Resulta que Galicia aspira a ser a nova Holanda, pero cun resultado que vai tirar a feo, para desgusto dos detractores do “feísmo” urbanístico. Esa imaxe bucólica dos muíños de vento holandeses que, dende o século XIII movían a auga dunhas canles a outras, contrastará negativamente -a esta beira do Atlántico- co feixe de torretas eólicas que van coroar as serras e os montes galaicos se prosperan as concesións que tramita a Xunta en beneficio de empresas que se van forrar a conta do aire. Todos os recursos naturais, mercantilizados: os combustibles fósiles e o gas, a luz do sol, tamén o aire que respiramos e a auga que sae das nosas billas.
Esta semana divesos colectivos e persoas a título individual reuníronse en Marín para informarse do proxecto para instalar un parque eólico admitido a trámite -non aprobado aínda- no lugar de Pedras Negras, nos Montes do Morrazo. 42 megawatios que poden supoñer algo máis dunha ducia de mástiles de ferro con aspas, que se van sumar aos máis de 4.000 muíños que “okupan” o noso territorio. Véndese como enerxía limpa, pero un dos participantes no coloquio advertía que os parques eólicos son do máis agresivo que lles pode tocar aos potenciais afectados: un impacto paisaxístico continuo, a desfeita do terreo coa apertura de pistas que irremediablemente levarán por diante xacementos arqueolóxicos e o que se interpoña no camiño, millóns de aves mortas entre as coitelas, danos incuantificables nos nacentes dos ríos, regatos e acuíferos que fornecen de auga para consumo doméstico ou de regadío, un ruído permanente en toda a área de influencia…
…Sobran os motivos para procurar a paralización deste proxecto e doutros que tamén están a piques de arruinar espazos emblemáticos como a Serra do Galiñeiro, onde unhas 2.000 persoas se mobilizaron en protesta contra a intención da Xunta de favorecer economicamente a un astaleiro que se apuntou ao lucrativo negocio do vento. Noutros puntos, por desgraza, a batalla foi “daquela maneira”: nin con toda a súa bagaxe mitolóxica de monte sagrado dos celtas, o Seixo (Cerdedo) puido contra a invasión dos aeroxeneradores. Pero xa van empezando a xurdir sentenzas do Tribunal Supremo que lles paran os pés aos promotores desas actuacións.
Partindo da base de que cómpre producir enerxía mentres non haxa capacidade para sermos sostibles, é inevitable asumir a existencia de parques eólicos en Galicia. Pero non en calquera lugar, malia que a realidade -á vista do mapa elaborado polo Instituto Enerxético de Galicia- nos pinta un país convertido nunha tarta dividida en múltiples porcións, cada cal máis doce para o padal egoísta dos adxudicatarios, que non revertirán os seus pingües beneficios no chan sacrificado nin nos seus lexítimos propietarios. Tanto é así que, ao tratarse dun ben de utilidade pública, pódense emprender procesos expropiatorios para obter os terreos contra a vontade veciñal.
Comunidades de montes, colectivos sociais, ecoloxistas, toda a cidadanía unida pode revertir a situación, habendo conciencia. Nese foro organizado polo Colectivo Nacionalista de Marín, e no que participaron representantes de Luita Verde, Verdegaia, do departamento de Economía Ecolóxica da Universidade de Vigo, e SOS Groba, plantexáronse algunhas alternativas: destinar a parque eólico espazos “degradados” -como os trazados das autoestradas- para evitar que se estraguen outros en bo estado ou sustituir os aeroxeneradores obsoletos dos parques máis antigos por outros de mellor rendemento.
Fronte ao “expolio do mundo rural” e á “industrialización do monte” criticada por Xosé Lois Vilar, da Plataforma en Defensa da Serra do Galiñeiro; fronte á vulneración das figuras de protección ambiental que, no caso dos Montes do Morrazo están declarados como Solo Rústico de Protección de Espazos Naturais; fronte aos millóns de euros que xerarían as torretas en Pedras Negras e das que só se verían as migallas… quedamos cunha frase de Xilberte Manso, da mesma Plataforma: “Non se poden estragar todas as serras para facer parques eólicos, hai valores que non se poden cuantificar en euros”.
[…] MOBILIZACIÓN CONTRA O PARQUE EÓLICO NO MORRAZO […]
By: EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO: CAMPAÑA INFORMATIVA « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 03/05/2011
at 23:57