Publicado por: MontePituco | 11/04/2011

EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO

Cando o pasado verán DEFENDE O MONTE PITUCO presentaba alegacións ás Directrices de Ordenación do Territorio -e con nós, tamén outras entidades da bisbarra- abogábase xa pola protección integral dos Montes do Morrazo. Agora, dez colectivos únense para crear unha Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo: Almuinha. Ronsel, Parapente Morrazo, Colectivo Nacionalista de Marín, Luita Verde, Anuxía, Foro Social, Plataforma Praza Os Praceres e Defende o Monte Pituco.

Polígonos industriais por canto recuncho hai, desafección de espazos naturais que antano contaban con figuras administrativas de protección ambiental, e agora un decreto eólico que pretende chantar un feixe de muiños nun dos curutos máis emblemáticos desta península, no corazón das Rías Baixas. Os concellos de Marín, Bueu, Moaña, Vilaboa e Cangas teñen unhas paisaxes privilexiadas, uns montes que, cunha correcta xestión, poderían ser un referente a nivel económico e sostible. Cunha ordeación axeitada e racional do territorio, o progreso e o respecto polo medio natural poden ser compatibles. Por desgraza, os Gobernos locais e autonómico móvense por intereses electoralistas e escuros compromisos coas grandes corporacións. Aos cidadáns non nos queda máis remedio que plantarnos, erguernos e unirnos cando se eses intereses e eses compromisos chocan cos nosos dereitos e cos nosos principios.

PLATAFORMA EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO

O espazo natural dos Montes do Morrazo, no que se solapa o de Cotorredondo, abrangue 1032 Has. de solo protexido a nivel provincial compartido polos concellos de Marín, Moaña e Vilaboa. Nel e entre afloramentos graníticos están ubicados:

Os cumios da comarca, Faro, Coto do Home e Cotorredondo, a máis de 600 metros de altitude con fermosas e amplas vistas panorámicas das Rías Baixas, Illas Atlánticas e serras do interior de Pontevedra ata Ourense e Portugal.

As áreas arqueolóxicas dos Sete Camiños e as de Chan de Castiñeiras, de Armarda e de Arquiña, que a parte dos gravados rupestres representa como máximo valor a práctica totalidade da arte megalítica existente na comarca e un referente tamén a nivel galego.

Os parques forestais e áreas de lecer de Castiñeiras e de Chan de Arquiña, de gran interese botánico, social e cultural.

Os nacementos dos ríos Lameira, Loira, da Fraga, Barranco do Faro, Caiauga, da Freixa, Miñouba, Riomaior e Toimil coas súas áreas de ribeira de interese natural, fluvial, hídrico, etnográfico e incluso marisqueiro por formar algúns intermareais nas das súas desembocaduras.

Bosque autóctono e de repoboación xunto con outras de mato e pasteiros en monte privado e mancomunado de interese natural, forestal e gandeiro.

As brañas de Castiñeiras e de Corno Pineda, incluídas xunto coa lagoa de Castiñeiras no inventario de humidais de Galicia.

O GR59 Roteiro Ecolóxico do Morrazo, como principal arteria do sendeirismo na comarca, asimesmo como roteiros sinalizados de bicis de montaña e puntos de salto aéreo de parapente.

Sen embargo e sumado ás afecións consumadas de saturación paisaxística e electromagnética de antenas de telecomunicacións e o impacto medioambiental producido pola construción do corredor de alta capacidade do Morrazo, dentro dun modelo de desenvolvemento claramente especulativo e totalmente insustentable, están as ameazas futuras dun parque eólico de 42 MW aprobado pola Xunta de Galicia en Pedras Negras, entre os cumios do Faro e o Coto do Home, un parque industrial de 229.330 m2 no monte Pornedo planificado polo concello de Marín no seu PXOM , e un macroparque industrial de 1.500.000 m2 aprobado pola Xunta de Galicia que conxugaría o de 460.000 m2 planificado polo concello de Moaña a traveso do seu PXOM na Cruz da Maceira e o de 1.152.021 de m2 planificado como reserva na Pastoriza polo concello de Marín no seu PXOM máis o desdobramento do corredor de alta capacidade en autovía e as obras de ampliación da estrada PO-313 Marín-Moaña contempladas no Plan Vigo Íntegra, agora Plan Move.

A protección actual deste espazo natural, solo rústico de proteción de espazos naturais, proíbe calquera actividade industrial no terreo protexido.

Ademais este espazo é susceptible de cumprir cos parámetros para a entrada nunha futurible ampliación da Rede Natura europea dadas as súas condicións bioxeográficas, tanto pola existencia de fauna e flora silvestre como de hábitats naturais prioritarios no seu seo.

E por engadido pasa por ser xunto co Carballal de Coiro, carballeiras de Cela, Ardán e Pastoriza, serra da Magdalena, montes de Varalonga, Borrallido e Campelo , montes do Hio, monte de Tirán, Outeiro de Campolongo e monte Cernello, monte das Penizas, montes Sobareiro e da Cova dende Loira ata a praia do Santo, monte de Cabalo, e as áreas fluviais de ribeira dos vales contíguos, un corredor ecolóxico necesario para conectar coas rías de Vigo e Pontevedra e cos espazos da Rede Natura existentes no litoral da comarca e península do Morrazo da Enseada de San Simón, Costa da Soavela e Cabo Udra, dentro dunha comunidade autónoma que destaca tristemente por estar ao rabo do Estado e de Europa en proteción de espazos naturais.

Polo arriba citado e máis solicitamos que se cumpra coa legalidade e se proceda á protección íntegra, real e efectiva do espazo natural Montes do Morrazo.

Publicado por: MontePituco | 08/04/2011

ALTO DO PORNEDO (V): AS FERIDAS

Dáme alento para seguir, dáme o teu feno, o teu argazo, a túa desolada fronte mordida por lamas interiores con que te desprendes e caes contra o mar, na ledicia de quen che quere toda urbana e sen figura, de quen se achega aos cons e bate palmas para espantar as aves:

que as túas silveiras lle entren na casa e lle esgamen as flores postizas, que os sapos poboen o seu maxín de frautas enlamadas, que os teus abesouros non lle deixen durmir, e que, despois, toda a galipota do mar se apegue, insolúbel, aos pés dos visitantes.

Pois debo seguir, vento enchoupado en bágoas de nubes furtivas, sombra xemente a petar nas portas, brétema dos teus bronquios entupidos, ventá que abre por demanda de alguén que expira, fornos abandonados esperando, cúpula de pozos mariños, serventío de matogueira.

a que xente, a que familia lle serás entregada pro indiviso, quen puxo codicilos nas túas últimas vontades, a quen lle legas o teu lombo para a primeira decrúa de pervertido esquecimento, en nome de que reino, ou de que amaño, mudas comigo de era e, declinando, nos afundimos nas brañas como entón, pero agora de todo, nos perdemos extintos, antes de que nos sanguen?

Pero ti dáme alento para seguir.

(Xabier R. Baixeiras, de “Beira Norte”).

Publicado por: MontePituco | 07/04/2011

ALTO DO PORNEDO (IV): DENDE O MIRADOR, A RÍA

Tódolos días a luz roza

as follas das árbores

e as ponlas ondean coa brisa

os rumores turban

o silencio

e xurden as cores e a alegría

tódolos días o serán

declina lentamente

e o brillo serodio da paisaxe

anuncia o aire da noite

e medra a escuridade.

(Xosé M. Costa, de “A alba e o crepúsculo”)

Publicado por: MontePituco | 06/04/2011

ALTO DO PORNEDO (III): PATRIMONIO RUPESTRE AMEAZADO

…unha luz agachada nos perfís dos obxectos

irisada no húmido

da arboreda de auga

bosque sagrado para quen aprenda

en cada raia un pulso

unha man doutro tempo

punzando no granito

o signo da memoria

 

laxe para quen saiba

esquecer e aprender da transparencia

das augas que asolagan

o centro do misterio

líquida flor que espella

os ollos de quen fita

 

labirinto de inverno no devalo da tregua

 

(Fermín Bouza Álvarez, de “Labirinto de inverno”)

Publicado por: MontePituco | 05/04/2011

ALTO DO PORNEDO (II): GANDO MOSTRENCO

É relativamente sinxelo chegar ata as árbores,

ata a súa altura indiferente.

Agora ben, non é alí onde queda máis salientable

o baleiro, a desprotección?

O home que acade os lindes do bosque

exponse entón a ser sustituído por una imaxe,

polo lento significado do tempo…

(Ricardo Martínez-Conde, de “O silencio das árbores”)

Publicado por: MontePituco | 04/04/2011

ALTO DO PORNEDO (I): REFORESTACIÓN

Para tomar aires puros

quero as alturas dos montes;

e río para bañarme,

qu’auga trai de moitas fontes.

(Cantiga popular, século XIX)

 

Publicado por: MontePituco | 01/04/2011

EU SON DE AQUÍ

eu son de aquí

desta raíz de nogueira

que fende

o mar

desta carriza

orientada ao inverno

desta mera

son de aquí

sombra dos días

que andei

tan

de aquí

lento veleno

na gorxa

e mortal

os meus restos

son esta casa

de espellos

mudos

que me crean

(Rafa Villar, “Casa ou sombras”)

Publicado por: MontePituco | 31/03/2011

AMIGO VEIGA

Publicado por: MontePituco | 30/03/2011

MAR-IN SOBRE O CHAN INDUSTRIAL

Publicado por: MontePituco | 29/03/2011

LEI DE AUGAS: CHARLA NA BIBLIOTECA

 

O Colectivo Nacionalista, Redes Escarlata, Fronte Popular Galega e Adiante convócannos a unha charla-coloquio sobre a Lei de Augas, mañá mércores día 30 ás 20:00 horas na Biblioteca Pública de Marín.

Contaremos coa participación de Manuel Docampo, da executiva do Sindicato Labrego Galego, organización integrada na Plataforma Galega contra a Lei de Augas. Explicaranos os perxuízos que ocasiona esta lei -recentemente aprobada no Parlamento galego- a todas as persoas, como consumidores dun ben que é a auga, as repercusións do canon, e a posibilidade que se abre de privatizar todo o relacionado co subministro e mais co consumo de auga. 

Pretendemos con este acto clarificar o que representa esta lei, sacando o debate da loita electoral e partidaria, tal e como se veu facendo en Marín por diversos partidos políticos. Convidamos a todas as persoas interesadas en clarexar as súas dúbidas sobre a lei, a que asistan a este acto e participen con preguntas e opinións.

Publicado por: MontePituco | 28/03/2011

SEPRONA + POLICÍA = MOTOS FÓRA

 

…Vivimos no monte máis seguro do país. Nunca tal se viu no Pituco, con semellante despregue das Forzas e Corpos de Seguridade. Os coellos, os raposos, os cabalos, as abellas, as formigas, non falan doutra cousa. O motivo? O de sempre: motoristas a fume de carozo ladeira p’arriba e p’abaixo, queimando combustible, curvas, voltas e reviravoltas, pinchacarneiros e derrapes, labrando a terra coas rodas, facendo surcos cada vez máis fondos no terreo, estragando un espazo natural que non hai forma de rexenerar se os pilotos de motos e quads non deixan este monte tranquilo dun raio dunha vez. Será por queixas, por denuncias, por broncas! E chegamos xa a un punto de inflexión, de non-retorno. Presentouse a ocasión inmellorable para petar no chan co pé firme e berrar “non pasarán”.

Esa ocasión protagonizárona dous motoristas que chegaron ao Alto de Pornedo, aparcaron un dos vehículos case enriba dos petroglifos, usaron unha póla de piñeiro a modo de percheiro, e puxéronse a rodar por alí coma se nada. Como se o monte comunal non tivera dono. Como se as pedras e os gravados rupestres de 3.000 anos de antigüidade non mereceran un respecto. E que pasou? Que chegou a Policía Nacional de Marín. E detrás o Seprona de Cangas. E entre uns e outros léronlles a cartilla aos motoristas.

…Que non se pode circular cunha moto sen seguro!!!

…Que está prohibido rodar polo monte agás por pistas habilitadas para o tránsito de vehículos.

…Que esas pistas son vías públicas e, como tales, non se pode atentar contra a seguridade do tráfico circulando a gran velocidade e facendo manobras temerarias.

…Que ese “circuito” (entre aspas) existente no Monte Pituco é ilegal, creado impunemente polos pilotos sen autorización ningunha, está vixiado polo Seprona, que realiza patrullas habituais pola zona.

Javier e compañía pertencen a un colectivo amplo -e respectable- de afeccionados ao motor. Láianse de que carecen de espazos para exercitarse. Pero de ningún xeito non están lexitimados para practicar onde lles pareza, porque alguén lles dixo ou lles deixou de dicir. Recoñeceron que nunca houbo conversas coa Comunidade de Montes de San Xulián e, aínda que as houbera, o resultado ía ser nulo: na última asemblea os comuneiros opuxéronse á presenza de motos e quads no Alto de Pornedo polos graves danos que provocan. Por riba, a instalación dun posible circuito motorístico non lle compete ás comunidades de montes, senón á Xunta, que ten que autorizalo en función de criterios de medio ambiente e patrimonio. E de ningunha maneira o Alto de Pornedo se axusta a esas condicións, pola presenza de elementos arqueolóxicos catalogados, declarados Bens de Interese Cultural (BIC), arredor dos cales existe un amplo perímetro de protección. Ao que cómpre engadir que a zona foi reforestada e, polo tanto, a práctica motorística é agresiva coas especies arbóreas que pretenden sobrevivir nese entorno que os pilotos converten en hostil.

Javier e compañía “pagaron o pato” ao seren interceptados polo Seprona. Agora arríscanse a unha sanción por actuar con irresponsabilidade e neglixencia. O que lles honra é seren educados e comprensivos coas explicacións que lles deron os axentes e, sobre todo, os veciños e os integrantes da comisión do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Cando menos non reaccionaron con agresividade e prepotencia, coma o cenutrio aquel que se puxera en pé sobre os pedais do seu quad, nun intento inútil de amedrentar a quen teclea estas liñas, cando lle foi chamar a atención porque non podía seguir minando a terra “a lo bestia” e metendo un barullo infernal no monte.

Dende DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), e como parte integrante da comisión a prol da creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, volvemos reiterar o noso firme rexeitamento a que este monte sexa a pista de probas indiscriminada dos afeccionados ao motor que tanto levan danado o lugar a sabendas da irregularidade que cometen circulando fóra das rutas permitidas. Insistimos na nosa estricta determinación de alertar a Seprona, Policía Nacional e cantas autoridades haxa ao alcance, para denunciar os motoristas que irrompan no Alto do Pornedo ou no Monte Pituco cos seus vehículos.

E non rematamos este relato sen volver criticar a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián pola súa indolencia, o seu desinterese e a súa desidia ante un problema prioritario e do que os comuneiros teñen manifestado a súa fonda preocupación. Urxe unha actuación -coordinada ou supervisada pola Dirección Xeral de Montes ou a entidade competente na materia- para rexenerar este sufrido espazo. Os propios axentes do Seprona aconsellan que non se deixe a zona no seu estado actual, cheo de fochancas, coa terra poirenta e vencida pola erosión, susceptible de chuvias e riadas que converterían a zona nun barrizal improdutivo. Urxe tamén a sinalización do espazo, prohibindo expresamente a práctica motorística, ou adoptando medidas para impedir o acceso de motos e quads ao Alto do Pornedo. É de vergoña allea que os veciños teñamos que facer o traballo destes directivos lacazáns que, de non facer nada ao respecto, tamén merecerían unha denuncia por omisión e mesmo complicidade cos infractores.

Agardamos que esta mensaxe calle nos seus “destinatarios” e que a experiencia que vimos de expoñer, e mesmo de retratar con imaxes, sirva para COMEZAR A ERRADICAR DEFINITIVAMENTE esta práctica reprobable. Por último, e non menos importante, agradecer a dilixencia dos axentes -tanto do Seprona como da Policía Nacional de Marín- que se persoaron no Monte Pituco.

Publicado por: MontePituco | 26/03/2011

…APAGHACHES A LUS?

Publicado por: MontePituco | 25/03/2011

NOVA DIRECTIVA DA AAVV SAN XULIÁN

 

A Asociación de Veciños de San Xulián ten unha nova xunta directiva. Velaquí a súa composición: Presidente, Xan Montenegro. Vicepresidente, Santiago Medina. Tesoureira, Rosa Recamán. Secretaria, Lucinda Montenegro. Vocais, Raúl Mesías, José Garrido, Saturno Vidal. Desexámoslles un ano de boa xestión, boa sorte coas institucións e pacencia cos (des)gobernantes. Tamén é momento de agradecerlle ao anterior presidente, Saturno Vidal, a súa adicación nestes últimos anos; pedirlle que apoie o novo equipo achegando a súa experiencia e os seus consellos; e que se coide, que a saúde é o primeiro.

Na asemblea anual (cousa que non fai a Comunidade de Montes de San Xulián, que leva desde decembro de 2009 sen convocar os comuneiros para aprobar as contas e expoñer o balance da súa xestión), a AAVV San Xulián explicou cales foran os motivos dos escritos presentados ante o Concello de Marín, a Deputación de Pontevedra, a Xunta e a Subdelegación do Goberno. Un dos aspectos máis comentados foi a miniaudiencia que lle concedeu o alcalde, Francisco Veiga, aos representantes da AAVV San Xulián, que se queixaron da “pobre inversión nesta zona durante estes catro anos, que se limitou á mellora do alumeado, do servizo de auga e sumidoiros na Grela, e no arranxo -que non era urxente nin prioritario- de dous lavadoiros”.

O resume da xuntanza elaborado pola AAVV San Xulián continúa así:

“Houbo duras críticas polo perigo que supón o abandono da estrada Marín-Figueirido, e a tomadura de pelo do proxecto de aceras que o Concello de Marín e a Deputación non puxeron a andar porque non lles deu a gana, pois nestes catro anos adicáronse a pelexar coma os nenos do colexio.

En canto á situación de abandono do colector xeral do alcantarillado da Pena, do Valado, e dos pozos de rexistro situados no mesmo cauce do río Lameiriña, á concelleira de Medio Ambiente, Pilar Blanco, e aos técnicos brillantes que a asesoran, quedoulles a cabeza aliviada.

Tamén se deu conta da preocupación motivada pola Lei de Augas, dando lectura da carta enviada polo conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández. Pedimos seriedade e respecto, e que o Concello de Marón non se adique a pagar información feita sen rigor e sen o aval dos técnicos xurídicos e económicos do Concello. Que o alcalde a avale coa súa sinatura. E se os seus socios queren enviar os seus panfletos, que os paguen do seu peto. Cos cartos de todos non se xoga nin se fai uso perverso para fins exclusivamente electorais e partidistas”.

Xan Montenegro e as persoas que completan a directiva teñen un obxectivo claro para este ano: a instalación das beirarrúas. Os dirixentes da AAVV San Xulián dan aos organismos implicados neste proxecto -Concello e Deputación- un prazo de cinco meses para desbloquear este tema tan demorado. Non se descarta convocar actos de protesta se no mes de setembro a situación segue igual de inmóbil.

Iso é o que cómpre nesta parroquia: un movemento veciñal unido e sólido, con iniciativas, con capacidade de presión ante as institucións. Unha asociación de veciños é un instrumento sumamente útil para o dinamismo da parroquia, por iso non se pode deixar que este colectivo esmoreza, todos os veciños e veciñas deberían participar, intervir, opinar, propoñer, criticar, aportar… en definitiva, exercer como cidadáns, espertar, loitar.

Publicado por: MontePituco | 24/03/2011

ROTEIRO POLO ESPAZO SETE CAMIÑOS

Agardemos que non chova este sábado, porque a Asociación Cultura Almuinha organiza unha andaina polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, un proxecto que apoian unha vintena de colectivos sociais e que pretende revalorizar unha ampla superficie de monte pertencente aos concellos de Marín, Pontevedra e Vilaboa, poñendo en valor os seus recursos arqueolóxicos, etnográficos, paisaxísticos e ambientais. Almuinha, a Asociación de Veciños de San Xulián, o colectivo Ronsel e DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) están entre as organizacións que respaldan decididamente esta iniciativa.

O roteiro partirá ás 10:00 horas da mañá dende a área recreativa do Pornedo (na estrada de Marín a Figueirido, tómase un camiño de terra que se atopa, subindo á dereita, a pouca distancia da saída da variante). Cunha lonxitude aproximada de 7 quilómetros, o itinerario pasará polos elementos máis representativos deste espazo: os complexos rupestres de Piñeiral do Caeiro, e do Alto de Pornedo, os petroglifos de Sete Camiños, de Cachada do Vello e de Pumariño, o complexo rupestre de Regato dos Buratos/Outeiro da Min, as mámoas da Lagoa nº1 e nº2, e de Catadoiro. Son elementos arqueolóxicos que plasman a pegada da prehistoria na nosa bisbarra.

Precisamente, sobre prehistoria vai tratar a primeira charla dun programa de divulgación que, ao longo de todo este ano 2011, vai organizar a Asociación Cultural Almuinha para abordar as distintas etapas da historia de Galicia. O historiador e arqueólogo Xosé Lois Vilar, do Instituto de Estudos Miñoranos, falará sobre a etapa primitiva, que abarca dende a aparición do home ata a invención da escritura, a través dos restos arqueolóxicos conservados. A recomendabilísima intervención de Xosé Lois Vilar será mañá venres, 25 de marzo, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Marín.

Publicado por: MontePituco | 23/03/2011

O PP DE MARÍN SOBRE O ‘POLÍGONO’ NO PITUCO

O Diario de Pontevedra publica hoxe unha ampla información sobre a comunicación enviada polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, a respecto do proxecto de polígono industrial no Monte Pituco, que conta co absoluto rexeitamento deste colectivo veciñal, avalado polos datos dos estudos técnicos que desaconsellan semellante actuación nesa zona. Nesta ocasión, é a voceira do PP de Marín e candidata dese partido á alcaldía de Marín, María Ramallo, quen expón as súas consideracións sobre este tema tan complexo e á vez tan sinxelo: dende o noso punto de vista, a elección do emprazamento é errada por motivos técnicos e ambientais, pola afección ás propiedades e aos acuíferos, pola desfeita que conleva no patrimonio cultural e, por tanto, só cómpre o estudo dun espazo que garanta a viabilidade da que carece o Monte Pituco para albergar unha instalación de tipo empresarial/industrial/loxística. María Ramallo coñece de primeira man os motivos de DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) para esixir a protección desta zona, porque estivo á fronte da Autoridade Portuaria e porque puido comprobar in situ o que reiteradamente expoñemos, malia a cerrazón do alcalde e do goberno local: a forte pendente da zona, o seu valor paisaxístico, a riqueza forestal, o potencial turístico da arte rupestre, e un longo etcétera de razóns.

Tralas súas recentes declaracións nunha entrevista xornalística, María Ramallo fainos un repaso do panorama, xa coñecido. A continuación, polo interese informativo que representan, reproducimos as súas palabras, que nos tomamos a liberdade de traducir ao galego.

“Existe un documento de inicio aprobado polo Consello da Xunta de Plan sectorial de solo empresarial de Galicia. Este Plan está en fase de elaboración, pero no documento de referencia aparecían dúas zonas que tocaban a Marín: 1.- Plataforma Pontevedra-Marín, e 2.-a zona Marín-Moaña.

Ámbalas zonas aparecen pendentes de estudarse dende o punto de vista da viabilidade técnica e económica de demanda de empresas, laboura que se está facendo por parte da Xunta de Galicia, e que aínda non está finalizada. En ámbalas zonas non se nomea nin Pituco, nin Pornedo, nin Pastoriza, é dicir, será o estudo o que determine finalmente a súa ubicación e, sobre todo, a súa dimensión, de acordo con criterios técnicos e económicos.

As razóns polas que falo das dúas zonas son por coherencia e por lóxica, porque sempre falamos, pendentes de que se estuden, e porque malia que existe un estudo da Autoridade Portuaria de Marín do ano 2000 onde as pendentes e as dificultades do terreo imposibilitaban construir un parque empresarial na zona de Pituco/Pornedo, así se mantivo no planeamento de Marín: unha zona empresarial no Pituco, máis propiamente no Pornedo.

Dende o Congreso en Madrid aprobouse unha iniciativa do PP onde lle pediamos á SEPES, xa que naquel momento gobernaba o bipartito na Xunta de Galicia e os seus plans en canto a zonas empresariais e industriais eran outras, como se lembrará, que se iniciara un estudo, que todos os partidos apoiaron, coa única condición de que se pedira por parte do Concello de Marín; petición que nunca se cursou a pesar de que durante varios plenos se lle fixo reiteradamente a petición ao alcalde. Despois de máis de 2 anos, probablemente saberiamos algo máis dende o punto de vista técnico de cada zona.

Como estamos hoxe: pendentes de que o PXOM se lle mande á Xunta de Galicia onde, despois da tramitación da avaliación ambiental estratéxica, se deixou para este momento o entrar a valorar moitas das obxeccións que se lle poñen, en concreto, á zona delimitada no Plan no Pituco-Pornedo como zona industrial. Ese momento non chegou, porque o Plan de Urbanismo segue estando no Concello, pendente de varias cousas, que non procede agora analizar.

A Consellería de Medio Ambiente terá que analizarlas, ao igual que terá que definir as zonas que poden ser viables e que aparecen sen concretar expresamente no Plan sectorial de solo empresarial.

(…) Entendo que pouca máis información podo engadir, ao estar aínda sen producirse os avances agardados no plan e estar sen concretar as zonas específicas que se desenvolverían cun plan sectorial, ou supramunicipal, que aparecen temporalmente nos anos 2012-2015.

Sempre mantiven o que dixen na entrevista, tendo en conta que hai máis de 7 anos, o partido que se interesou por levarlle ao equipo redactor do plan a zona de Pastoriza foi o PP con Santiago Pazos e Benito Touriño; que posteriormente se agrandou esta idea, ao enterarnos dos traballos avanzados que tiña en Moaña o grupo de empresarios que promove esta zona empresarial que delimitaría coa nosa”.

Un dato a maiores que non se apunta na comunicación escrita de María Ramallo pero que si verbalizou nun encontro recente, foi que probablemente a Xunta podería ter rematado a finais deste mesmo ano ese estudo de viabilidade ao que se refiren tanto Agustín Hernández como a propia voceira municipal popular. Ata entón, só cabe seguir apuntalando os argumentos evidentes que plasmou a Autoridade Portuaria hai xa dez anos, advertindo da inviabilidade económica dun polígono no Pituco; reforzando a proposta de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños; e denunciando a falta de diálogo do Goberno local de Marín, especialmente, do alcalde.

Non obstante, chama a atención tamén o xeito de “envolver” a realidade por parte da clase política. Entre o conselleiro de Medio Ambiente e a voceira municipal do PP a interpretación dunha mesma realidade é diverxente: unha plantexa o que o outro obvia, mareando os afectados con verborreas, medias verdades e vericuetos lingüísticos. Por iso a política nunca será política, entendida como un xeito de “axudar” a cidadanía, mentres non haxa políticos que se expresen con claridade, autenticidade e honestidade. Pode parecer utópico, mais por iso a política chegou a tal nivel de desprestixio social.

Publicado por: MontePituco | 22/03/2011

URXE UNHA DEMANDA XUDICIAL, XA

Publicado por: MontePituco | 21/03/2011

DÍA FORESTAL MUNDIAL

21 de marzo, equinoccio da primavera, celebración do Día Forestal Mundial. Con máis motivo, este ano a Organización das Nacións Unidas declarou 2011 como Ano Internacional dos Bosques. DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) reivindica nesta xornada que se protexa a superficie forestal da nosa parroquia, que se reforce o seu potencial para producir madeira de calidade, unha fonte de riqueza estratéxica para o desenvolvemento e o futuro económico da parroquia, aplicando criterios de sostibilidade e biodiversidade. Cómpre un cambio na xestión forestal nos montes de San Xulián, cunha aposta decidida pola recuperación das masas de árbores autóctonas. Na defensa do medio ambiente e dos nosos recursos naturais, cómpre a unión de todos os veciños e veciñas, o apoio dos marinenses e dos habitantes da bisbarra, contra o proxecto de instalación dun polígono industrial na área Pontevedra-Marín, que convertería esta superficie nun ermo improdutivo de cemento e formigón.

Unha vintena de organizacións de conservación da natureza e ecoloxistas, a nivel estatal e tamén a nivel autonómico nas comunidades de Galicia (con Verdegaia, Adega e a Sociedade Galega de Historia Natural), Andalucía, Asturias, Cantabria e Euskadi, elaboraron un manifesto con motivo deste Día da Árbore. Titúlase “Unha visión común sobre o problema das plantacións de eucalipto”. A continuación, a nota informativa elaborada por estes colectivos.

“Durante os últimos corenta anos esta árbore deu lugar a encendidas polémicas sobre os seus impactos ambientais, sobre a súa rendibilidade ou sobre a capacidade do territorio para acoller máis eucaliptos” declarou Miguel Ángel Soto, da campaña de Bosques de Greenpeace España.

Durante as últimas décadas rexistrouse unha gran expansión do eucalipto en Galicia, a comunidade autónoma española con maior superficie de eucaliptais. En 1972/73, cando se realizou o traballo de campo para o primeiro Inventario Forestal Nacional (IFN I), o eucalipto estaba presente nun total de 131.181 ha. Segundo o IFN III (o seu traballo de campo realizouse en Galicia durante os anos 1997 e 1998) o eucalipto, en masas puras, ocupa unha superficie de 174.210 ha en Galicia. Pero este dato no reflicte a superficie real ocupada polo eucalipto nos montes galegos, pois ás masas puras hai que sumar as formacións nas que o eucalipto aparece mesturado co piñeiro ou con outras especies, e que tenden a evolucionar cara a masas dominadas polo eucalipto. De forma que, só ou en compañía doutras árbores, o eucalipto esténdese por 396.344 ha, o 28% da superficie arborada galega. Dende a realización deste último IFN, a superficie de eucalipto aumentou ata, probablemente, atinxir o obxectivo de superficie en masas puras proxectado no Plan Forestal de Galicia (PFG): 245.000 ha.

Actualmente, as masas puras e mixtas de eucalipto chegaron a ocupar máis de 760.000 hectáreas no Estado Español. Tras Galicia, a rexión con máis superficie de eucalipto no noso país é Andalucía (156.000 ha), seguida de Estremadura (75.000), Cantabria (60.000 ha), Asturias (58.000 ha) e o País Basco (14.500 ha). Estas plantacións supoñen o 7% da superficie mundial de plantacións de eucalipto, que suman máis de 20 millóns de hectáreas, sendo Brasil, India e China os principais países con este tipo de plantacións. Se temos en conta só á especie Eucalyptus globulus, na península ibérica localízase o 53% (31% Portugal, 22% España) da superficie mundial ocupada por esta especie.

Aínda que en Andalucía e Estremadura a superficie de eucalipto diminuiu na última década, noutras rexións a planificación forestal non ten podido, ou non ten querido, delimitar cómo e ónde se pode seguir a plantar eucaliptos. A contorna de Doñana, a Galicia interior ou a media montaña de Asturias o Cantabria seguen a ser ocupadas, ou corren o risco de se ver afectadas, por estas plantacións. Ademais, o eucalipto amosa unha significativa capacidade invasora, sobre todo despois de incendios, que favorece a súa expansión.

“Os males do eucalipto non son imputables a esta árbore, senon a unhas deficientes técnicas de planificación, repoboación, selvicultura e explotación, é decir, á especie humana”, declarou Xosé Veiras, de Verdegaia. “As afirmacións da industria sobre a súa alta rendibilidade, co tempo demostráronse falsas” sinalou Antón Lois, de Amigos da Terra. O manifesto “Unha Visión Común sobre o problema das plantacións de eucalipto” recolle un conxunto de demandas elaboradas polo movemento ecoloxista co asesoramento dunha parte da comunidade científica, que avogan por unha ordenación racional do sector e pola mellora das prácticas forestais nestas plantacións. O manifesto recolle 8 grandes directrices:

-Fixar un límite de ocupación do territorio baseado en criterios científico-técnicos.

-Respecto á planificación forestal, ás estratexias e plans de ordenación do territorio e á lexislación ambiental.

-Prohibición de novas plantacións en espazos naturais protexidos e eliminación progresiva das existentes.

-Establecer directrices de xestión específicas con indicadores para reducir significativamente os impactos negativos do modelo de xestión dos eucaliptais.

-Incrementar e mellorar a investigación independente sobre xestión forestal aplicable ás plantacións de eucalipto na península Ibérica.

-Utilizar a certificación forestal do FSC (Forest Stewardship Council) como unha das ferramentas posibles para mellorar a xestión das plantacións de eucalipto.

-Non autorizar o desenvolvemento de plantacións de eucaliptos transxénicos.

-Non considerar as plantacións de eucalipto como solución ó cambio climático.

-Pedir o compromiso da sociedade coa reducción do consumo de papel e de enerxía.

“O movemento ecoloxista quere fuxir de posicións irreductibles a favor ou en contra do eucalipto. As nosas demandas sinalan unha folla de rota cara a onde debe encamiñarse o sector e o futuro das superficies ocupadas polo eucalipto”, declarou Fins Eirexas, de ADEGA. “Deberíamos comezar por deixar de plantar eucaliptos nos espazos protexidos e nos hábitats de especies ameazadas”, declarou Serafín González Prieto, da Sociedade Galega de Historia Natural.

Organizacións asinantes (a 16 de marzo de 2011)

Amigos de la Tierra – Asociación Asturiana de Amigos de la Naturaleza (ANA) – Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) – AEMS-Ríos con Vida – Asociación para la Defensa de los Recursos Naturales de Cantabria (ARCA) – Asociación para la Recuperación del Bosque Autóctono (ARBA) – Asociación Medioambiental Izate Ingurugiroaren Taldea (País Basco) – Colectivo Ecologista de Avilés – Coordinadora Ecoloxista de Asturies – Ecologistas en Acción – Greenpeace España – Grupu d`Ornitoloxia Mavea – Instituto para la Calidad y la Educación Ambiental – SEO/Birdlife – Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) – Salvemos los Territorios del Bajo Navia (SALTERNAVIA) – Sociedad de Ciencias Naturales de Sestao – Verdegaia – WWF España

DOCUMENTO COMPLETO EN PDF: UNHA VISIÓN COMÚN SOBRE O PROBLEMA DAS PLANTACIÓNS DE EUCALIPTO.

 

 

Publicado por: MontePituco | 19/03/2011

VERSOS DA OLIVETTI

…Informes políticos, actas gremiais,

o legado dunha liñaxe rural. Teclas e letras.

A vella Olivetti, unha prolongación

dos seus dedos, dos seus ollos, da súa mente.

Un home recto na súa proxección física e moral,

que cruzou o océano para ir e para volver,

que contaba a súa vida por millóns de quilómetros,

que buscaba respostas nos libros e nos xornais.

Un home imperfecto e mellorable,

mais honesto, forte e admirable,

amigo das herbas, dos froitos da terra, da auga.

Terco e tenro, chapado á antiga,

coma a túa vella Olivetti, que gardo

coma ouro en pano, avó.

Publicado por: MontePituco | 18/03/2011

UN MILLEIRO DE SIAREIROS EN FACEBOOK

Publicado por: MontePituco | 17/03/2011

MESA POLO PATRIMONIO

Estase a constituir unha Mesa polo Patrimonio de Galicia. Xa conta con máis de 150 integrantes en Facebook aos poucos días de presentarse a proposta. Defínese nestes termos:

“Este grupo tenta discutir abertamente sobre a posibilidade de crear unha Mesa polo Patrimonio de Galicia: unha asociación ou outro tipo de entidade orientada a denunciar, informar, avaliar e facer visibles as agresións de todo tipo ao patrimonio cultural do país”.

Entre os seus promotores, o xornalista Manuel Gago, quen, no seu blogue, Capítulo Cero, formula as liñas estratéxicas desta iniciativa e as motivacións que o levaron a lanzala. Benvida sexa, sumámonos con entusiasmo e espírito construtivo, e animamos a todas as persoas sensibles co patrimonio material e inmaterial, a contribuir activamente.

“Nos últimos meses tiven a fortuna de contactar, dialogar e conversar de vagar con bastantes asociacións de defensa do patrimonio ao longo de toda Galicia. Xente voluntariosa, habitualmente vinculada a unha comarca, que exercen traballos de defensa activa do patrimonio, pero tamén de concienciación social. Na medida das súas posibilidades, o traballo de toda esta xente é modélico: supón horas de tempo persoal, sacrificio das relacións familiares para achegarse a traballos por veces ingratos e, moitas veces, conflitivos. Esta xente ten un mérito enorme.

Pois ben, sorprendeume a coherencia dunha idea que unha e outra vez se repetía en todas as conversas cos directivos destas asociacións. E sorprendeume porque os meus amigos ben saben todo o que levamos falado, desde hai anos, sobre esta cuestión. A idea é a seguinte.

-Precisamos unha Federación ou Asociación Galega de Defensa do Patrimonio.

Isto é unha cuestión importante. As asociacións, nos seus procesos de traballo interno, decatáronse de que, por desgracia, unha boa parte das decisións sobre o patrimonio das comarcas nas que traballan tómanse fóra das súas propias comarcas. Saben tamén o difícil que é ter repercusión nas súas denuncias, e o importante que é a aparición en medios de comunicación. E saben que hai recursos e posibilidades aos que economicamente non poden chegar.

Nós levamos tempo pensando na cuestión.

Precisamos unha Mesa polo Patrimonio de Galicia. Cada día estamos vendo novos plans de agresións a espazos e lugares patrimoniais importantes. A batalla da opinión pública, especialmente no ámbito local, non está gañada porque ninguén, nin sequera, a xogou. Temos un problema real na ausencia dun liderazgo claro na administración pública en políticas de patrimonio. E moitos máis problemas. Hai que dar un paso máis alá. Porque aínda que pasan os anos, a conciencia política e social sobre o patrimonio non mellora, e mesmo empeora por momentos.

Penso nunha sorte de Federación na que poidan participar todas as asociacións e que permita optimizar e centralizar recursos de cara a protección e defensa do patrimonio de xeito máis eficiente, intervindo alí onde as asociacións son febles. Por facernos unha idea de tres servizos que podería asumir esta Mesa Central.

a) Servizo xurídico. Contratar a avogados especialistas en patrimonio histórico e materias de dereito adicionais que permitan elaborar guías de actuación legal ante as agresións ao patrimonio e tamén facer consultas sobre problemáticas efectivas. Un dos principais problemas, por experiencia teño comprobado, das denuncias sobre unha agresión ao patrimonio, é o escaqueo. Todo o mundo, desde a Guardia Civil, os concellos ou a Dirección Xeral de Patrimonio, tentan escaquearse de responsabilidades ou paralizar os expedientes. Determinar as responsabilidades con rapidez é clave para saber como actuar e contra quen. Os servizos xurídicos permitirían crear unha guía de documentación ao que as asociacións poden acudir para tramitar e xestionar por escrito -que é o que realmente importa- as cuestións.

b) Gabinete de comunicación. Agás que haxa alguén con certa experiencia, a relación entre as asociacións e os medios de comunicación é limitada. O medio só coñece a xente do ámbito local e, dependendo das capacidades e do tempo, o traballo cos medios é máis ou menos amplo. Pero a información que aparece nos medios locais (agás cando falamos de edicións vinculadas ás grandes cidades) basicamente a penas ten incidencia nos políticos (que se poñen máis nerviosos do que imaxinades cando ven cousas no papel. Mirade o cambio de discurso que deu o Presidente do Goberno sobre o tema do castro de Baroña a partir da presión de La Voz de Galicia e El Correo Gallego. Pasou de “que busquen os recursos fóra de Galicia” (!!!) a “a ver o que podo facer”. O Gabinete de Comunicación tería a tarefa, nada fácil, de conectar estas incidencias locais coa súa circulación en medios galegos ou de máis aló. O Gabinete tamén tería que conectar a todas estas asociacións coa gran maré de Internet, apoiando o activismo en redes sociais e xestionando e coordinando o web xeral.

c) Servizo de Informes. O servizo de informes debería facilitarnos información sobre cal é a situación real do patrimonio en Galicia. Ata o momento, só contamos cun informe de incidencias anual, que é o que elabora o Fiscal de Patrimonio de Galicia. Pero este informe só recolle actuacións xudiciais e denuncias, non o impacto efectivo sobre o patrimonio. O Servizo tamén contaría cunha base de datos activa e en liña con todos os puntos en conflicto, ou susceptibles de ser afectados por obras públicas e privadas, e canalizaría a incorporación de novas denuncias e información. O resultado sería un valioso recurso para coñecer en tempo real a situación do patrimonio.

Outras consideracións

A Mesa polo Patrimonio de Galicia debera estar integrada por asociacións pero tamén por membros a título individual. O seu Presidente debera ser unha figura de recoñecido prestixio, pero tamén con capacidade de decisión e xestión. Estamos falando de alguén con tempo libre que dedicarlle á cuestión, apoiado por algúns membros da directiva con capacidade tamén de xestión efectiva. A referencia para a imaxe pública que debe ter esta Mesa é Greenpeace ou Amnistía Internacional: entidades que pola súa reputación son capaces de preocupar aos gobernos e que son recoñecidas internacionalmente como independentes.

A Mesa polo Patrimonio de Galicia debera ter mecanismos importantes para evitar a partidización da entidade, un risco perigoso ao meu ver. O patrimonio importa en Galicia, máis do que moitos pensan. É unha magnífica ferramenta electoral en malas mans. Os titulares da directiva e os membros deberan velar porque na Mesa polo Patrimonio haxa unha integración efectiva de persoas de diferentes ideoloxías. E cando digo todas, non me refiro a integrar á U e ao Encontro Irmandiño. Refírome a que haxa xente de todas partes. Aquí deben caber todos. Debe ser un movemento organizado efectivamente pola base.

A Mesa polo Patrimonio de Galicia debe basearse no cumprimento das normativas e leis vixentes en relación ao patrimonio en Galicia, neste momento basicamente non aplicadas en moitos casos. Debe exercer unha función de vixiancia da Administración en beneficio da transparencia e efectividade das súas funcións estatutarias en defensa dun dos bens máis valiosos deste país. Non só debe tutelar o papel da Administración de cara os recursos, senón o da Administración entre os seus departamentos. Nos vindeiros días escribirei un post sobre esta cuestión, que debe ser analizada máis de vagar.

A Mesa polo Patrimonio de Galicia pode ser interlocutor dos poderes, pero debe evitar caer na tentación de chegar a convenios de financiamento de actividades, etc. coas administracións; en realidade, debera prohibilas por estatutos. Cunhas funcións moi definidas e realistas, debe procurar a autosustentabilidade e a autoxestión evitando situacións que poidan derivar na perda de independencia e credibilidade. Polo tanto, o seu crecemento debe ser moi medido e moi reducido, para poder manterse áxil e evitar o colapso.

A Mesa debe integrar á sociedade civil, pero tamén aos profesionais da Arqueoloxía e Historia que queiran participar. Os afeccionados son unha parte capital e histórica, desde hai máis de cen anos, na defensa do patrimonio cultural deste país. E os profesionais permiten dotar de músculo a argumentación. Cómpre vincular o que agora está separado pero durante moito tempo, nas épocas da Xeración Nós e no Rexurdimento, estivo unido.

Coda.

Desde xa autoexclúome da directiva desta Mesa polo Patrimonio de Galicia. Nin estou formado para algo así nin teño tempo, xa que durante estes anos andarei metido en demasiadas guerras. Tamén suliño aquí que, de crearse esta Mesa polo Patrimonio de Galicia e convencerme o resultado, faríame membro sen dubidar e prestaría asesoría gratuíta en termos de comunicación corporativa ou produtos interactivos, que é do pouco que sei”.

Publicado por: MontePituco | 16/03/2011

MOBILIZACIÓN CONTRA O PARQUE EÓLICO NO MORRAZO

Resulta que Galicia aspira a ser a nova Holanda, pero cun resultado que vai tirar a feo, para desgusto dos detractores do “feísmo” urbanístico. Esa imaxe bucólica dos muíños de vento holandeses que, dende o século XIII movían a auga dunhas canles a outras, contrastará negativamente -a esta beira do Atlántico- co feixe de torretas eólicas que van coroar as serras e os montes galaicos se prosperan as concesións que tramita a Xunta en beneficio de empresas que se van forrar a conta do aire. Todos os recursos naturais, mercantilizados: os combustibles fósiles e o gas, a luz do sol, tamén o aire que respiramos e a auga que sae das nosas billas.

Esta semana divesos colectivos e persoas a título individual reuníronse en Marín para informarse do proxecto para instalar un parque eólico admitido a trámite -non aprobado aínda- no lugar de Pedras Negras, nos Montes do Morrazo. 42 megawatios que poden supoñer algo máis dunha ducia de mástiles de ferro con aspas, que se van sumar aos máis de 4.000 muíños que “okupan” o noso territorio. Véndese como enerxía limpa, pero un dos participantes no coloquio advertía que os parques eólicos son do máis agresivo que lles pode tocar aos potenciais afectados: un impacto paisaxístico continuo, a desfeita do terreo coa apertura de pistas que irremediablemente levarán por diante xacementos arqueolóxicos e o que se interpoña no camiño, millóns de aves mortas entre as coitelas, danos incuantificables nos nacentes dos ríos, regatos e acuíferos que fornecen de auga para consumo doméstico ou de regadío, un ruído permanente en toda a área de influencia…

…Sobran os motivos para procurar a paralización deste proxecto e doutros que tamén están a piques de arruinar espazos emblemáticos como a Serra do Galiñeiro, onde unhas 2.000 persoas se mobilizaron en protesta contra a intención da Xunta de favorecer economicamente a un astaleiro que se apuntou ao lucrativo negocio do vento. Noutros puntos, por desgraza, a batalla foi “daquela maneira”: nin con toda a súa bagaxe mitolóxica de monte sagrado dos celtas, o Seixo (Cerdedo) puido contra a invasión dos aeroxeneradores. Pero xa van empezando a xurdir sentenzas do Tribunal Supremo que lles paran os pés aos promotores desas actuacións.

Partindo da base de que cómpre producir enerxía mentres non haxa capacidade para sermos sostibles, é inevitable asumir a existencia de parques eólicos en Galicia. Pero non en calquera lugar, malia que a realidade -á vista do mapa elaborado polo Instituto Enerxético de Galicia- nos pinta un país convertido nunha tarta dividida en múltiples porcións, cada cal máis doce para o padal egoísta dos adxudicatarios, que non revertirán os seus pingües beneficios no chan sacrificado nin nos seus lexítimos propietarios. Tanto é así que, ao tratarse dun ben de utilidade pública, pódense emprender procesos expropiatorios para obter os terreos contra a vontade veciñal.

Comunidades de montes, colectivos sociais, ecoloxistas, toda a cidadanía unida pode revertir a situación, habendo conciencia. Nese foro organizado polo Colectivo Nacionalista de Marín, e no que participaron representantes de Luita Verde, Verdegaia, do departamento de Economía Ecolóxica da Universidade de Vigo, e SOS Groba, plantexáronse algunhas alternativas: destinar a parque eólico espazos “degradados” -como os trazados das autoestradas- para evitar que se estraguen outros en bo estado ou sustituir os aeroxeneradores obsoletos dos parques máis antigos por outros de mellor rendemento.

Fronte ao “expolio do mundo rural” e á “industrialización do monte” criticada por Xosé Lois Vilar, da Plataforma en Defensa da Serra do Galiñeiro; fronte á vulneración das figuras de protección ambiental que, no caso dos Montes do Morrazo están declarados como Solo Rústico de Protección de Espazos Naturais; fronte aos millóns de euros que xerarían as torretas en Pedras Negras e das que só se verían as migallas… quedamos cunha frase de Xilberte Manso, da mesma Plataforma: “Non se poden estragar todas as serras para facer parques eólicos, hai valores que non se poden cuantificar en euros”.

Publicado por: MontePituco | 15/03/2011

…ALGUÉN MENTE

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, vén de contestar o escrito no que DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) lle pide a información que o Concello de Marín se nega sistematicamente a darnos, nunha evidentísima mostra de opacidade e prepotencia por parte do alcalde, Francisco Veiga. O conselleiro exprésase na liña do exposto con anterioridade polo director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Antonio J. Boné, (artigo titulado “CARTA DO IGVS SOBRE O CHAN INDUSTRIAL“) e, sen que pareza que as súas palabras se poidan interpretar nun sentido diferente, afirma o que segue:

“Dentro do plan sectorial de solo empresarial que está elaborando o Goberno de Galicia non hai ningunha previsión ao respecto do emprazamento indicado por vostedes”. (Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas).

Esta frase que, aparentemente non dá lugar a equívocos, e que mesmo sería motivo de ledicia e alivio para os veciños do Monte Pituco, choca de pleno coas declaracións que fixo a candidata do PP á alcaldía de Marín, María Ramallo, nunha entrevista publicada no xornal Faro de Vigo o pasado 27 de febreiro, a propósito do tan traído e levado tema do chan industrial:

“El PP ha sido claro a la hora de hacer su planteamientos de posibles zonas industriales y empresariales en Marín, y que coinciden con las que están planteando a medio plazo por parte de la Xunta en el estudio de zonas industriales para Galicia, que está aprobado, pendiente de estudiar su viabilidad técnica de las zonas propuestas. En Marín son dos las áreas, una que linda con Pontevedra en Pituco y la que linda con Moaña en Cruz da Maceira, en Pastoriza. Hemos peleado porque esta última apareciese en el planeamiento futuro de Marín, al igual que lo contemplan en Moaña, misión que ha sido imposible con este equipo de gobierno. Creo que en un tema tan importante hay que analizar las ventajas e inconvenientes, hay que gestionar iniciativas y generar polos de atracción de industrias y empresas, esperemos que aunque con la crisis que estamos padeciendo no parece un buen momento, sí lo sea para plantear lo que sería nuestro futuro y hacerlo con visión y no como se pretendía”. (María Ramallo, candidata do PP á alcaldía de Marín).

Suponse que un e outro falan do mesmo Marín; nembargantes, as súas versións son diametralmente opostas: unha afirma o que outro desminte. Desautoriza o conselleiro a María Ramallo? Ou míntelle o consellleiro a DEFENDE O MONTE PITUCO? Reafírmanse ámbolos nas súas verbas ou son estas matizables? Tanto custa poñerse de acordo para non dar esa imaxe de bipolaridade, ou é a penas un desliz de Hernández porque non alcanzou a ler a entrevista aludida? Para saír de dúbidas recorreremos a unha terceira fonte de información, por aquilo de desempatar esta fatal contradicción. Ogallá a partida se decantara a prol da versión “tranquilizadora” que ofrece por escrito o conselleiro nesa carta. Mais entre políticos anda o xogo da incipiente campaña electoral, e logo, “onde dixen digo, digo diego”.

…Para cando políticos (de todas as cores, siglas e tendencias) que falen e actúen con honestidade?

Publicado por: MontePituco | 14/03/2011

UN FELIZ ALUMBRAMENTO

Comezamos a semana cunha fantástica noticia, a plena imaxe da felicidade, a celebración da vida. Parabéns a Margarita pola súa maternidade: un fermoso becerriño que colma de satisfacción a unha familia do Carballal, da que nos sentimos fondamente orgullosos por seguir honrando a figura da vaca, animal totémico da nosa cultura e da nosa economía tradicionais. Grazas a Xan por compartir unhas imaxes tan entrañables e fermosas, e parabéns, en especial, á súa nai: marabilloso agasallo para festexar o seu 89 cumpreanos. Por moitos anos.

Un eminente profesor de Moraña, Xesús Ferro Couselo, e mais Pedro Benavente, son os autores dun recente libro titulado precisamente “O libro da vaca”, no que traballaron durante vinte anos para crearen o que deron en chamar unha “monografía etnolingüística do gando vacún”. O escritor e editor Víctor Freixanes adícalle un interesante artigo a esta obra, que merece a pena coñecer:

Escribía Castelao en 1937 que o día que os galegos emitísemos papel-moeda deberíamos estampar nos billetes non o retrato de políticos, nin de sabios, nin de artistas, senón a figura dunha vaca, «símbolo da nosa economía humanamente distribuída». Tamén hai quen di que cun porquiño debaixo da escaleira o galego resiste o que lle boten, así veña a Terceira Guerra Mundial. Poden semellar estampas ou metáforas dun tempo que xa non existe, mais abofé que non está tan lonxe como parece e, en moitos casos, fica profundamente arraizado no noso imaxinario colectivo, mesmo ás veces no noso comportamento individual e social. Para ben e para regular.

Pedro Benavente Jareño e Xesús Ferro Ruibal, dous sabios, veterinario e filólogo respectivamente, veñen de publicar O libro da vaca (Centro Ramón Piñeiro), máis de 1.600 páxinas, formato enciclopédico, no que percorren de xeito abraiante e exhaustivo o universo mundo do gando vacún na cultura galega e co que reafirman entre nós unha especialización de vizoso rendemento: a etnolingüística. Non digo que non existan ensaios parciais desta disciplina, pero o traballo en cuestión a confirma. Non coñezo entre nós ningún outro desta dimensión.

Arredor da vaca xira o mundo enteiro. No imaxinario social galego a vaca é un tótem, non menor á significación relixiosa que pode ter noutras culturas, mais distinto, extraordinariamente rico. Dicían os vellos que os animais que teñen nome propio forman parte da familia e, por tanto, nin se comen nin se matan. As vacas da nosa infancia e da nosa mocidade (e aínda moitas de agora) teñen nome: Moura, Pinta, Doloriñas…, igual que o can da casa. O porco non. Cando lle colliamos cariño ao porco que os avós criaban no cortello e poñiámoslle nome para xogar con el, os vellos rifábannos. O nome é a alma das cousas (dicía Platón) e as cousas que teñen alma son criaturas de Deus, que non falen é só unha circunstancia.

