Publicado por: MontePituco | 28/04/2011

POLÍGONO DE BARRO-MEIS: O QUE MAL EMPEZA…

Louzán con cara seria. José Antonio Landín botando as mans á cabeza. O presidente da Deputación de Pontevedra e o alcalde de Barro están a pasar por un apuro. Xa o di o refrán: o que mal empeza, mal acaba. O tempo dos prazos legais apremia e estas Administracións provincial e local teñen que mover ficha ante a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula o plan sectorial de Outeda-Curro pertencente ao polígono industrial de Barro-Meis.

O que mal empeza, mal acaba, e o recurso de 95 veciños foi capaz de pararlle os pés a un Goliat chafalleiro que empezou a casa polo tellado. Por iso é inadmisible que o rexedor municipal cargue agora contra eles co argumento demagóxico e apocalíptico dos postos de traballo que poderían esfumarse se o parque empresarial non segue adiante.

Tamén aos afectados polo polígono industrial que proxecta o Concello de Marín no Monte Pituco nos acusan de insolidarios e irresponsables por opoñernos á creación de emprego. Táchannos de ecoloxistas radicais porque defendemos a conservación dun monte fronte ao maná celestial que reportaría a instalación de fábricas e naves. Repúdiannos porque obstaculizamos que a Comunidade de Montes e a parroquia se cubran de billetes caros mentres nós protexemos unhas pedras “que non dan de comer”.

…Pero temos razón. Como a teñen os veciños de Barro que se plantaron contra a xestión apresurada e deficiente das Administracións que, coa encomiable excusa de favorecer o desenvolvemento industrial e económico da zona, obviaron trámites e requisitos de cumprimento ineludible para que as obras se axustaran á máis estricta legalidade. E o TSXG avalou os seus argumentos. Como a teñen os veciños de Placeres que rexeitaban o paso do tren ao porto de Marín polo medio e medio da praza. E o Tribunal Supremo tamén se puxo do seu lado.

Este mes vai un ano que DEFENDE O MONTE PITUCO leva tecleando instancias que presenta puntualmente no Rexistro do Concello de Marín. O seu destinatario é o alcalde Francisco Veiga, que nunca se dignou en contestar nin branco nin negro, nin frío nin calor, nin si nin non senón todo o contrario. A única vez que se pronunciou, e porque Marinenses Independentes lle formulou unha pregunta formal no Pleno da Corporación, foi para dicir que xa nos atendera por teléfono e ao pé dunhas escaleiras. Un alcalde que cada vez que abre a boca é para dicir “hi-hooo”, para ornear, non merece ocupar un posto de representación cidadá. Porque vetar, censurar, ignorar e despreciar uns veciños críticos coa súa xestión é tanto como coller a democracia e o estado de dereitos, botalos ao retrete e tirar da cadea.

E iso non se lle pode consentir. Tanto ten se somos 95 veciños como se somos 5.

(Informe de Alberto Castroverde en La Voz de Galicia, 27 de abril de 2011).

(Informe de Alberto Castroverde en La Voz de Galicia, 28 de abril de 2011: “Barro-Meis plantea dar la vuelta en seis meses al batacazo legal“).


Responses

  1. […] POLÍGONO BARRO-MEIS: O QUE MAL EMPEZA… […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: