Publicado por: MontePituco | 27/09/2021

RUTA POLOS MONTES E MÁMOAS DO MORRAZO

Lagoa de Castiñeiras

Vanse cumplir 10 anos dende a creación da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, que xurdiu como reacción social contra o proxecto de instalación dun parque eólico en Pedras Negras. Unha década despois, os muíños de vento seguen ameazando o país, mais a Plataforma Montes do Morrazo continúa co seu labor reivindicativo e, sobre todo, divulgativo, dando a coñecer a importancia, ambiental, paisaxística e cultural da bisbarra. A primeira andaina do outono percorreu boa parte do territorio no que se atopan as mámoas catalogadas nas parroquias de San Martiño e Santa Cristina de Cobres no concello de Vilaboa, e mais San Tomé de Piñeiro e San Xián de Marín no municipio de Marín, enmarcadas en solo rústico de especial protección de espazos naturais, paisaxístico, de augas e patrimonial.

Chan de Castiñeiras ou da Castiñeira -fitónimo con clara referencia á antiga presenza do castiñeiro nesta contorna- está ubicada nunha penechaira a uns 400 metros de altitude sobre o nivel do mar entre os altos de Castiñeiras, da Graña, de Outeiro dos Asubións e de Coto Redondo; acolle tamén o nacemento do rego de Castiñeiras, principal afluente do rego Lameira, cuxa desembocadura está na ría de Pontevedra, ao carón do núcleo urbano de Marín.

Conta con dous espazos: as brañas de Castiñeiras e a propia lagoa de Castiñeiras, integradas no Inventario de Zonas Húmidas de Galiza. Destacan pola presenza de flora de turbeira e específica de zonas húmidas e de fauna, tanto invertebrada como vertebrada, representando hábitats naturais prioritarios a nivel europeo, con especies de fauna e flora endémicas e vulnerables a nivel ibérico.

Contorna da lagoa de Castiñeiras

A lagoa, procedente dun intento inicial de aproveitamento hidráulico, é un espazo artificial construido a principios dos anos 40 do século pasado.  Dende aí comezou a creación do parque forestal circundante ata o alto de Coto Redondo, no marco da política repoboadora a nivel forestal que levou a cabo de xeito intensivo nos montes do Morrazo o goberno estatal da ditadura franquista. Esta iniciativa remontábase a un proxecto experimental realizado anteriormente na ditadura de Primo de Rivera, chegando con diversas aportacións ao longo do tempo ata o presente, sendo xestionado en principio polo Patrimonio Forestal do Estado, posteriormente polo ICONA e, a partir dos anos oitenta, co réxime democrático vixente, pola Xunta de Galiza a través da Consellería de Agricultura, Gandeiría e Montes e da Consellería de Medio Ambiente.

Desde mediados desta década pasada son as comunidades de monte veciñais en man común de San Tomé de Piñeiro e San Xián (Marín) e San Martiño e Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) -copropietarias dos terreos- as que ostentan a xestión trala fin dos convenios que tiñan coa Administración autonómica.

O parque forestal destaca pola presenza, a nivel botánico, de aproximadamente medio cento de especies de árbores e arbustos dos cinco continentes (cipreses, cedros, tuias, alerces, abetos, araucarias, carballos americanos, liquidámbar, castiñeiros, bidueiros,…) xunto con outras especies naturalizadas como salgueiros e ameneiros do bosque de ribeira correspondente á conca alta do rego de Castiñeiras. No seu momento, ao carón da construción da lagoa, realizouse tamén un proxecto de cría de troitas, do que se conservan as instalacións das antigas presas pola canalización das augas procedentes dos mananciais naturais da zona húmida do lugar.

A nivel cultural e arqueolóxico destaca pola presenza prehistórica de nove mámoas megalíticas adscritas ao Neolítico: oito nomeadas como Chan de Castiñeiras e outra máis denominada mámoa de Pedralonga, esta última gravemente afectada pola construcción dunha estrada proxectada pola Xunta. Dúas delas, a Mámoa do Rei e a de Pedralonga, ademais de conservar boa parte da estrutura lítica do dolmen -principalmente a primeira desde que foi restaurada en 2003- están catalogadas como Ben de Interese Cultural (BIC) por conter gravados rupestres no interior dos esteos dos seus dólmenes.

Asemade, existe unha mámoa coa cámara tipo cista, de enterramento individual, de cronoloxía algo posterior. A maioría posúen cámara de enterramento con corredor de entrada; boa parte delas están sen a penas estrutura do seu dolmen, conservando as correspondentes fosas de delatación na base do túmulo, e a cronoloxía da súa construción está por riba dos 5.000 anos de antigüidade.

En fase histórica é de salientar que o lugar da Fonte de Castiñeiras serviu de referencia para o marco divisorio ou Cruz do Termo, onde se dividían -desde o Medievo e durante o Antigo Réxime- a antiga xurisdición de Marín a través do Couto do mosteiro de Oseira; a do Morrazo, á que pertencía a parroquia de San Tomé de Piñeiro; e a de Pontevedra, á que pertencía a parroquia de San Martiño de Vilaboa, xunto coa súa parroquia anexa de Santa Cristina de Cobres. En 1836, cando se constitúen os novos concellos constitucionais, as parroquias de San Martiño de Vilaboa, Santa Cristina de Cobres, San Tomé de Piñeiro e San Xián avíronse -tras séculos de conflitos polo aproveitamento dos recursos (predominio do monte e a roza, estivada e gandeiría extensiva sobre o uso forestal)- a un acordo notarial sobre a delimitación dos seus montes comunais, do que aínda se conservan de xeito renovado algunhas pedras fincadas coa funcionalidade de deslinde no terreo e marcadas a cadanseu lado coa letra inicial de cada parroquia, segundo a orientación da propiedade. 

Así mesmo, existe a Pedra do Corvo, onde unha gran coviña esculpida na rocha a golpe de pico e cincel nun pequeno outeiro con execlente panorámica sobre a Chan de Castiñeiras, deslindou no pasado as parroquias de San Martiño de Vilaboa e de Santa Cristina de Cobres.

Por outra banda, en Chan de Castiñeiras consérvanse os restos de antigas cortellas: pequenas cortes cos seus peches de pedra que tiñan a funcionalidade de acoller en séculos pasados o gando, principalmente cabras e ovellas. Nunha pequena elevación sobre o terreo consérvase o topónimo afín de Outeiro das Cortellas.

En Chan de Castiñeiras tamén se atopan gravados rupestres modernos realizados nas pedras ao longo do século pasado polo veciño marinense José Meijón.

A pouca distancia, no Río de Arcos, nun cruce de camiños dentro da conca alta do río de Campolongo, afluente do Río Maior cuxa desembocadura está na Zona de Especial Conservación (ZEC) da Enseada de San Simón, existe unha pedra fincada que fai a función de soporte dunha fonte. Trátase, en realidade, do esteo dunha mámoa, motivo polo que está inventariado como achado solto de Chan de Castiñeiras, onde probablemente se atope a súa ubicación orixinal.

Entre o Monte das Barreiras, orónimo referente á existencia de barro ou arxila que era usado antigamente para a construción e a fabricación de fornos, e A Cavada Grande, agrónimo referente ao vello costume de cavar ou cachar o terreo, na aba sur do alto de Coto Redondo, esténdese unha densa comunidade -única no Morrazo- de carrasca ou urce vermella: mato duns dous metros de altura  que pasa por ser un endemismo da metade occidental ibérica e noroeste africana, cuxa distribución morracense dase case exclusivamente nesta zona dentro da conca do rego de Campolongo.

Urce vermella (Erica australis)

Tamén é salientable a variada presenza doutras especies de matogueira (queirogas, carqueixas, toxos…) dentro do hábitat de interese comunitario da breixeira seca europea que acolle igualmente unha variada e interesante fauna vertebrada e invertebrada. Outros hábitats de interese comunitario existentes no lugar e por toda a contorna son as pendentes rochosas silíceas con vexetación casmofítica e os rochedos silíceos con vexetación pioneira.

Nesas zonas de monte baixo e sen arborado, o Monte das Barreiras, a uns 375 metros sobre o nivel do mar, posúe por outra banda unhas espectaculares panorámicas da conca do val do Río Maior e da enseada de San Simón, coa illa homónima no fondo da ría de Vigo. A nivel forestal sobresaen as plantacións forestais con especies frondosas autóctonas, en especial de carballos e castiñeiros, xunto coa presenza naturalizada da sobreira que, nesta zona preto do cercano núcleo rural do mesmo nome na lindeira parroquia de San Adrián de Cobres, ten tamén unha das máis importantes dentro da súa distribución a nivel morracense, asociado coa carballeira termófila e bioindicador da influencia climática mediterránea no sur e occidente de Galiza.

Panorámica da Ría de Vigo dende o Monte das Barreiras

A ribeira alta do rego do Portiño, tamén chamada a nivel zonal como río de Miñotos, afluente do Río Maior, posúe unha incipiente e excelente carballeira salvaxe dentro do hábitat de interese comunitario das carballeiras galaico-portuguesas. Entre o seu sotobosque distínguese a presenza do sanguiño e da pereira brava, que dá nome a algúns fitónimos na contorna.

Mámoa de Chan da Armada (foto, Paulo Troitiño)

A Chan da Armada e Outeiro de Ombra, entre os 375 e os 425 metros de altitude sobre o nivel do mar, no límite entre as parroquias de San Tomé de Piñeiro (Marín) e de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), acollen unha importante área arqueolóxica coa presenza de sete mámoas -cinco de Outeiro de Ombra e dúas de Chan de Armada- adscritas ao Neolítico. Destaca a presenza dunha das mámoas da Chan da Armada -nun estado de conservación moi deficiente- pola estrutura do seu dolmen e pola especificidade de que os seus esteos e pedra cobertora son de xisto, cando polo xeral soen ser de granito. A utilización de xisto na contrución da mámoa está relacionado co predominio da rocha metamórfica na zona, dentro do complexo xeolóxico Vigo-Pontevedra. A zona próxima de Abadín sobresae tamén pola abundancia mineral de pedras de seixo, que mesmo dá nome ao lugar de Seixos de Abadín, dentro da microtoponimia a nivel local.

Na área da Chan da Armada tamén hai inventariados un xacemento e un achado solto adscritos ao Calcolítico, onde se atoparon cerámicas lisas e campaniformes cunha antigüidade duns 4.500 anos. Tamén se atoparon coitelos de silex, ao igual que nos enxovais funerarios dalgunhas das mámoas da contorna, polo que ao ser este material escaso ou praticamente inexistente no Morrazo, denota que xa desde tempos remotos existía un certo comercio das comunidades humanas locais co exterior. 

As mámoas de Chan de Castiñeiras, xunto coas de Chan de Armada e Outeiro de Ombra, forman parte da Ruta das Mámoas do Morrazo que, complementándose coas de Chan de Fonteseca, Lagucheiros e Chan de Arquiña, suman 20 mámoas e un percorrido de 7,7 quilómetros. Proxectouse por iniciativa institucional a mediados da década pasada con fondos europeos a través da Fundación Comarcal do Morrazo, coa participación das comunidades de montes de San Xián de Marín, San Tomé de Piñeiro, San Martiño de Vilaboa, Santa Cristina de Cobres, San Adrián de Cobres, Meira e Domaio; os concellos de Marín, Vilaboa e Moaña; e as Consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura da Xunta de Galiza, mais non chegou a rematarse. Lamentablemente, dese proxecto de posta en valor só queda a plantación forestal de frondosas como adecuación ambiental na súa contorna e algunas intervencións puntuais e por separado nos xacementos, a cargo das comunidades de montes propietarias.

Panorámica da Ría de Pontevedra dende a Barreira do Redondo

Na Barreira do Redondo, situada na metade da ladeira norte do alto de Coto Redondo a uns 450 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre plantación mixta de especies forestais, destaca a presenza arbustiva do érbedo entre a matogueira. Neste punto admíranse unhas extraordinarias panorámicas dos Montes do Morrazo, coa Serra Domego e o alto de Coto do Home, o Monte Formigoso, Outeiro de Campolongo, Os Pedrouzos, Monte Penizas, Monte da Cova e Sobareiro, o val do rego Neibó-Loira, e a ría de Pontevedra co Salnés e as Illas Ons ao fondo.

As principais afeccións nas últimas décadas á contorna dos montes e mámoas do Morrazo, pertencentes aos espazos naturais dos Montes do Morrazo e Coto Redondo segundo o Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza e das antigas Normas Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra, foron as cortas abusivas, a intensificación dos monocultivos forestais e a eucaliptización, a invasión das acacias, as verteduras de lixo e de entullos, a instalación de torretas e cableados aéreos de tensión eléctrica, a instalación de granxas de visóns e o abandono e degradación do patrimonio natural, forestal, cultural e arqueolóxico.

De cara ao futuro, as principais ameazas son a Área de Desenvolvemento Eólica que proxecta varias ubicacións alternativas de aeroxeradores polos cumes dos altos da Graña, Castiñeiras e Coto Redondo, máis a proximidade do parque eólico de Pedras Negras pola Serra Domego, xunto cod proxecto de investigación mineira denominada Miñán, non só para a extracción de granito ornamental senón tamén o de exploración para enerxía xeotérmica a nome de Caldelas.

En marzo de 2012 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza a ampliación da Rede Natura cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) que, co nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, recollese -segundo as antigas normas subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra- os espazos naturais dos Montes do Morrazo que, xunto co de Coto Redondo, acollían a totalidade da contorna destes montes e mámoas do Morrazo, máis o do Carballal de Coiro e outros ampliables, por considerarse uns espazos naturais de alta importancia ambiental como corredor ecolóxico.

Por outra banda, a solicitude dun Espazo Natural de Interese Local (ENIL) dirixida á Xunta de Galiza por parte do Concello de Marín co apoio das comunidades de montes de San Tomé de Piñeiro e de San Xián para o territorio marinense en torno ao parque forestal da lagoa de Castiñeiras, ademais de non corresponder cun verdadeiro espazo natural, queda escaso; para iso tería que acoller a parte correspondente ao concello de Vilaboa a través das comunidades de montes de San Martiño e de Santa Cristina de Cobres.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo é partidaria de que o ENIL fose moito máis amplo abranguendo os concellos de Marín, Vilaboa, Moaña e Pontevedra: así, enlazaría cun corredor ambiental e cultural formado polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños entre os montes das parroquias de Salcedo, Lourizán e San Xián a través da área patrimonial rupestre da Carrasca e Champás con Chan de Castiñeiras; e a través da Ruta das Mámoas do Morrazo coas áreas circundantes de As Cavadas, A Graña, Os Pedrouzos, Outeiro dos Asubións, Monte das Barreiras, Chan da Lagoa, Pedras Negras, Corno Pineda, Coto do Home, Faro de Domaio, Monte e Chan de Gagán e Monte Formigoso; para conectar finalmente a través das ribeiras altas coas concas naturais dos regos Cubela, Louriñas, Lameira, Loira, Trasmil, Río Maior, Miñouva, da Freixa, Barranco do Faro e da Fraga.

[Texto de Cándido Martínez, da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: