Publicado por: MontePituco | 26/11/2017

VALORACIÓN DAS XORNADAS POLA PROTECCIÓN DO PATRIMONIO DE SAN XIÁN

Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián (Foto: Fran Currás)

AS XORNADAS POLA PROTECCIÓN E POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO DE SAN XIÁN DEPARAN NOVOS ACHADOS ARQUEOLÓXICOS NA PARROQUIA MARINENSE

“A parroquia de San Xián ten os mellores petróglifos, os máis singulares e coas mellores ubicacións en beleza paisaxística”, afirmou o investigador e divulgador Antonio Costa nas ‘Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián’. Esta iniciativa da Asociación Monte Pituco e da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo deparou novos achados no legado arqueolóxico desta parroquia marinense: a representación dunha punta de alabarda no grupo número 4 do xacemento da Carrasca e a figura doutra arma no grupo 6 dese mesmo conxunto rupestre, ademais da localización de restos de cerámica preto do asentamento prehistórico de Pelagartos cuxa orixe -castrexa ou medieval- terán que determinar os expertos.

A ‘barferencia’ que impartiu Antonio Costa na Adega A Capeleira permitiu descubrir elementos “inéditos” nos gravados rupestres catalogados en San Xián grazas á técnica da reconstitución dixital en tres dimensións. Costa ten rexistrado con esta metodoloxía arredor dun cento de petróglifos, principalmente no Morrazo, tomando unha media de 100 fotografías de cada un que logo son procesados durante horas cun novidoso sistema informático baseado nun “modelo de puntos”.

Nesta ocasión, a súa intervención centrouse principalmente na análise dos complexos rupestres da Carrasca e de Champás, dos que a Asociación Monte Pituco e a Plataforma Montes do Morrazo solicítanlles á Comunidade de Montes de San Xián e ao Concello de Marín a súa incorporación ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e a conexión desta ruta co Lago de Castiñeiras.

Así, o material gráfico proxectado por Antonio Costa na súa charla e as “sorpresas” que xurdiron nalgunas desas imaxes, foron un anticipo da ruta de sendeirismo realizada ao día seguinte dende a igrexa parroquial ata os xacementos comentados na charla. Guiada por Cándido Martínez, da Plataforma Montes do Morrazo, e polo experto en patrimonio Paulo Troitiño, destacou a visita a un novo petróglifo reticular descuberto por este último na zona da Carrasca; o único destas características do que hai constancia en toda a bisbarra.

Ás actividades programadas nestas Xornadas asistiron representantes do Colectivo A Rula de Compostela, Irmandade Illa de Tambo, A Pedra Foxám, Vaipolorío, o Grupo Cultural Ronsel de Seixo, Queremos Galego Marín, Alén das Olas e A Forneiriña, entre outros. Precisamente, dende esta última organización lamentouse que a Xunta só dedicou “nos últimos catro anos oito euros a cada estación de arte rupestre”, segundo os datos obtidos da Administración galega.

Tamén se cuestionou a xestión do Goberno local de Marín en materia de protección e conservación do patrimonio, en tanto “só se promocionan os petroglifos de Mogor, o castro da Subidá e agora semella que tamén a pedrafita de Currás”, sinalou Antonio Costa, cando no ámbito municipal hai documentados máis de medio cento de gravados rupestres, os máis deles na parroquia de San Xián, nunha situación de total abandono.

A Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo fan unha valoración moi satisfactoria destas Xornadas, que terán continuidade no futuro. As descubertas realizadas no grupo rupestre da Carrasca logo de sometelo á técnica da reconstitución dixital seranlle notificadas á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e á Concellería de Cultura de Marín para que as novidades detectadas sexan contrastadas polos técnicos e incorporadas aos inventarios oficiais

Coas ‘Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián’ rematou a campaña de actividades impulsada dende a Rede do Patrimonio Cultural á que pertence a Asociación Monte Pituco, arredor do Día Mundial do Patrimonio, e na que colaboraron unha trintena de entidades de toda Galicia organizando máis de corenta accións de divulgación, promoción e sensibilización.

Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián (Foto: Fran Currás)

[Fotos: Fran Currás]


Respostas

  1. Parabens po la laboura seguimos adiante.

    • Moitas grazas! Claro que seguimos adiante. Queda moito por facer! Saúdos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: