Publicado por: MontePituco | 27/04/2011

HERBA DA PAMPA, ESPECIE INVASORA

Hoxe é noticia que no municipio veciño de Pontevedra a Concellería de Medio Ambiente Natural vai pór en marcha unha campaña informativa e de concienciación sobre os efectos negativos das especies invasoras, tanto vexetais como animais, que se instalan no noso territorio e ameazan a biodiversidade autóctona. No de Marín, por máis que se gaba de ter un feixe de certificados, empezando polo EMAS e rematando polo MACT, a Concellería de Medio Ambiente (a secas) non tivo na súa axenda iniciativas deste tipo para erradicar as especies foráneas en favor da protección das propias (e iso que a concellería é de signo nacionalista); nin os interesantes programas de andainas que se realizan en Pontevedra por diferentes fragas da provincia para conmemorar o Ano dos Bosques; nin os obradoiros de entomoloxía ou de herbarios que si houbo no concello veciño para as persoas interesadas na natureza… Que clase de medio ambiente se xestiona en Marín? O de burocracias, despachos e diplomas que lle custan unha pasta gansa ao erario público?

Ademais dos eucaliptos, outra das plantas invasoras máis incómodas que se instalaron no Monte Pornedo é a herba da Pampa ou cortaderia. A colonia máis abondosa desta praga atópase a carón da variante de Marín, no recheo sobre o que se asenta a “área recreativa” do Pornedo. Con razón, esta especie orixinaria de Arxentina aparece espallada dende hai máis de 20 anos nas beiras de estradas e autoestradas. E o motivo de que chegara ao Pornedo non é outro que a procedencia da terra coa que se fixo ese aterramento. No seu día, a Comunidade de Montes de San Xulián estivo encantada da vida cando a empresa que executaba as obras da variante lle montou aí un merendeiro con mesas, bancos, árbores e fonte (hoxe en estado total de abandono e pasto do vandalismo máis salvaxe).

…De paso, como quen non quere a cousa, aterraron un petroglifo. Pero por desgraza, estas críticas non son nada ben recibidas por parte dos seus destinatarios, que se ofenden moito ao teren a fonda convicción de que todo canto fan está super-ben-feito. Onde antano había unha carballeira nunha vaguada sombriza, agora hai un monte de terra infestado de cortaderias e codesos, un desagüe de formigón para darlle saída ás trombas de auga que baixan do monte cando hai temporal, e unha pista tan empinada que parece a subida ao Angliru e pola que un dos veciños do Caeiro ten o acceso á súa vivenda.

Volvendo ao rego: as especies dañinas. Velaí no Monte Pornedo ducias de penachos pampeiros, que florecerán a partir de agosto, producindo milleiros de sementes que se dispersarán co vento a longa distancia. En Pontevedra fixeron números para exterminala na Illa das Esculturas e na Xunqueira de Alba, posto que para conseguilo cómpre arrincala de raíz e queimala; e tres cuartos do mesmo van facer tamén na marisma de Ponte Muíños. Mentres, en Marín, a herba da pampa segue “pampando” ás súas anchas porque a Concellería de Medio Ambiente (a secas) bastante ten con erradicar da praia da Coviña os restos do cachalote requeterresucitado.

Quen teña interese na problemática das especies invasoras pode asistir á conferencia que van impartir a bióloga Saleta González e o profesor de Ecoloxía Evolutiva e Conservación da Universidade de Vigo, Adolfo Cordero, este venres 29 a partir das 20:00 horas no Centro Sociocultural NovaCaixaGalicia. As sesións informativas repetiranse en datas sucesivas nas parroquias rurais pontevedresas, que se completarán co reparto de carteis e trípticos nos que se citan a falsa acacia (robinia), o bambú, a mimosa, o xacinto de auga, a egeria, a tartaruga americana ou sapoconcho de Florida, o cangrexo americano ou o carpín.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: