[Animámoste a ler este ‘dobre’ relato: en negro, o texto conmemorativo dos 10 anos desta bitácora; en azul, algúns aspectos da situación actual do monte na perspectiva da década transcorrida]
Tala a matarrasa realizada o pasado verán pola Comunidade de Montes na ladeira do Pornedo e nunha ampla extensión adxacente. Feita unha recente repoboación cunha técnica de regos lonxitudinais que causaron unha gran erosión e escorrentía tralos últimos temporais, como resultado da cal parte dos plantóns de piñeiro quedaron asulagados pola terra.
“O Monte Pituco está en perigo”. É a frase que inaugurou, o 29 de decembro de 2009, o blog Defende o Monte Pituco. As palabras daquel primeiro artigo abrollaron da necesidade, da anguria e da indignación entre as paredes dun pequeno habitáculo marinense, que foi a cociña de centos de publicacións, ducias de solicitudes e laboriosas alegacións administrativas durante os primeiros anos desta lideira. O esforzo físico, mental e económico realizado foi ímprobo; incuantificables os días e as horas dedicados, solitariamente, co único propósito de frear o proxecto de construcción dun polígono empresarial que tería arrasado o ‘balcón da ría’.
E froito dese traballo incansable malia os numerosos atrancos, máis a profesionalidade dun equipo xurídico experto e comprometido, ese obxectivo acadouse oito anos despois, con senllas sentenzas firmes do TSXG contra o Concello de Marín e a Xunta ordeando a anulación daquel despropósito. Quedaron desacreditados aquel alcalde que sistematicamente se negou a recibirnos para evitar dar unhas explicacións das que carecía, aquel edil de Parques e Xardíns segundo o cal o Pituco era o sitio “máis chan” de todo Marín para construír ese equipamento, aquel concelleiro de Urbanismo de dubidosa pelaxe nacionalista disposto a “desafectar” o Pituco do Espazo Natural dos Montes do Morrazo se tal figura de protección ambiental fose un impedimento na viabilidade do polígono, aquela alcaldesa que presumía de que o Goberno galego o incluía nun plan sectorial autonómico…
Neste recheo realizado durante a construcción da Variante de Marín foi soterrado o petróglifo da Pena que quedou pendente de catalogación. As mesas, os asadores e a fonte que se instalaran como ‘compensación’ foron desmantelados e trasladados parcialmente á arboreda do Pituco, a carón da estrada.
Tamén quedaron en evidencia a Comunidade de Montes de San Xulián que ansiaba cuantiosos ingresos, unha asociación veciñal e varias empresiñas que alegaron “a favor” da construcción do parque industrial, e algún que outro baldreu que -a falta de argumentos reais- utilizaba as redes sociais para intentar desacreditar e calumniar.
Tradicionalmente o Pornedo foi lugar de extracción de pedra para a construcción de vivendas e outros usos vencellados á actividade agrícola. O colectivo Monte Pituco ten elaborado unha proposta de roteiro para poñer en valor as antigas canteiras, contribuíndo así a potenciar o valor histórico e cultural desta área e o uso social do monte.
Mágoa que nestes dez anos perderamos piares comprometidos na defensa do monte: dona Esmeralda Ruibal, Saturno Vidal e Xan Montenegro non puideron celebrar connosco os éxitos desta ardua loita da que foron partícipes.
Durante a loita contra o polígono tamén se denunciou a inadmisible situación na que se atopaba a ladeira do Pornedo, convertida nun circuíto ilegal e contaminante de motorismo. Aínda que na actualidade segue habendo quen circula de xeito irregular, foi posible erradicar esa práctica masiva e recuperar a vexetación e o uso agrogandeiro do espazo para a veciñanza da contorna.
Tamén quedaron polo camiño figuras cuxos intereses -cambadelas incluídas- ían por outros derroteiros; o tempo sempre acaba poñendo a cada quen no seu lugar.
Porque o que cómpre destacar e agradecer nesta década é a bagaxe positiva: os paseos nas fins de semana -con sol e chuvia, vento e néboa, calor e friaxe- e nos poucos momentos de lecer que converteron o Pituco no monte máis fotografado en moitos quilómetros á redonda; todo o aprendido en materia de flora e de fauna grazas aos libros consultados e ás ensinanzas das persoas expertas que nos asesoran; o patrimonio inmaterial, etnográfico e arqueolóxico descuberto malia o precario estado de conservación no que se atopa polo nulo interese da Comunidade de Montes propietaria dos terreos e das Administracións responsables de velar pola protección dos Bens de Interese Cultural catalogados; ter recuperado a conexión coa natureza e coa paisaxe a través do contacto directo e emocional coa terra, co aire, coa luz do sol, co ceo estrelado, cos regatos e mananciais…
O conxunto rupestre do Pornedo é un dos xacementos senlleiros desta paraxe, pertencente ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. A Comunidade de Montes de San Xulián, que chegou a adherirse á iniciativa das comunidades veciñas de Salcedo e de Lourizán na súa posta en marcha (impulsada inicialmente por unha comisión técnica da que formou parte o colectivo Monte Pituco), desmarcouse.
E sobre todo, o maior premio desta longa etapa ten sido a oportunidade de coñecer a especialistas en tantas áreas de coñecemento: arqueoloxía, historia, antropoloxía, ciencias naturais, topografía, dereito, literatura… de forxar amizades incondicionais coas que seguir aprendendo e compartindo andainas, inquedanzas, curiosidades, preocupacións… de ternos mirado no espello doutros colectivos que nos precederon en causas semellantes e nos que atopamos simpatía e alento…
O rego das Presas está ameazado pola intención da Comunidade de Montes de construír un depósito de auga contraincendios, malia a cercanía doutras captacións. Unha zona sensible dende o punto de vista do caudal hídrico que abastece a veciñanza, e das especies de fauna e flora que habitan nesta zona, non se debe alterar por capricho.
O Monte Pituco segue en perigo. Non imos ser tan inxenuos crendo que todo está feito e xa podemos dar por pechada esta batalla… porque a guerra segue! As ameazas vense vir no horizonte por parte daqueles que hai dous anos viron cercenada a súa cobiza, daqueles que nos vetan e censuran, daqueles que buscan a vinganza e a represalia arrimándose ao poder político e económico.
Fronte aos que conspiran nas oficinas e nos despachos por reducir a cinzas o labor destes 10 anos só cabe seguir alerta, velando por este territorio con agarimo e constancia, traballando co mesmo rigor e seriedade para prever e combater futuras agresións, dando a coñecer o ‘balcón da ría’ para que un espazo que antano estaba abandonado siga recibindo cada vez máis visitantes que veñen gozar dos seus valores naturais e culturais.
Vémonos no monte!
GRAZAS!
Deixar unha resposta