O Museo Manuel Torres de Marín acollerá a partir deste domingo 15 -véspera do Día do Patrimonio- a exposición “10 anos na defensa do Monte Pornedo”, organizada polo Colectivo Monte Pituco no marco das “IV Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián”. A mostra, que se poderá visitar ata o 29 de novembro, consta de preto de 60 pezas, entre fotografías, ilustracións, cerámicas e arte en pedra inspiradas na paisaxe e na riqueza cultural da contorna, xunto con elementos da natureza procedentes do “balcón da ría”.
Participan artistas como Belén Padrón, Laura Romeu, Laura Freire, Juan Rivas, Francisco Ameixeiras e o obradoiro Alén das Olas; tamén hai achegas dos expertos en patrimonio local e comarcal Antonio Costa, Antonio de la Peña, Paulo Troitiño e Cándido Martínez, xunto con imaxes de Francisco Currás e María López. Non faltan as homenaxes ao dirixente veciñal e activista cultural Xan Montenegro e ao mestre entusiasta da arte rupestre Carlos Paratcha. A mostra complétase cun percorrido visual pola traxectoria reivindicativa do Colectivo Monte Pituco contra as agresións que ameazan este espazo, coa anulación do proxecto de instalación dun polígono industrial como principal logro.
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e a Rede do Patrimonio Cultural de Galicia apoian a realización destas xornadas arredor do Día do Patrimonio. O Colectivo Monte Pituco é unha das entidades adheridas á Rede que, co gallo desta efeméride, organizan unha vintena de actividades a nivel galego para dar a coñecer o acervo cultural -tanto material como inmaterial- do país e sensibilizar a cidadanía sobre a importancia de preservar e difundir ese legado.
OUTRAS ACTIVIDADES
Ademais da exposición “10 anos na defensa do Pornedo”, o Colectivo Monte Pituco tamén ofrecerá unha charla a través da súa canle en Instagram -@obalcondaria- o vindeiro venres 20 de novembro ás 20:00 horas para facer balance dunha década de traxectoria que comezou a principios de 2010 realizando accións de promoción da riqueza natural, paisaxística e patrimonial deste enclave pertencente ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo, de defensa fronte ás iniciativas urbanísticas promovidas polo Concello de Marín e pola Xunta, e de denuncia das afeccións, como as verteduras ilegais e o abandono dos xacementos arqueolóxicos por parte da Comunidade de Montes de San Xián, entre outras problemáticas.
O Colectivo Monte Pituco culminou os seus obxectivos coa obtención -a finais de 2017 e a principios de 2018- de dúas sentenzas firmes nas que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordéalle ao Concello de Marín que retire a actual clasificación desta zona como solo industrial, e á Xunta que a exclúa do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais. Dende entón, esta organización vén esixindo o cumprimento dos mandatos xudiciais, ao tempo que reclama a reactivación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, do que forma parte o monte veciñal de San Xián, xunto cos territorios veciños de Salcedo e Lourizán.
A pesar das restriccións motivadas pola pandemia, o Colectivo Monte Pituco segue apostando pola “cultura segura” con todas as medidas de protección sanitaria e anima a visitar a exposición no Museo Torres de xeito individual ou en grupos de persoas conviventes, ademáis de sumarse á retransmisión da charla. A programación destas xornadas “de resistencia” completarase -cando as autoridades volvan permitir as xuntanzas- cunha futura andaina polo monte de San Xián visitano os achados de arte rupestre máis recentes nesta parroquia, que a nivel local conta coa maior densidade de xacementos arqueolóxicos.
Deixar unha resposta