros.
“En agradecemento a todas as persoas que se manifestaron en defensa deste monte comunal”
É o lema do monumento instalado este verán pola Comunidade de Montes de Salcedo no lugar que antes ocupaba a aldea afgá construída pola Brilat. Nesa acción resultara arrasada a mámoa de Louredo.
Tempo de fungos no monte de Salcedo
Flora do Monte de Salcedo e charca de xuncos nos Pozos Doces
Flora no regato das Frailes
Neste terreo estaban construídas as edificacións onde os militares adestraban combate en poboación. A Brilat desmantelou o campamento urbán.
Deixar unha resposta