Non se trata de poñérmonos nostálxicos. Non son eu nada dado ás morriñas. Mais invito ao lector a viaxar por este monumento da investigación lingüística, traballo de campo que ocupou aos seus autores durante anos e que ofrecen agora coma un tesouro: máis de 12.000 unidades léxicas, 2.000 locucións, case que 3.000 refráns, 1.200 cantigas populares, lendas, contos, adiviñas, fórmulas varias, ensalmos… O idioma érguese diante de nós coma unha xigantesca catedral labrega.

¿Saben de cantas maneiras distintas ou variantes denominamos no noso idioma o humilde e agradecido becerro, por exemplo? Ata de 64 formas diferentes, dende o acheite e a anella ata o redollo, que é o becerro de cría, ou o cortelleiro, que é o que acaba de nacer. E case cincocentas denominacións distintas segundo o animal teña os cornos: dende a achabada, que ten os cornos cara adiante, ou a broca, que os ten revirados, ata a chosca, que ten un corno só, ou a mosca, que non os ten. Por non falar das razas propias: pisca, caldelá, limiá, mirandesa, frieiresa, rubia, verinesa, vianesa. Todas nosas. Un monumento.

Víctor Freixanes (artigo publicado en La Voz de Galicia, febreiro de 2011).

Publicado por: MontePituco | 11/03/2011

AAVV S.XULIAN: MOITO EMAS, PERO…

A AA.VV. de San Xulián “felicita” o Concello de Marín polo abandoado e deteriorado estado do alcantarillado no lugar da Pena e en varias zonas ao longo da estrada Marín- Figueirido. Resulta esperpéntico o aspecto lamentable que ofrece na zona do Balado en época de chuvia, pois neste lugar xa vai directamente ao río Lameiriña sen pasar pola depuradora de Praceres. Unha situación que se dá debido á sobrecarga da tubaxe que foi calculada para un determindo número de vivendas, e agora nela conflúen todas as augas fecais desta zona da parroquia que, xunto coa auga da chuvia que entra a cántaros, fai que a ponte do Balado se siga deteriorando e que o pequeno camiño se encha de verquidos fecais que, para a concelleira de Medio Ambiente, Pilar Blanco, non fai falla depurar.

Tamén é denunciable a actuación que se segue dando no mesmo cauce do río Lameiriña que, despois de catro anos, mantén a tubaxe e os pozos de rexistro ilegais no mesmo cauce fluvial. Estes dias o Concello, nos labores de limpeza das tubaxe en Promadalbo (Camiño da Fenteira) adicouse a desfacer o muro, sacando terróns e pedras dunha propiedade lindante e, aínda para máis neglixencia, o pozo de rexistro burbuxea, indicando un mal selado e, por suposto, libre entrada de auga no mesmo. Facéndolles muros a algúns veciños que derrumban e causan serios perxuízs aos lindantes de enfronte.

A AA.VV. San Xulián non se explica que, despois da riada de millón do Plan E, non se adicara un só euro a subsanar as deficiencias do alcantarillado, e a xenerar tramos alternativos que alivien os verquidos das casas e as augas da chuvia. Xa non nos vale a cantinela da desculpa de “PePé” ou “PaPá”. Convén lembrarlle á concelleira que ela e os demais membros do Goberno local foron elixidos para corrixir o que outros non fixeron ben, e darlle a solución oportuna. Ao final, nin unha cousa nin a outra, xa que nin tan sequera se procupan de reparar os tramos deteriorados que converten, ás veces, algún dos seus famosos lavadoiros (como o de Coirados) en auténticas cloacas.

Por que seguen tirando os cartos en estudos, informes e propaganda se non teñen ningunha efecividade practica? De que valen eses títulos EMAS se o lixo fecal flota polos camiños e polo río Lameiriña?

Desta e doutras situacións, como a do famoso alumeado que foron ver a Barcelona o concelleiro de Urbanismo, Xosé María Vilaboa, e Pilar Blanco, xunto coa queixa da chapuceira sinalizacion do contorno do colexio, deixamos constancia escrita para que as lean e lle dean solución. Algunhas destas luces situadas no Camiño Viñas Blancas-Carregal, forman parte dese grupo de 7 puntos de luz que Vilaboa nunca soubo explicar a onde foron parar ou quen nas comeu. Pois eses puntos, nese camiño e no adro da festa, son de segunda man. Queda claro que este concelleiro é un mentireiro ao negar -nunha emisora de radio e mais no Pleno da Corporación- a nosa advertencia da falta de luces contempladas no proxecto Carballal-Viñas Blancas.

 

* Comunicado da Asociación de Veciños de San Xulián.

Publicado por: MontePituco | 10/03/2011

RESACA DO 8 DE MARZO (actualizada)

Este noso Concello non para de dar a nota, no mal sentido da expresión. A celebración do Día da Muller deste ano ben pode pasar aos anais da historia como un dos máis conflictivos, se non mesmo con tintes vergoñentos, pola insólita polémica entre as concelleiras de Cultura e de Servizos Sociais: incluindo a nacionalista os actos reivindicativos desa data simbólica no cartel das festas do Entroido, un erro garrafal que mesmo podería ser motivo de demisión… e retellando a socialista cun arrebato de autoafirmación das súas competencias municipais, tesoira en ristre, posando sorrinte para a prensa co recorte do delicto.

Reproduzo a continuación, literalmente, unha mensaxe publicada onte no foro do colectivo ProLingua, do que foron partícipes os seus integrantes en toooooooda Galicia.

“Onte, con motivo do Día Internacional da Muller, a Corporación Municipal de Marín organizou varios actos nalgunhas prazas da vila. A ambientación creada para estes actos consistía, basicamente, na recreación de grandes tendais con pedazos de plástico recortados imitando pezas de roupa a secar. Os plásticos tiñan escritas diferentes mensaxes alusivas ao tema, todas en castelán agás unha que puña: O mandil, pónselo!!”.

Sen comentarios. Sinxelamente, surrealista. Velaí a inoperancia e o desleixo do alcalde Francisco Veiga, responsable da área de Normalización Lingüística. Outro que tamén sería digno de demitir, por vergoña.

…Aínda que polo menos, logo de contrastar a mensaxe anotada en ProLingua, constatamos que o cartel oficial do Concello conmemorando esa data, fora rotulado en galego. Xa tería sido o colmo que a reivindicación da figura feminina se acabara tornando nunha discriminación do idioma. Non lles tiña custado aos organizadores da actividade intercalar mensaxes en castelán e máis en galego. Se dende o Concello non se dán pasos a prol dunha implantación real da lingua (que mellor que actos públicos deste tipo para demostralo), está claro que esta evidente falta de implicación se traslada irremediablemente á sociedade.

Publicado por: MontePituco | 09/03/2011

CARTA DO IGVS SOBRE O CHAN INDUSTRIAL

“…En ninguna parte do documento se fai referencia a que a creación desta plataforma loxística estea prevista no Monte Pituco”.

Así, subraiado, é o como resume o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Antonio J. Boné, a carta coa que responde a un escrito previo enviado por DEFENDE O MONTE PITUCO sobre a dotación de chan industrial en Marín. Un proxecto que o IGVS entende que debe ir vencellado a complementar a actividade portuaria e que, neste momento, segundo este organismo autonómico, se atopa en fase de “realizar unha diagnose da situación actual do solo empresarial (coa actual oferta existente), así como unha análise da demanda, co obxectivo de determinar as necesidades reais”.

Esta contestación non nos quita de ningunha preocupación, posto que DEFENDE O MONTE PITUCO segue tan pendente como dende o principio dos movementos que faga o Concello de Marín e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Os argumentos seguen tan vixentes e cada vez máis fortalecidos polo convencemento absoluto de que o Monte Pituco non reúne as condicións para instalar un polígono industrial ou plataforma loxística. Outra cousa é que as Administracións e os seus colectivos cómplices cometan unha barrabasada e chucen con calzador unha infraestrutura que arruine o espazo e perxudique aos vecinos próximos.

Hai poucos días tivemos a ocasión de conversar cunha persoa do ámbito da Administración autonómica, con competencias directas na xestión de chan industrial, e cun coñecemento moi próximo da situación do Monte Pituco e das súas circunstancias. A súa reflexión evidenciaba que a Xunta non pode asumir o desmantelamento dun espazo cunhas condicións xeotécnicas tan desfavorables, cunha pendente que obrigaría a realizar un movemento de terras desmesurado, que conlevaría un gasto que lle habería que repercutir ao valor do terreo, e que por tanto, faría inasumible -para os potenciais compradores- a adquisición das parcelas.

Tamén contemplaba a posibilidade dunha ubicación alternativa ao Monte Pituco, malia que o Concello de Marín se negou unilateralmente a estudar a súa viabilidade. Afirmou este cargo público que o PP de Marín é partidario de valorar detidamente esoutro emprazamento, cuxa única dificultade estribaría na necesidade de dotalo dos servizos básicos cos que contar un polígono industrial. Así as cousas, hai dúas formas de afrontar a realidade: arruinar o Monte Pituco e a fachada litoral de Marín cunha mole de formigón e taludes desproporcionados, levando por diante a riqueza forestal da zona e os seus mananciais, e afeando o patrimonio rupestre… Ou valorar outra opción que tecnicamente sexa máis asequible nunha área menos accidentada dende o punto de vista xeográfico, cun enfoque comarcal, tendo en conta os proxectos de urbanización, electrificación e saneamento.

O BNG e o PSOE de Marín estiveron e están a manipular a realidade, turrando cunha opción que resulta claramente perxudicial e que non está ao alcance económico da actual coxuntura. Enganan cando sosteñen que o Monte Pituco é a opción máis barata e quedan como auténticos burricáns cando insisten en que non hai en Marín ningún sitio máis chan, cando os propios veciños, pagando do seu peto un informe topográfico, descubriron que no 92% do terreo afectado se supera o 15% de desnivel. Panda de trapalleiros!

Publicado por: MontePituco | 08/03/2011

DÍA DA MULLER

Anos 80. Xornada na leira, sachando no millo. Mulleres (e homes) leghón en ristre, gardianas da terra, protectoras da auga, devotas do ceo. Velando polo legado que se viña transmitindo en cadea, de xeración en xeración. Semente de grans, colleita de valores. Mulleres rurais, de ideas tradicionais; mulleres de familia, mulleres de lei. Elas que, co seu irreductible instinto de supervivencia nos momentos máis duros, nos inculcaron rexos principios: de esforzo persoal, de respecto ao próximo, de lealdade aos antergos… Onde está esa bagaxe? Que foi da solidariedade? Por que tanto desarraigo?

De volta ao presente, velaquí unha pobre e decepcionante equipaxe, de tanto que foi quedando perdido polo camiño: leiras abandoadas e graneiros baleiros, mais non só de millo, patacas e centeo, senón tamén de ideas, valentía e iniciativa. Triste realidade a base de conflictos vacuos que se resolven a tesoirazo limpo, dun lado. Doutro, discursos manipulados de xeito linguaraz e perverso. U-lo exemplo desas mulleres auténticas de antano?

Mulleres como María Miranda García (Nine, Boiro, 1925), á que lle rendemos unha sinxela homenaxe aos poucos días do seu pasamento, nun tráxico accidente.

“…A xeración de María, esa xeración de galegas, destacou especialmente pola súa capacidade para o traballo, por vivir nunha época de carencias que superaron a base de traballo. Por seren grandes traballadoras. O traballo dignificou a estas mulleres, como María e a miña avoa. E o traballo é o que debemos salientar da súa vida. A señora María era unha mariscadora. Tamén traballaba as terras, como a maioría das mariscadoras. Pero, ante todo, era unha mariscadora e sentíase orgullosa de selo. Cando a escoitaba parecíame estar escoitando a miña avoa, a miña nai ou a moitas das mariscadoras dos Praceres: cada vez que demostraba coñece-la ribeira palmo a palmo, ao subliñar que ía a dúas veces no día, de día e de noite…”.

(Lukas Santiago, arqueólogo e realizador audiovisual, autor dos documentais “Neixón: historia viva dun castro”, “Galegos Universais: historias do mar” –ámbolos dous coa participación de María Miranda García– e “Sete Camiños: encrucillada do tempo”). Artigo completo en Certo-Xornal do Barbanza.

DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) débelle moito ás mulleres que forxaron unha vida de traballo e entrega á beira deste humilde terruño. Coa lembranza na súa memoria, ollamos o futuro co alento da nova fornada de mulleres chamadas a liderar a participación social, a dinamizar a cultura, a política ou o eido da empresa. A continuación, o manifesto da Asociación Almuinha, asinado por Helena Cabral Alfonso:

Este 8 de marzo de 2011, Día Internacional da Muller Traballadora, vén marcado por un contexto de grave crise económica. Este contexto dálle lexitimidade ás distintas Administracións e gobernos para aprobar medidas, como as recentes Reformas laboral e das pensións, que non teñen outra xustificación que respostar ás demandas da banca e do gran capital (únicos culpábeis da actual crise económica), recortando e atentando contra os dereitos sociais e laborais do conxunto da poboación, colocando as persoas máis vulnerables (entre elas, as mulleres) nunha situación de maior vulnerabilidade.

Este novo contexto, que se ben lle afecta ao conxunto da poboación, provocará sen dúbida un aumento na feminización da pobreza existente xa con anterioridade á crise, e dificultará aínda máis que as mulleres poidan acceder ao mundo laboral, a condicións laborais e a pensións dignas, xa que atrasar a idade de xubilación e alongar o período para o cálculo de pensións, dificulta o acceso e reduce a contía por mor da precariedade laboral que levan asociada (temporalidade, contratos parciais e por horas, traballo non remunerado, longos períodos de inactividade ata que acadan contratos estábeis, etc.), ou ben por interrupcións ou diminucións da cotización, derivadas de situacións como a maternidade e conciliación (excedencias, reducións de xornada, etc).

Ademais, neste 8 de marzo de 2011, as mulleres continuamos a ter, nas chamadas “sociedades desenvolvidas”, dificultades no acceso ao mundo laboral, para promocionar laboralmente, para acceder a postos directivos na empresa, para compaxinar a xornada laboral e doméstica e de coidado, para acceder a traballos tradicionalmente masculinizados e un longo etcétera. Se ben é certo que algo se avanzou nesta materia, tamén é ben certo que aínda fica moito camiño por percorrer.

É por isto, que A.C. Almuinha non pode deixar a un lado unha data coma esta e quere, ademais de reivindicar a loita polos dereitos sociais e laborais das mulleres, convidar ao conxunto da poboación marinense a participar o vindeiro 18 de marzo ás 20:00 no local do Ateneo a un Obradoiro de Igualdade que leva por lema: “Construíndo igualdade a partir das nosas diferenzas”. Neste Obradoiro pretendemos reflexionar sobre as nosas diferenzas como homes e mulleres e a necesidade da igualdade material en dereitos, mais alá da meramente formal recollida en diferentes normas. Alén disto pretendese crear un debate grupal, no que cada persoa reflexionará sobre as accións que pode emprender na súa vida cotiá para acadar esa igualdade de dereitos e a superación das desigualdades de xénero.

Para rematar, cabe dicir que esta celebración, nesta data, non debe facernos esquecer ningún dos demais días do ano, a necesidade imperiosa de acadar a igualdade “efectiva e real” entre xéneros para poder avanzar como sociedade. 

 

* ARTIGO DO DÍA DA MULLER EN 2010: “HOMENAXE PARA ELAS“.

Publicado por: MontePituco | 07/03/2011

TONHITO DE POI, DEFENSOR DOS MONTES

ADICADO @S TÚZAR@S QUE DIN QUE AS PEDRAS NON DAN DE COMER

O suplemento Fugas de La Voz de Galicia publicou este sábado 4 de marzo unha reportaxe con Tonhito de Poi nun dos lugares preferidos deste músico, actor e guionista: os montes da Garita e da Sacristía, entre os lugares de Martín e Castiñeiras, en Ribeira, de onde el é. Polo seu compromiso coa terra que o viu nacer e crecer, polo seu apego á paisaxe que conformou o seu particular paraíso, e polo seu berro forte e ceibe contra a destrucción desa riqueza, ameazada tamén pola acción depredadora da especulación, do formigón e da incultura, velaquí quedan as súas palabras. Que nos inspiran, que nos alentan e que nos conmoven. Ogallá sirvan para sensibilizar a quen as lea na necesidade de velar polo que verdadeiramente paga a pena: a nosa identidade.

“Non somos conscientes de que hai montes que nos criaron e pedras que nos fixeron. Somos natureza, e o que lle fan a ela tamén nolo fan a nós”.

“Ese monte viume nacer, ensinoume, coidoume. A súa morte foi a miña. Cando o urbanizaron, sufrín tanto coma cando morreron meus avós, que foron meus pais en toda regra, xa que son fillo de emigrante”.

“Non cría, pero si. Fun mirar os planos ao Concello de Ribeira e é certo: este monte, entre Martín e Castiñeiras, con mananciais, pedras totémicas e carballos, é un solar de próxima construcción. Se esta beleza non está xa destruida é pola crise, pero o patrimonio natural é irrecuperable. Non busco conflicto, senón o que nos une, para que o que nos divide desapareza”.

“Un home sen raíz non medra. De pequeno eu pensaba que noitra vida fora carballo. Agora estou seguro, porque houbo momentos nos que me sentín leña para encofrar. Unha noite neste monte espértalle a calquera un profundo amor por cada fieito”.

(Artigo completo, de Patricia Blanco, nesta ligazón: “Aquí hai pedras que nos fixeron a nós“).

Publicado por: MontePituco | 06/03/2011

TOXO DISFRAZADO

ENTROIDO:

“…Meco que profana a lúa onde eu acougo.

Peliqueiro que se mira no espello onde eu alento.

Cigarrón que anda o meu camiño.

Choqueiro que aniña no meu vaso…”

(MANUEL RIVAS, de “Libro de Entroido”, 1980)

 

…Domingo de Entroido, Larafunzán

Comícheme a carne, deixácheme o pan. 

…Martes de Entroido, cando has de vir

Casquiñas de ovos, como habés de ruxir.

Publicado por: MontePituco | 04/03/2011

ESCRITO AO CONSELLEIRO DE INFRAESTRUTURAS

« Newer Posts - Older Posts »

Categorías