Cando o pasado verán DEFENDE O MONTE PITUCO presentaba alegacións ás Directrices de Ordenación do Territorio -e con nós, tamén outras entidades da bisbarra- abogábase xa pola protección integral dos Montes do Morrazo. Agora, dez colectivos únense para crear unha Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo: Almuinha. Ronsel, Parapente Morrazo, Colectivo Nacionalista de Marín, Luita Verde, Anuxía, Foro Social, Plataforma Praza Os Praceres e Defende o Monte Pituco.
Polígonos industriais por canto recuncho hai, desafección de espazos naturais que antano contaban con figuras administrativas de protección ambiental, e agora un decreto eólico que pretende chantar un feixe de muiños nun dos curutos máis emblemáticos desta península, no corazón das Rías Baixas. Os concellos de Marín, Bueu, Moaña, Vilaboa e Cangas teñen unhas paisaxes privilexiadas, uns montes que, cunha correcta xestión, poderían ser un referente a nivel económico e sostible. Cunha ordeación axeitada e racional do territorio, o progreso e o respecto polo medio natural poden ser compatibles. Por desgraza, os Gobernos locais e autonómico móvense por intereses electoralistas e escuros compromisos coas grandes corporacións. Aos cidadáns non nos queda máis remedio que plantarnos, erguernos e unirnos cando se eses intereses e eses compromisos chocan cos nosos dereitos e cos nosos principios.
PLATAFORMA EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO
O espazo natural dos Montes do Morrazo, no que se solapa o de Cotorredondo, abrangue 1032 Has. de solo protexido a nivel provincial compartido polos concellos de Marín, Moaña e Vilaboa. Nel e entre afloramentos graníticos están ubicados:
Os cumios da comarca, Faro, Coto do Home e Cotorredondo, a máis de 600 metros de altitude con fermosas e amplas vistas panorámicas das Rías Baixas, Illas Atlánticas e serras do interior de Pontevedra ata Ourense e Portugal.
As áreas arqueolóxicas dos Sete Camiños e as de Chan de Castiñeiras, de Armarda e de Arquiña, que a parte dos gravados rupestres representa como máximo valor a práctica totalidade da arte megalítica existente na comarca e un referente tamén a nivel galego.
Os parques forestais e áreas de lecer de Castiñeiras e de Chan de Arquiña, de gran interese botánico, social e cultural.
Os nacementos dos ríos Lameira, Loira, da Fraga, Barranco do Faro, Caiauga, da Freixa, Miñouba, Riomaior e Toimil coas súas áreas de ribeira de interese natural, fluvial, hídrico, etnográfico e incluso marisqueiro por formar algúns intermareais nas das súas desembocaduras.
Bosque autóctono e de repoboación xunto con outras de mato e pasteiros en monte privado e mancomunado de interese natural, forestal e gandeiro.
As brañas de Castiñeiras e de Corno Pineda, incluídas xunto coa lagoa de Castiñeiras no inventario de humidais de Galicia.
O GR59 Roteiro Ecolóxico do Morrazo, como principal arteria do sendeirismo na comarca, asimesmo como roteiros sinalizados de bicis de montaña e puntos de salto aéreo de parapente.
Sen embargo e sumado ás afecións consumadas de saturación paisaxística e electromagnética de antenas de telecomunicacións e o impacto medioambiental producido pola construción do corredor de alta capacidade do Morrazo, dentro dun modelo de desenvolvemento claramente especulativo e totalmente insustentable, están as ameazas futuras dun parque eólico de 42 MW aprobado pola Xunta de Galicia en Pedras Negras, entre os cumios do Faro e o Coto do Home, un parque industrial de 229.330 m2 no monte Pornedo planificado polo concello de Marín no seu PXOM , e un macroparque industrial de 1.500.000 m2 aprobado pola Xunta de Galicia que conxugaría o de 460.000 m2 planificado polo concello de Moaña a traveso do seu PXOM na Cruz da Maceira e o de 1.152.021 de m2 planificado como reserva na Pastoriza polo concello de Marín no seu PXOM máis o desdobramento do corredor de alta capacidade en autovía e as obras de ampliación da estrada PO-313 Marín-Moaña contempladas no Plan Vigo Íntegra, agora Plan Move.
A protección actual deste espazo natural, solo rústico de proteción de espazos naturais, proíbe calquera actividade industrial no terreo protexido.
Ademais este espazo é susceptible de cumprir cos parámetros para a entrada nunha futurible ampliación da Rede Natura europea dadas as súas condicións bioxeográficas, tanto pola existencia de fauna e flora silvestre como de hábitats naturais prioritarios no seu seo.
E por engadido pasa por ser xunto co Carballal de Coiro, carballeiras de Cela, Ardán e Pastoriza, serra da Magdalena, montes de Varalonga, Borrallido e Campelo , montes do Hio, monte de Tirán, Outeiro de Campolongo e monte Cernello, monte das Penizas, montes Sobareiro e da Cova dende Loira ata a praia do Santo, monte de Cabalo, e as áreas fluviais de ribeira dos vales contíguos, un corredor ecolóxico necesario para conectar coas rías de Vigo e Pontevedra e cos espazos da Rede Natura existentes no litoral da comarca e península do Morrazo da Enseada de San Simón, Costa da Soavela e Cabo Udra, dentro dunha comunidade autónoma que destaca tristemente por estar ao rabo do Estado e de Europa en proteción de espazos naturais.
Polo arriba citado e máis solicitamos que se cumpra coa legalidade e se proceda á protección íntegra, real e efectiva do espazo natural Montes do Morrazo.
[…] EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO […]
By: EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO: CAMPAÑA INFORMATIVA « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 03/05/2011
at 23:57