Publicado por: MontePituco | 10/03/2011

RESACA DO 8 DE MARZO (actualizada)

Este noso Concello non para de dar a nota, no mal sentido da expresión. A celebración do Día da Muller deste ano ben pode pasar aos anais da historia como un dos máis conflictivos, se non mesmo con tintes vergoñentos, pola insólita polémica entre as concelleiras de Cultura e de Servizos Sociais: incluindo a nacionalista os actos reivindicativos desa data simbólica no cartel das festas do Entroido, un erro garrafal que mesmo podería ser motivo de demisión… e retellando a socialista cun arrebato de autoafirmación das súas competencias municipais, tesoira en ristre, posando sorrinte para a prensa co recorte do delicto.

Reproduzo a continuación, literalmente, unha mensaxe publicada onte no foro do colectivo ProLingua, do que foron partícipes os seus integrantes en toooooooda Galicia.

“Onte, con motivo do Día Internacional da Muller, a Corporación Municipal de Marín organizou varios actos nalgunhas prazas da vila. A ambientación creada para estes actos consistía, basicamente, na recreación de grandes tendais con pedazos de plástico recortados imitando pezas de roupa a secar. Os plásticos tiñan escritas diferentes mensaxes alusivas ao tema, todas en castelán agás unha que puña: O mandil, pónselo!!”.

Sen comentarios. Sinxelamente, surrealista. Velaí a inoperancia e o desleixo do alcalde Francisco Veiga, responsable da área de Normalización Lingüística. Outro que tamén sería digno de demitir, por vergoña.

…Aínda que polo menos, logo de contrastar a mensaxe anotada en ProLingua, constatamos que o cartel oficial do Concello conmemorando esa data, fora rotulado en galego. Xa tería sido o colmo que a reivindicación da figura feminina se acabara tornando nunha discriminación do idioma. Non lles tiña custado aos organizadores da actividade intercalar mensaxes en castelán e máis en galego. Se dende o Concello non se dán pasos a prol dunha implantación real da lingua (que mellor que actos públicos deste tipo para demostralo), está claro que esta evidente falta de implicación se traslada irremediablemente á sociedade.


Respostas

  1. A Xunta de Galicia mandou unha subvención para os actos do día da Muller Traballadora.
    Luz Santiago ten tan pouca imaxinación que o único que se lle ocurreu facer cos cartos foi:
    Encargarlle a un artesán amigo unhas pulseiras de prata valoradas en 3.245 Euros. Estas pulseiras foron “presentadas” na praza do 8 de Marzo pero non se sabe a quen llas van dar.
    Encargar uns mandiles reivindicativos que lle repartiron os homes solidarios e que custaron 893’26 Euros.
    O que sobrou foron 78’55 Euros que os investiron en libros para “liberar” o día do libro.

    Esa foi a inversión que fixo a concelleira para concienciar á xente do significado deste día.
    Para colmo, os actos fannos un día de semana a unha hora na que as traballadoras están no seu traballo e non poden asistir.

    Eu agardo con impacencia o día que deixemos de celebrar estas cousas, e non porque non desexe ferventemente a igualdade, senón porque este tipo de actos nas mans dos políticos convírtense en pantomimas carísimas.

    Deberían deixar a organización en mans de Grupos culturais que saben o que fan e gastarían os cartos en cousas mais útiles.

  2. Non é só a miña opinión, senón que se trata dunha consideración ben xeralizada, o feito de que ese tipo de escenificacións do Día da Muller, a base de mandiles, tendales de roupa e outros mesteres domésticos, non fan senón redundar nun clixé que xa está superado, esgotado e manido.
    En calquera caso, do que se trataba era de evidenciar a situación de desuso que sofre a lingua. Non hai máis que ver (escoitar) nos Plenos, e comprobalo en actos como o celebrado esta semana.

  3. Pois debemos estar atent@s, porque na páxina web do concello empezan a escribir en castelán.
    Eu xa manifestei a miña queixa.
    Sigo nas miñas trece: a língua non se defende firmando manifestos e facendo decretos, senón con exemplos cotiáns.
    Saúdos

    • A páxina que…? Esa birria que non hai por onde collela, de pésimo deseño, contidos chuzados ao tuntún sen criterio, sen orde nin concerto, con escasa información e, por riba, como apuntas, castelanizada? Vergoña allea de páxina web, para un concello do “nivel” de Marín. Grazas pola visita e polos comentarios. Saúdos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: