Publicado por: MontePituco | 17/03/2011

MESA POLO PATRIMONIO

Estase a constituir unha Mesa polo Patrimonio de Galicia. Xa conta con máis de 150 integrantes en Facebook aos poucos días de presentarse a proposta. Defínese nestes termos:

“Este grupo tenta discutir abertamente sobre a posibilidade de crear unha Mesa polo Patrimonio de Galicia: unha asociación ou outro tipo de entidade orientada a denunciar, informar, avaliar e facer visibles as agresións de todo tipo ao patrimonio cultural do país”.

Entre os seus promotores, o xornalista Manuel Gago, quen, no seu blogue, Capítulo Cero, formula as liñas estratéxicas desta iniciativa e as motivacións que o levaron a lanzala. Benvida sexa, sumámonos con entusiasmo e espírito construtivo, e animamos a todas as persoas sensibles co patrimonio material e inmaterial, a contribuir activamente.

“Nos últimos meses tiven a fortuna de contactar, dialogar e conversar de vagar con bastantes asociacións de defensa do patrimonio ao longo de toda Galicia. Xente voluntariosa, habitualmente vinculada a unha comarca, que exercen traballos de defensa activa do patrimonio, pero tamén de concienciación social. Na medida das súas posibilidades, o traballo de toda esta xente é modélico: supón horas de tempo persoal, sacrificio das relacións familiares para achegarse a traballos por veces ingratos e, moitas veces, conflitivos. Esta xente ten un mérito enorme.

Pois ben, sorprendeume a coherencia dunha idea que unha e outra vez se repetía en todas as conversas cos directivos destas asociacións. E sorprendeume porque os meus amigos ben saben todo o que levamos falado, desde hai anos, sobre esta cuestión. A idea é a seguinte.

-Precisamos unha Federación ou Asociación Galega de Defensa do Patrimonio.

Isto é unha cuestión importante. As asociacións, nos seus procesos de traballo interno, decatáronse de que, por desgracia, unha boa parte das decisións sobre o patrimonio das comarcas nas que traballan tómanse fóra das súas propias comarcas. Saben tamén o difícil que é ter repercusión nas súas denuncias, e o importante que é a aparición en medios de comunicación. E saben que hai recursos e posibilidades aos que economicamente non poden chegar.

Nós levamos tempo pensando na cuestión.

Precisamos unha Mesa polo Patrimonio de Galicia. Cada día estamos vendo novos plans de agresións a espazos e lugares patrimoniais importantes. A batalla da opinión pública, especialmente no ámbito local, non está gañada porque ninguén, nin sequera, a xogou. Temos un problema real na ausencia dun liderazgo claro na administración pública en políticas de patrimonio. E moitos máis problemas. Hai que dar un paso máis alá. Porque aínda que pasan os anos, a conciencia política e social sobre o patrimonio non mellora, e mesmo empeora por momentos.

Penso nunha sorte de Federación na que poidan participar todas as asociacións e que permita optimizar e centralizar recursos de cara a protección e defensa do patrimonio de xeito máis eficiente, intervindo alí onde as asociacións son febles. Por facernos unha idea de tres servizos que podería asumir esta Mesa Central.

a) Servizo xurídico. Contratar a avogados especialistas en patrimonio histórico e materias de dereito adicionais que permitan elaborar guías de actuación legal ante as agresións ao patrimonio e tamén facer consultas sobre problemáticas efectivas. Un dos principais problemas, por experiencia teño comprobado, das denuncias sobre unha agresión ao patrimonio, é o escaqueo. Todo o mundo, desde a Guardia Civil, os concellos ou a Dirección Xeral de Patrimonio, tentan escaquearse de responsabilidades ou paralizar os expedientes. Determinar as responsabilidades con rapidez é clave para saber como actuar e contra quen. Os servizos xurídicos permitirían crear unha guía de documentación ao que as asociacións poden acudir para tramitar e xestionar por escrito -que é o que realmente importa- as cuestións.

