
Moita atención á desfeita que se está consumando no castro da Subidá! Esta actuación, que forma parte dun plan de musealización -máis ben de urbanización- de 17 xacementos castrexos na provincia impulsado pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento, vén de causar moita polémica en Toiriz (Silleda) e Alobre (Vilagarcía).

En Marín as obras tamén avanzan coa mesma feitura que, por riba, está provocando unha homoxeneización (anti)estética dos xacementos castrexos, privándoos de cadansúa fisonomía orixinal: bloques de pedra serrada deitados arbitrariamente na terra formando un sendeiro innecesario, construcción de muros e terrazas ao longo da ladeira, bases de formigón a escasa distancia de gravados rupestres e das propias estruturas habitacionais… e o máis sorprendente: o proxecto inclúe a plantación de especies de xardinería ornamental que non pintan nada nun monte de carballeira galega natural.
Este proxecto está xerando moito malestar entre a veciñanza, mesmo co rexeitamento de profesionais da arqueoloxía razoablemente alarmados polo que consideran unha aberración: gastar recursos na urbanización dun xacemento tan importante que o único que necesitaba era mantemento e financiación de futuras campañas de excavación para seguir botando luz sobre a historia de Marín…
Como habitantes de San Xián, parroquia á que pertence a zona na que se están desenvolvendo as obras, Defende o Monte Pituco reclama a paralización deste despropósito e a reformulación do proxecto en termos sensatos que non deturpen a esencia deste espazo natural e patrimonial situado visualmente enfronte do Pornedo. Cabe preguntarse onde están os partidos políticos deste pobo, silenciosos e inmóbiles, sen reaccionar ante semellante chafallada pola súa complicidade coas siglas que gobernan no Goberno central, na Xunta, na Deputación e no Concello.



[Fotografías de María López]
Deixar unha resposta