Publicado por: MontePituco | 01/11/2020

ACTUALIZACIÓN: IV XORNADAS DE PATRIMONIO DE SAN XIÁN

ATENCIÓN: Nas últimas horas o Concello de Marín vén de actualizar o regulamento de uso das instalacións municipais, anunciando que “na Biblioteca Vidal Pazos e no Museo Torres non se poderán facer actividades en grupo, a non ser de que se trate dun grupo de convivintes”. Dende a Concellería de Cultura comunícasenos que se mantén a exposición programada a partir do día 15 deste mes no Museo e que se anula a charla programada para o 20 de novembro na Biblioteca. Esta última realizarase de forma virtual a través do Instagram Directo de @obalcondaria a partir das 20:00h. A andaina prevista para o sábado 21 tamén se suspende debido ás restriccións sanitarias estipuladas pola Xunta.

Animamos a todas as persoas interesadas a visitar a exposición “10 anos na defensa do Pornedo” a partir do domingo 15, ben de xeito individual ou en grupos de conviventes. Tamén facemos un chamamento a seguir, a través de Instagram, a charla na que repasaremos a traxectoria desta última década de traballo, cos logros acadados e as recentes descubertas relacionadas co patrimonio da parroquia.


Este 16 de novembro celébrase o Día Internacional do Patrimonio Mundial e xa estamos traballando para organizar -se a pandemia o permite!- as “IV Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián” de Marín, que contan coa colaboración da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e da Rede do Patrimonio Cultural de Galicia . Levamos 10 ANOS NA DEFENSA DO PORNEDO e queremos compartir a nosa experiencia coidando e aprendendo cada día máis do ‘balcón da ría’ cunha exposición no Museo Manuel Torres, do 15 ao 29 deste mes; unha charla o venres 20 ás 20h na Biblioteca Municipal, con aforo limitado; e se as restriccións de reunión se rebaixan, completariamos as Xornadas cunha andaina polo monte de San Xián o sábado 21 a partir das 10h dende o adro da igrexa parroquial.

Para iso cómpre sermos tod@s moi responsables no cumprimento das medidas sanitarias para frear a expansión do virus. Só desa maneira será posible evitar o confinamento nos fogares como recurso extremo; só así as empresas e os pequenos negocios seguirán operativos; só así se poderán manter as actividades culturais. Este é un reto colectivo que cómpre afrontar con solidariedade, paciencia e sentidiño.

A expensas de como evolucione a situación e das instruccións das autoridades sobre os protocolos e as normas a seguir, as persoas interesadas -neste momento, só do ámbito de Marín, Pontevedra e Poio a causa do peche perimetral destas tres localidades- poden inscribirse en montepituco@gmail.com. Seguiremos informando…


Respostas

  1. […] 15 ao 30 de novembro– IV XORNADAS POLA PROTECCIÓN E POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO DE SAN XIAN- Organiza Asociación Monte Pituco. Exposicións, andainas, e charlas online. Toda a info https://montepituco.com/2020/11/01/iv-xornadas-de-patrimonio-de-san-xian/ […]


Deixar un comentario

Categorías