b) Gabinete de comunicación. Agás que haxa alguén con certa experiencia, a relación entre as asociacións e os medios de comunicación é limitada. O medio só coñece a xente do ámbito local e, dependendo das capacidades e do tempo, o traballo cos medios é máis ou menos amplo. Pero a información que aparece nos medios locais (agás cando falamos de edicións vinculadas ás grandes cidades) basicamente a penas ten incidencia nos políticos (que se poñen máis nerviosos do que imaxinades cando ven cousas no papel. Mirade o cambio de discurso que deu o Presidente do Goberno sobre o tema do castro de Baroña a partir da presión de La Voz de Galicia e El Correo Gallego. Pasou de “que busquen os recursos fóra de Galicia” (!!!) a “a ver o que podo facer”. O Gabinete de Comunicación tería a tarefa, nada fácil, de conectar estas incidencias locais coa súa circulación en medios galegos ou de máis aló. O Gabinete tamén tería que conectar a todas estas asociacións coa gran maré de Internet, apoiando o activismo en redes sociais e xestionando e coordinando o web xeral.

c) Servizo de Informes. O servizo de informes debería facilitarnos información sobre cal é a situación real do patrimonio en Galicia. Ata o momento, só contamos cun informe de incidencias anual, que é o que elabora o Fiscal de Patrimonio de Galicia. Pero este informe só recolle actuacións xudiciais e denuncias, non o impacto efectivo sobre o patrimonio. O Servizo tamén contaría cunha base de datos activa e en liña con todos os puntos en conflicto, ou susceptibles de ser afectados por obras públicas e privadas, e canalizaría a incorporación de novas denuncias e información. O resultado sería un valioso recurso para coñecer en tempo real a situación do patrimonio.

Outras consideracións

A Mesa polo Patrimonio de Galicia debera estar integrada por asociacións pero tamén por membros a título individual. O seu Presidente debera ser unha figura de recoñecido prestixio, pero tamén con capacidade de decisión e xestión. Estamos falando de alguén con tempo libre que dedicarlle á cuestión, apoiado por algúns membros da directiva con capacidade tamén de xestión efectiva. A referencia para a imaxe pública que debe ter esta Mesa é Greenpeace ou Amnistía Internacional: entidades que pola súa reputación son capaces de preocupar aos gobernos e que son recoñecidas internacionalmente como independentes.

A Mesa polo Patrimonio de Galicia debera ter mecanismos importantes para evitar a partidización da entidade, un risco perigoso ao meu ver. O patrimonio importa en Galicia, máis do que moitos pensan. É unha magnífica ferramenta electoral en malas mans. Os titulares da directiva e os membros deberan velar porque na Mesa polo Patrimonio haxa unha integración efectiva de persoas de diferentes ideoloxías. E cando digo todas, non me refiro a integrar á U e ao Encontro Irmandiño. Refírome a que haxa xente de todas partes. Aquí deben caber todos. Debe ser un movemento organizado efectivamente pola base.

A Mesa polo Patrimonio de Galicia debe basearse no cumprimento das normativas e leis vixentes en relación ao patrimonio en Galicia, neste momento basicamente non aplicadas en moitos casos. Debe exercer unha función de vixiancia da Administración en beneficio da transparencia e efectividade das súas funcións estatutarias en defensa dun dos bens máis valiosos deste país. Non só debe tutelar o papel da Administración de cara os recursos, senón o da Administración entre os seus departamentos. Nos vindeiros días escribirei un post sobre esta cuestión, que debe ser analizada máis de vagar.

A Mesa polo Patrimonio de Galicia pode ser interlocutor dos poderes, pero debe evitar caer na tentación de chegar a convenios de financiamento de actividades, etc. coas administracións; en realidade, debera prohibilas por estatutos. Cunhas funcións moi definidas e realistas, debe procurar a autosustentabilidade e a autoxestión evitando situacións que poidan derivar na perda de independencia e credibilidade. Polo tanto, o seu crecemento debe ser moi medido e moi reducido, para poder manterse áxil e evitar o colapso.

A Mesa debe integrar á sociedade civil, pero tamén aos profesionais da Arqueoloxía e Historia que queiran participar. Os afeccionados son unha parte capital e histórica, desde hai máis de cen anos, na defensa do patrimonio cultural deste país. E os profesionais permiten dotar de músculo a argumentación. Cómpre vincular o que agora está separado pero durante moito tempo, nas épocas da Xeración Nós e no Rexurdimento, estivo unido.

Coda.

Desde xa autoexclúome da directiva desta Mesa polo Patrimonio de Galicia. Nin estou formado para algo así nin teño tempo, xa que durante estes anos andarei metido en demasiadas guerras. Tamén suliño aquí que, de crearse esta Mesa polo Patrimonio de Galicia e convencerme o resultado, faríame membro sen dubidar e prestaría asesoría gratuíta en termos de comunicación corporativa ou produtos interactivos, que é do pouco que sei”.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: